Palestina: xenocidio e punta de lanza fronte o imperialismo

Palestina: xenocidio e punta de lanza fronte o imperialismo

55

A CUT participou recentemente dunha delegación sindical europea a Palestina. O obxectivo da mesma non foi  outro que o de trasladar a nosa solidariedade ás traballadoras e traballadores e contribuír a rachar o bloqueo do imperialismo á loita heroica dese pobo ocupado desde 1948 polo Estado Sionista de Israel.

Durante a estadía na Cisjordania mantivemos unha intensa axenda de encontros con distintos factores sindicais e sociais: sindicatos, organizacións de Dereitos Humanos, organizacións de Mulleres e mesmo visitas a Campos de Refuxiados.

Nun momento histórico de progresiva manipulación informativa, dirixida desde os centros de poder por quen manda no Mundo, puidemos constatar in situ o drama deste pobo sometido a un xenocidio planificado polo sionismo e o apoio activo, que non só cómplice silencioso, das potencias imperialistas, nomeadamente os EEUU e a Unión Europea.

Para entender, analizar e chegar a conclusións sólidas do que acontece co pobo palestino, necesariamente temos que situarnos no contexto do papel xeoestratéxico asignado ao pseudoestado de Israel polo imperialismo, fundamentalmente por Inglaterra nos albores do pasado século e logo, dende 1948 pola xeneralidade das potencias imperialistas occidentais.

A Cruzada occidental-católica medieval ten unha continuidade coa ocupación sionista que permanece aínda hoxe e cuxo obxectivo real e concreto é a eliminación física das palestinas e palestinos. Se no século XII o interese das razias propiciadas polas monarquías medievais europeas era o dominio do Roteiro da Seda e a ocupación da Terra Santa, hoxe é o dominio xeopolítico e estratéxico dos inxentes recursos enerxéticos do chamado Oriente Medio e o acceso físico ós recursos transcaucásicos. Aí sitúase o rol desenvolvido polo Estado criminal israelita.

Que ninguén pense que cando afirmamos ou falamos da eliminación de Palestina, é unha esaxeración. O estado sionista, desde a mesma creación no ano 1948, planificou todo un deseño militar, demográfico, cultural e económico destinado a expulsar do seu territorio histórico á poboación palestina, en segundo lugar a súa asimilación e invisibilización e en terceiro a eliminación física, así como sona.

Na actualidade o 60% da poboación palestina está no exilio, arredor de seis millóns de homes e mulleres, e o 42% dos que aínda continúan en territorio palestino viven en Campos de Refuxiados tutelados pola ONRWA, organismo das Nacións Unidas. Contra o pobo de Palestina, o estado sionista ten promulgado ducias de leis de carácter xenófobo e racista, desde clasificar os cidadáns en categorías pola cor do seu carnet, a expulsión masiva das súas terras ou a aplicación da lexislación militar, con controles continuos, a construción de muros interminables, a imposición de comunidades ultra-relixiosas, ou a implementación da represión e a violencia con lexións paramilitares.

Aínda así, o pobo palestino resiste. A pesar da deixación ou a traizón por parte da maioría política (Autoridade Nacional Palestina e da OLP), a poboación civil coa súa creatividade resiste no día a día as políticas criminais e de exterminio israelita.

As mulleres coas súas organizacións (UPWC) que está activa desde 1970, a xuventude resistente nunha intifada interminable, os sindicatos emerxentes desobedecendo á corrupta e oficialista da UGTP, (ILCU, WUCP, etc.) e as innumerables organizacións sociais de avogados, de refuxiados, de activismo internacional (BDS),culturais, etc.

PALESTINA EN NÚMEROS

12 millóns de habitantes, é a poboación palestina actual. Máis de oito millóns están no exilio, repartidos por todo o Mundo; Xordania, Líbano, Siria, Irak, Turquía, Exipto,…

6 millóns de habitantes é a poboación aproximada do Estado Sionista. O 95% son emigrantes arrastrados desde a Europa do Leste (Rusia, Hungría, Ucrania,..) desde o ano 1948 á actualidade. A Constitución do Estado Sionista considera nacional de Israel calquera cidadán do Mundo que acredite un antepasado xudeo.

1920. Palestina é unha colonia inglesa. A súa poboación no sua maioría é árabe sobre o 80%, e o restante 20% repártese entre palestinos e palestinas cristiáns (católicos, Igrexa Grega e Igrexa de Armenia) e xudeos. Toda a súa poboación con independencia da súa crenza cultural ou relixiosa fala o árabe e a harmonía na sociedade é total.

1942. Grupos de cristiáns palestinos vinculados ó PCP comezan o proceso armado para liberar Palestina do colonialismo inglés.

1948. Creación do Estado de Israel. A ONU parte en dous o territorio palestino repartindo o mesmo endous supostos estados. Este ano é coñecido como a Naqba (catástrofe en idioma árabe).

1964. Nace a Organización para a Liberación de Palestina (OLP). Integran esta fronte política; Al Fhata, o FPLP, o P. Comunista Palestino e máis tarde o FDLP e o PPP. Xurde como lider máximo Yaser Arafat.

1967. Guerra dos Seis Días. Con ese nome pasou a historia o conflicto bélico que enfrontou ós sionistas con unha alianza de países árabes: Exipto, Siria, Xordania e Iraq. Por medio desta guerra o Estado Sionista ocupou, a Franxa de Gaza, Cisjordania, o Sinaí exipcio e os Altos do Golán de Siria.

950.000 palestinas e palestinos son expulsados das súas terras ese mesmo ano.

1987. Primeira Intifada. Levantamento xeral da poboación palestina. Imáxen histórica das pedras dos nenos palestinos fronte os tanques israelitas. Morreron máis de 1200 palestinos e palestinas.

1993. Acordos de Oslo, antre a OLP e o Goberno Sionista. Instáurase a chamada Autoridade Nacional Palestina (ANP).

2000. Segunda Intifada. En resposta a visita provocadora de Ariel Sharon a Xerusalem.

2013. Conversacións de Paz, fracasadas e suspendidas por Israel. Desde esa data autorizaron a construcción de 21.000 novas vivendas en territorio da ANP.

2017. Terceira Intifada. En resposta a declaración polo Estado Sionista de Xerusalem como capital de Israel.