8-M FOLGA FEMINISTA: “Os homes pódennos quitar o posto de traballo só...

8-M FOLGA FEMINISTA: “Os homes pódennos quitar o posto de traballo só con ser homes e non ter útero”

209

ENTREVISTAS 8M-FOLGA FEMINISTA

O 53,4 por cento dos contratos cunha duración de unha semana a un mes realizáronse ás mulleres. O dato, que recolle o balance do Instituto Galego de Estatística con respecto aos primeiros nove meses do 2017, tamén sinala que o 54 por cento dos contratos indefinidos foron asinados por homes. Que sucede cos contratos que se extenden máis dun ano? O 57% realizados a homes. E os que duran de un mes a seis meses? 51,3 por cento mulleres. E de seis meses a un ano? 51,8% mulleres.

Paloma González, con formación en programación, contratárona no 2014 para un contrato en prácticas dun ano. Tras ser discriminada, e ver vulnerados os seus dereitos, loitou sindical e xudicialmente ata gañar en dúas ocasións á empresa ante os tribunais. Hoxe, INSA S.L., agora VIEWNEXT S.L. continúa vulnerando os seus dereitos. Paloma apunta: “Nós como traballadoras e mulleres estamos en desvantaxe fronte aos homes no ámbito laboral, e noutros, pero unha presión forte e o apoio do conxunto de traballadoras resulta fundamental para reivindicar os nosos dereitos laborais e económicos”.

Cal foi o conflicto que tiveches en INSA S.L.?

A finais de 2014 chamáronme de INSA S.L., agora VIEWNEXT S.L, para traballar como programadora junior con un cotrato en prácticas dun ano, prorrogable por outro máis. A oferta de traballo era para persoas recén tituladas, valía calquera titulación, e sen experiencia. Antes de comezar a traballar tivemos que facer un curso de formación sen remuneración algunha. Rematado o curso, antes de Nadal, comunícannos que nos irán chamando para incorporarnos escalonadamente ao proxecto. A min chamáronme en febreiro, pero houbo a quen non chamaron.

O tempo pasaba e eu estaba contenta no posto de traballo pero, no verán, discrimináronnos ás miñas compañeiras de proxecto e a min con respecto outros proxectos polo que formamos unha sección sindical que nos servise para equiparar os dereitos. A partir de aí, o que sucedeu foi surrealista. A empresa fixo todo o que puido para desfacer a sección sindical como despedirme a min e a outra compañeira. Despois ir ao SMAC, demandamos.

En maio de 2016, a xuíz dicta ao meu favor recoñecendo a violación do meu dereito á libre sindicalización e obriga á empresa a readmitirme. A empresa executa a sentenza e readmíteme cun contrato de tres meses que me renovan unha vez e, despois, despídenme novamente. Volvo ao SMAC, xa en 2017. Demando. En primeira instancia perdermos, pero gañamos no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. Volve obrigar á empresa a readmitirme, algo que a empresa aínda non fixo. A empresa procura facer unha readmisión fantasma de dous meses pero nós entendemos que non está executando a sentenza polo que, novamente, demandamos por readmisión irregular. Estamos xa en decembro de 2017 cando volvo gañar. A día de hoxe aínda non deixaron que me reincorpore á empresa polo que continúo en loita.

É o sindicalismo unha boa ferramenta para defender os nosos dereitos como traballadoras e mulleres?

Non me cabe a menor dúbida. Téñoo moi claro. A loita sindical non só é unha ferramenta senón que é a maneira de loitar. A miña loita non só é miña, é de todas e todos. Nós como traballadoras e mulleres estamos en desvantaxe fronte aos homes no ámbito laboral -e noutros tamén-, pero unha presión forte e o apoio do conxunto das traballadoras resulta fundamental na reivindicación dos nosos dereitos laborais e económicos, polo que o sindicalismo vese imprescindible.

Quedan cousas por mellorar no sindicalismo?

Todo é mellorable, aínda que imos no bo camiño comezando por un sindicalismo feminista.

Es delegada. Notaches atrancos por ser muller?

Os atrancos por ser muller noteinos dende que nacín! (risas). Eu, e todas as mulleres, vivimos todos os días con MACHISMOS, non micromachismos, en tódolos ámbitos das nosas vidas. Quen diga o contrario minte ou non está pensando o que di.

Sintes discriminacións polo feito de ser traballadora e ser unha muller nova?

No meu primeiro traballo, que tiña que ver con outra titulación, o empresario na entrevista sóltame: “Es a persoa ideal para o posto, pero non sei se contratarche… Un home non colle baixa por maternidade”. Como vos queda o corpo? Non debería sentir que teño que esforzarme máis ca un home polo mero feito de que el poida quitarme o posto só con ser home e non ter útero. Dá igual o cualificadas que esteamos as mulleres, isto pásanos sempre, aínda que o empresario sexa prudente e cale a boca antes de soltar semellante burrada.

Esta xa é razón abondo para secundar a folga de mulleres deste 8 de marzo. Destacarías máis?

As razóns son todas, pero só destaco unha, son muller. Vou á folga porque son muller. Quero pór o meu gran de area pra construír un mundo mellor pra todas.