PSA: “O TRABALLO VOS FARÁ LIBRES (COMO EN AUSCHWITZ) PORQUE RICOS VAI SER QUE NON”

O tempo viu a demostrar que todos os argumentos expostos pola patronal e defendidos por algúns sindicatos eran falsos, só tiñan a intención de meternos o medo no corpo para seguir asfixiándonos, e non van parar ata que deixemos de respirar.

436

O narcoacomplexado presidente da Xunta, Nuñez Feijoo, fai toda unha declaración de por onde debe camiñar a clase traballadora, ese camiño non é outro que a escravitude. Permítese a ousadía de dicir que PSA de Vigo é a factoría de maior produtividade pero, ten un problema, o custo da súa man de obra. Declara que viu unha folla de cálculo no ano 14, que lle ensinou o presidente do Grupo PSA (que segundo el é moi listo) na que figuraba o prezo por hora dun traballador en Vigo (21 euros) e do prezo dun traballador da factoría de Portugal (11 euros), e iso non pode ser, porque resta competitividade. A folla de cálculo que non mirou foi a das familias traballadoras que non chegan a fin de mes traballando cada vez máis por menos cartos.

O conto do lobo xa vai fartando, levamos anos escoitando que debemos sacrificarnos para conseguir novos proxectos e os sacrificios son sempre recortes salariais e maiores ritmos de traballo, ao tempo que PSA aumenta os seus beneficios e produción ano a ano. A CUT nunca creu nos contos coma si fan outros, nunca seremos cómplices da imposición da escravitude, dicimos alto e claro que nós somos os donos da forza de traballo e nós poñerémolo prezo. O tempo viu a demostrar que todos os argumentos expostos pola patronal e defendidos por algúns sindicatos eran falsos, só tiñan a intención de meternos o medo no corpo para seguir asfixiándonos, e non van parar ata que deixemos de respirar. HAI QUE PARALOS!!!

A última desvergonza deuse na planta da Opel en Zaragoza, agora nas mans de PSA,  onde xa levaron tamén o lobo para que as carapuchiñas vermellas (máis ben amarelas) de CCOO e UGT defendan unha plataforma de conxelación salarial para o 2018 e subas irrisorias para os anos 2019-20 (50% do IPC) e os anos 2021-22 (60% do IPC), con redución dos pluses de nocturnidade e festivos nun 5%, recorte das pausas en 5 minutos e dos bocatas en 3 minutos; o raro é que non impoñan unha cláusula que obrigue a deixar un familiar en depósito para traballar coma escravo.

PSA xoga a ser unha empresa de prestixio, que cumpre a legalidade, que aporta traballo e crecemento, xoga a estar representada por “homes de ben” dedicados aos negocios. Os nazis das SS tamén dicían ser xente de ben, igual que os empresarios que os apoiaban e utilizaban aos prisioneiros coma man de obra escrava. E igual que entón, estes empresarios contan cos favores dos que mandan, con subvencións, con recoñecementos públicos… mentres que as traballadoras e traballadores están cada vez máis explotados.

Nesta situación só podemos ser maniqueos, non hai gradación de cor algunha, ou se está cos explotadores ou cos explotados. A CUT sabe onde está, agora haberá que preguntarllo ao resto das centrais sindicais, ás institucións públicas e aos partidos políticos. Debemos saber canto antes, cantos temos en fronte, para poder darlle a cada un o seu.

Ricardo Castro

Secretario Xeral da CUT