Apoio e solidariedade co CSO A Insumisa

Apoio e solidariedade co CSO A Insumisa

225

A fórmula dos Centros Sociais, como aposta de apertura de espazos liberados á veciñanza, baixo métodos asemblearios, é unha das estratexias medulares do movemento social do noso país. Alén da  simpatía de cada quen coa dirección de cada proxecto, a formulación de Centros Sociais co carácter de Okupados (os coñecidos como CSO) desafiaron dende o principio a lóxica única do capitalismo e a súa máquina especuladora, en canto levan anos poñendo en cuestión a existencia da mesma propiedade privada. Parécenos esencial que dende diferentes frontes se poñan en marcha proxectos de combate que lle fagan fronte a un sistema patriarcal e capitalista que nos quere pequenas e manexables. Cada un dos proxectos son piar da unidade popular tan necesaria.

Está claro que a propia fórmula CSO, en canto antagonista da propiedade privada, e a autodenominada “nova política” poden convivir pacíficamente, pero só en canto non se instala a contradición ou a batalla polo Espazo Urbano. Mesmo no caso da Coruña, moitas e moitos dos concelleiros e concelleiras que hoxe “desokupan” onte okupaban como estratexia sociopolítica, e con esa mochila dicían chegar ao goberno municipal.

Parécenos esencial que dende diferentes frontes se poñan en marcha proxectos de combate que lle fagan fronte a un sistema patriarcal e capitalista que nos quere pequenas e manexables

O CSO A Insumisa nacía a finais de 2016 no edficio abandonado da antiga Comandancia de Obras. O PP non desaproveitou a oportunidade de lle poñer ao goberno da Marea Atlántica a súa primeira trampa: o Ministerio de Fomento, coñecedor da Okupación do espazo da Comandancia, decidiu cederlle o edificio en ruínas ao goberno municipal, co caramelo envelenado polo valor dun millón douscentos mil euros para a reforma sometendo, sen palabrerías, este financiamento á efectiva desokupación do espazo. Aí naceu o proxecto das Naves do Metrosideiro, co que o Concello coruñés lle quería dar un uso público (e dirían que autoxestionado) a un espazo xa comunitario e autoxestionado.

Alguén dixo que o poder non transforma ás persoas, senón que simplemente revela o seu talante. Nós correxiríamos este dito da seguinte maneira: “o poder non transforma ás persoas, as persoas débense á súa condición de clase”. O goberno da Coruña non é, dende logo, o goberno das obreiras e obreiros. E como tal non actou facendo política, senón mera xestión. Neste sentido, a saída que tomaron (a desokupación violenta do espazo) é a mesma que tomaría un goberno do PP ou do PSOE, e en decisións politicamente estratexicas, como o uso do espazo urbano, isto fainos parecidas e parecidos. Pensar que calquera concelleira ou calquera alcalde cun mando efectivo do proceso de desokupación valorase tan só un momento que podería existir con tal nivel de conflito unha desokupación pacífica é propoñernos ilusións baratas.

Neste desaloxo tocáronos a todas as que defendemos, soñamos e construimos un sistema que coloque as vidas e a dignidade no centro e non a explotación e sumisión

E así foi: un desaloxo acompañado de niveis extremos de brutalidade policial. O 23 de maio a policía local cargou contra as activistas que se manifestaban fronte a Insumisa causando múltiples feridas e abríndolle a cabeza a varias delas. Usaron porras extensibles e impediron expresamente que se lle levasen alimentos e bebida a dúas compañeiras subidas ao tellado do CSO que defendían o espazo. Pola noitiña a Policía Nacional, máis acostumada a estas lides, completou a faena con máis feridas e un detido.

Agora, despois de tan incomprensible pero esperable actuación chega un novo momento: o momento no que a “nova política” debe inventar un relato xustificatorio da barbarie, poñéndose de lado ante todo o que pasou, e sendo, sen parecelo, un ordinario goberno de mera xestión deste sistema.

Desde a Central Unitaria de Traballadoras condenamos a brutalidade policial, ás responsables deste ataque ao movimento social e a todo intento de someter ás persoas que traballan día a día pola transformación social e os espazos comunitarios. Neste desaloxo tocáronos a todas as que defendemos, soñamos e construimos un sistema que coloque as vidas e a dignidade no centro e non a explotación e sumisión. Por iso, chamamos a todas as compañeiras e compañeiros a secundar todas as mobilizacións en apoio e defensa do CSO A Insumisa. Porque, as cabezas abertas sempre son as nosas.