“Antes traballaba de interna e facíanme sentir menos, pero xa non o...

“Antes traballaba de interna e facíanme sentir menos, pero xa non o consinto”

114

ENTREVISTAS 8M-FOLGA FEMINISTA

O maltrato aparece en practicamente todas as historias das traballadoras do fogar, sobre todo nas migrantes. Un maltrato que é institucional xa que, por exemplo, continúan sen ter o dereito básico a un subsidio por desemprego coma as traballadoras doutros sectores. Ademais, enfróntase ao racismo das e dos seus empregadores atacando a súa autoestima. Dúas compañeiras relátannos a súa historia e como encaran a folga feminista de 24 horas e as mobilizacións convocadas polo movemento feminista. Para elo, deciden protexerse e non revelar os seus nomes. Serán, para nós, Tomasa e Maritza.

Cales son as vosas condicións de traballo?

Tomasa: Estou traballando por horas nun centro de día en Compostela. Non son sempre as mesmas, vanme avisando dunha semana a outra e algunha vez, no mesmo día. Levo alí uns meses, desde setembro. Acompaño a persoas maiores ao hospital, axúdoos a ducharse, etc. Aparte diso, pola tarde tamén fago horas que van variando. En total, fago unhas trece horas á semana.

Maritza: Levo 11 anos traballando na mesma casa arredor de 25 horas semanais. Estou contratada e recoñécenme as vacacións, aínda que non as pagas. Iso si, non me respectan o horario de saída. Teño que saír ás tres e media, pero ás veces son as catro ou catro e media. E teño moitísimo traballo: cociño, limpo, plancho, fago a compra… Encárgome de todo. E é un dúplex! Cando entrei a traballar eramos dúas pero á outra traballadora despedírona e agora fago eu todo. Dígolles que chego moi tarde a casa. Dinme “si, xa, xa….” pero non o respectan.

Tomasa: Si, miran a hora de entrada pero non a de saída. Teño rematado xornadas moi agobiada. E ás veces atópaste auténticos desastres nas casas!

Maritza: Levo 11 anos traballando nesa casa. Cólleslles cariño, pero descubres que te están machacando… e haberá un punto no que digas basta. No que explotarei.

Tomasa: Antes traballaba de interna, ata que me lesionei o ombro traballando. Xa non quero estar máis de interna porque non tes espazo, non tes tempo, non tes descanso. Dinche que só tes que acompañar e é mentira.

Maritza: Hai moito abuso. Acabo saíndo ás catro ou cinco da tarde, todas esas horas sen comer e, claro, nunca me dixeron ‘toma Frida, un prato de comida’.

Notades que este maltrato que recibides está vinculado co racismo?

Maritza: Machácannos máis porque somos migrantes. Traballei cunha galega e eu facía todo o traballo e a familia dubidaba de min.

Tomasa: Ás veces dinche que vés a quitarlle o traballo ás demais. Traballamos moi duro.

Maritza: Dinche que detrás de ti, hai moitas máis. Dinche que non che poden pagar máis pero ben que che aumentan a carga de traballo! E ti aguantas porque eres o apoio básico da túa familia.

Tendes persoas no voso país de orixe que dependen do voso salario?

Tomasa: Meus tres fillos que están en Perú. Envíolles cartos cada mes.

Maritza: Meu fillo, miña nai e os meus irmáns. É moita responsabilidade porque a finais de mes solucionas as cousas na túa casa, alá. Os salarios en Perú son moi baixos e a educación costa cartos.

Levades varios anos traballando como empregadas do fogar, foi cambiando a vosa situación neste tempo?

Tomasa: Antes traballaba de interna e facíanme sentir menos, aguantar os seus gritos e escoitar que che pagan para iso. Dicíanche que eles tiñan unha carreira e que ti non. Psicoloxicamente, fanche sentir mal. Pero xa non o consinto. Neste último ano fun aprendendo. Xa non quero traballar de interna e hai cousas que xa non tolero. Aprendín que o primeiro é a nosa saude. Collín algo máis de valor. O noso corpo é moi importante. Coa lesión no ombro fun tomando consciencia.

Maritza: Estiven enferma da ciática, cunha baixa de mes e medio. Fun ao centro de saúde cando estaba xa fatal. Tamén teño problemas de estómago por non comer á hora que teño que facelo.

Tomasa: Agora síntome ben. Non fago algo que non aparece no meu contrato. Dígoo moi educadamente. Tiven acompañamento durante este proceso, atópaste persoas boas que te axudan e se preocupan. Decíanme que se non me puña forte, non me ía facer respectar. Tes que facelo. E agora síntome ben. Aprendo.

Maritza: O bo trato é moi importante.

Sabedes da folga feminista deste 8 de marzo (asinten sorrintes). Ides poder ir á folga?

Maritza: Non… Sabes? Daríame igual que me descontasen os cartos pero teño medo a que me despidan.

Tomasa: Non, e a razón é que son moitos cartos para min.

Nesta folga póñense sobre a mesa múltiples reivindicacións feministas. Cal é a vosa?

Maritza: Que se valore ás traballadoras migrantes. Vimos a traballar e debemos ser tratadas como as demais persoas. Só nos ven como un obxeto. Non, somos moito máis.

Tomasa: Imos ir á concentración das oito da tarde e faremos todo o posible para acudir á proxección do documental ‘Cuidado, resbala’ na tarde do xoves e estar con todas as compañeiras.

Todas as que o desexedes, ás 17.00 horas proxectarase o documentario ‘Cuidado, resbala’, na Casa do Matadoiro para colocar o traballo dos coidados no debate público deste feminismo que loita por transformalo todo para todas nós, sen deixar a ningunha compañeira atrás. Para todas, todo!