Victoria feminista ante o maltrato no traballo do fogar

Victoria feminista ante o maltrato no traballo do fogar

163

Os 25 días de loita contra o maltrato e racismo laboral cara unha compañeira traballadora do fogar en Compostela rematan cunha victoria feminista e sindical.

A compañeira S. reivindicou o seu dereito a ser tratada como unha traballadora. Por moito que o intenten, ser empregada do fogar, muller e migrante racializada nunca se converterá en sinónimo de maltrato impune. S. pedía ter unha xornada laboral digna, e non maratóns ilegais e abusivos de 12 horas, e a devolución dos cartos que lle adebedaban.

A resposta dos empregadores foi a negación, a mudanza da carga laboral e a retirada da palabra nun intento de destruir a valentía e forza da compañeira S. que sempre se amosou decidida a loitar ata o final.  As rúas tampouco quedaron caladas. Compañeiras do movemento feminista autónomo xunto á Secretaría das Mulleres da CUT levaron a cabo diversas concentracións fronte a casa dos empregadores.

A agresividade dos empregadores, que baixaban a gravar ás compañeiras que na concentración esixían o respecto dos dereitos de S, e as continuas identificacións por parte da Policia Nacional non puideron coa solidariedade obreira e a forza do feminismo.

Continuar traballando nese fogar xa non era unha opción para S. Os 25 días de loita convertéronse nun acordo a través do que se lle recoñeceu a S. a extinción do contrato e a improcedencia do despedimento xunto a todas as cantidades que lle adebedaban, incluídas as que lle pertencían pola vulneración ao seu dereito ao descanso.

Esta victoria é, primeiro, de S. e das persoas que a apoian e acompañan na súa vida. Tamén por todas as que nalgún momento non puideron loitar contra os abusos pero que pelexaron por sobrevivir. Ademais, este éxito é de todas as que  loitaron polos dereitos de S. e de todas as compañeiras que poñen o corpo, a voz e as forzas ante as agresións laborais e machistas.

O traballo dos coidados sostén as nosas vidas e urxe que reciba a súa correspondente valorización e respecto. O sistema capitalista e patriarcal non seguirá nutríndose do traballo dos coidados realizado por mulleres sen ningunha remuneración ou a través de salarios precarios e ínfimas condicións laborais. O recoñecemento e valor dos coidados resulta imprescindíbel na loita contra o capitalismo.

Por iso, os esforzos das compañeiras que forman parte da Secretaría das Mulleres da CUT continuarán con este compromiso pola reivindicación dos dereitos das traballadoras dos coidados e das traballadoras de empregos feminizados. Esta victoria feminista e sindical non é un punto final senón un impulso para continuar abrindo camiño nesta loita por todas nós. Somos imparábeis e querémo-lo todo! Por un sindicalismo feminista e un feminismo de clase!

Secretaría das Mulleres da CUT