Símbolos versus discurso e praxe

Símbolos versus discurso e praxe

310

Ricardo Castro Buerger  Secretario Xeral da CUT

Houbo un día, no ano 2008, no que se fixo evidente unha nova crise do sistema capitalista, e dende entón o mundo moveuse moito máis rápido, probablemente para confundirnos, impedir a reflexión e levarnos de novo ao punto de partida. Ora ben, paga a pena pararse nalgúns dos acontecementos que se están a dar sen que lle deamos moita importancia. Velaí van.

A primeira das consecuencias da tan nomeada crise foi que calquera factura ía caer sobre a clase traballadora, e non só para pagar as débedas contraídas polos causantes da crise, senón tamén para asumir que a nosa forza de traballo, as nosas condicións de vida e os nosos dereitos cotizarán progresivamente á baixa.

as pensións e o 8 de Marzo serven para explicar este argumento. O movemento pola defensa das pensións comeza pola acción dos pensionistas e das pensionistas, que se organizan ao marxe dos sindicatos e partidos por medio de MODEPEN

A segunda consecuencia foi a aparición do que deron en chamar a nova política coma alternativa radicalmente diferente ao existente, que denunciaba o réxime do 78 por corrupto e antidemocrático ao tempo que reclamaba a unidade popular coma ferramenta de acción. Esta nova política, nos seus inicios defendía con arroubo a mobilización das rúas por riba da política institucional. Unha vez que chegaron ás cadeiras parlamentarias a rúa deixou de seren ferramenta principal para converterse en anecdótica, primeira traizón. Unha vez que apareceu a posibilidade de situar ao réxime do 78 contra as cordas durante o “proces” decidiron darlle cobertura e tirar pola borda unha oportunidade histórica, segunda traizón. Por último, ao longo destes anos, mantiveron un discurso de unidade popular cando en realidade están a traballar por siglas, terceira traizón.

a primeira das consecuencias da tan nomeada crise foi que calquera factura ía caer sobre a clase traballadora

A terceira das consecuencias é a confusión intencionada do discurso, a destrución da unidade popular para reforzar intereses particulares. Neste último mes temos varios exemplos ben claros sobre a contradición entre o discurso dalgunhas organizacións e o seu comportamento, non coincidindo a súa insistencia discursiva na defensa do común coa constante obsesión por marcar terreo. As pensións e o 8 de Marzo serven para explicar este argumento. O movemento pola defensa das pensións comeza pola acción dos pensionistas e das pensionistas, que se organizan ao marxe dos sindicatos e partidos por medio de MODEPEN. Esta organización contacta cos sindicatos para que apoien e aquí topamos coa primeira eiva: as centrais maioritarias non se atopan a gusto porque non dominan a organización, a opción que elixen é manterse ao marxe –pero aparecendo coa bandeira cando hai prensa e micro para falar a pesares de ser cómplices do que está a pasar- ou montar o seu propio chiringuito contraprogramando, é dicir, preferir o interese e rendemento particular das súas siglas por riba do interese xeral.

os símbolos, por moito que representen, deixan de ter valor cando se contradín co discurso e a praxe

O 8 de marzo foi a posta en escena do ridículo das marcas. O movemento feminista organizou folga de coidados, consumo e laboral de 24 horas para ese día, o único que lle pediu aos sindicatos foi o trámite burocrático de convocala, non organizala nin abandeirala. As tres grandes centrais sindicais do panorama galego decidiron non convocar folga, só paro de dúas horas, mentres que o sindicalismo minoritario asumiu a petición do feminismo: convocar a folga e colaborar onde se lle pedira sen protagonismos. O día 8 as concentracións e manifestacións estaban cheas de bandeiras das centrais que non convocaron folga do mesmo xeito que a lapela de Rajoy e Rivera lucían o lazo morado, por interese partidario.

Do mesmo xeito que as palabras máis fermosas perden o seu significado e fermosura cando as pronuncian determinados individuos, os símbolos, por moito que representen, deixan de ter valor cando se contradín co discurso e a praxe.