XI Congreso de STEILAS: saúdo da CUT

XI Congreso de STEILAS: saúdo da CUT

57

Esta fin de semana o STEILAS, sindicato basco de ensino, celebrou o seu XI Congreso. A CUT non puido estar presente na cita, pero enviou o seguinte saúdo:

“Queridas e queridos congresistas. Compañeiras e compañeiros das delegacións sindicais convidadas. Desde a Central Unitaria de Traballadores/as (CUT) de Galicia, queremos saudar ó voso XI Congreso. Desexámosvos o mellor e o maior éxito no mesmo. Estamos con vós, porque sabemos, e porque tamén é a nosa tarefa, da necesidade de fornecer o sindicalismo de clase, nacional e alternativo.

Nunha etapa histórica onde o Capitalismo trata de dobregar á clase traballadora a niveis do século XIX, só o sindicalismo combativo, clasista e anti-sistema poderá facerlle fronte ás embestidas do Gran Capital. Só a unidade obreira e popular poderá acabar co Réxime do 78 que oprime a pobos e persoas.

A vosa tarefa sindical no sector do Ensino é fundamental. O Capitalismo e os seus xestores do PP, mañá do PSOE ou Ciudadanos, intentan de maneira descarada, máis que nunca, a imposición da idea da España Franquista que nunca deixou de selo, para negar o feito nacional de Euskal Herria, Paisos Cataláns, Galicia ou as Illas Canarias. Vós, homes e mulleres do Ensino tedes unha tarefa colosal na batalla ideolóxica, pedagóxica e cultural para impedir a imposición españolizante.

Compañeiras, compañeiros; un saúdo galego, de clase e internacionalista”.