25X, folga na administración de Xustiza: “A folga será indefinida desde o...

25X, folga na administración de Xustiza: “A folga será indefinida desde o 7 de febreiro se a Xunta non volve á negociación” (Pablo Valeiras, AXU-CUT)

222

Entrevista a Pablo Valeiras, responsable de AXE-CUT

A administración de Xustiza da Galiza, os funcionarios e funcionarias que traballan nos xulgados do noso país, celebrarán unha nova xornada de folga este vindeiro xoves 25 de xaneiro. O paro chega despois dun calendario de mobilizacións que forzou á Xunta a abrir unha negociación que, segundo apunta Pablo Valeiras Rios, responsable de AXG-CUT, o segundo sindicato galego en representatividade, rachou pola falta de vontade dos xestores do público e polas liortas de sucesión do Partido Popular de Galicia. De fondo, reivindicacións tan serias e razonables como equipararse co resto dos funcionarios do gremio do estado. Avisan a tempo: ou se retoma a negociación ou haberá folga indefinida desde o 7 de febreiro. 

-Pablo, levabades tempo con mobilizacións para defender unha serie de reivindicacións. Cales eran ou son?

As nosas reclamacións fundaméntanse na discriminación fronte aos traballadores da Administración de Xustiza do resto de España nos seguintes puntos:

*IT’ S, DISCRIMINACIÓN SANITARIA: en Galicia descóntannos en nómina o 50% do soldo polo feito de poñernos enfermos (por enfermidades infecto-contaxiosas como gripe, sarampelo, hepatite A, B, varicela, etc.), algo que non lles ocorre aos nosos xefes ou xefas (xuíces e xuízas, maxistrados/as, fiscais e secretarios/as), así como tampouco aos nosos propios compañeiros e compañeiras doutros territorios (Euskadi, Navarra, Aragón, Canarias, etc.)

*COBRO DO 100% DAS SUBSTITUCIÓNS: Reclamamos que, polo mesmo traballo, se pague o mesmo salario. Actualmente existe un enriquecimento inxusto por parte da Administración ao non pagarlle á persoa que está a realizar unha substitución nun corpo superior ao seu salario de orixe.

*CONSOLIDACIÓN DAS PRAZAS DE REFORZO DE MÁIS DE TRES ANOS DE DURACIÓN conforme á normativa Europea. A Xunta de Galicia mantén unha porcentaxe de empregados/as precario moi por riba do que marca a normativa europea, unha vez máis.

*PARALIZACIÓN DA AMORTIZACIÓN DE 106 PRAZAS impostas pola Xunta en xulgados do contencioso, xulgados de Paz, xulgados de Familia e Audiencias Provinciais. Durante o proceso negociador descobremos que a autorización do Ministerio era só para 10 das 106 prazas. O que supón esconder 96 prazas.

Durante o proceso negociador descobremos que a autorización do Ministerio era só para 10 das 106 prazas. O que supón esconder 96 prazas

*CAT, O COMPLEMENTO AUTONÓMICO TRANSITORIO É O MÁIS BAIXO DE TODAS AS CCAA TRANSFERIDAS. Hai que ter en conta neste punto ademais que, desde o ano 2013 ata o 2016, Galicia foi a única comunidade autónoma de toda España onde aos traballadores e traballadoras da Administración de Xustiza se lles retirou este complemento, o que supuxo perdas para cada traballador/a de entre 10.000 e 3.500 euros. Se a este “roubo” lle engadimos a perda sufrida por ter o complemento máis baixo de todas as CCAA transferidas, a perda sufrida entre o período contemplado polos traballadores galegos respecto da media estatal oscila entre 16.000 euros e 7.000 euros.

Antes de chegar a esta convocatoria de folga por suposto demos moitos pasos para intentar chegar a un acordo, desde solicitalo por escrito, en mesa sectorial de negociación, facendo concentracións, manifestacións….pero nada. e aquí estamos, a 24 horas dunha folga.

-E que pasou? Por que folga agora? Non estabades negociando?

A única responsable de que chegaramos a esta nova xornada de folga é a Xunta de Galicia, que apartou á Dirección Xeral de Xustiza e especialmente á Presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais da negociación. No seu lugar puxo ao fronte da negociación á Consellería de Facenda.

A única responsable de que chegaramos a esta nova xornada de folga é a Xunta de Galicia, que apartou á Dirección Xeral de Xustiza e especialmente á Presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais da negociación

E o peor de todo é que, detrás desta decisión, dende o meu punto de vista, están as loitas internas para suceder a Alberto Nuñez Feijoó. Unha vez máis os personalismos están por diante do servizo aos cidadáns e da xestión responsable do público.

 

-Como están os ánimos do persoal? Ata o de agora a participación foi case total nas mobilizacións previas. Agardades o mesmo para a folga?

As traballadoras e traballadores están ou estamos cada día máis convencidos de que non debemos parar a mobilización. Entendemos que a actitude da Xunta de Galicia é de prepotencia e, tras a última  ruptura das negociacións, desleal. A deslealdade baseámola en que, despois de aceptar a mesma Xunta, ao igual que aceptamos os sindicatos, a mediación oficiosa da Presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, unha vez que esta mediación comezou a dar resultados na negociación, a propia Xunta, a través da Consellería de Facenda rompeu a negociación.

-Avánzanos o futuro. Que escenarios se poden dar?

Nós só vemos 2 escenarios posibles: que a Xunta volva á Mesa de Negociación, coa mediación da Presidenta do Consello de Relacións Laborais, con intención de acabar coa discriminación dos traballadores e das traballadoras da xustiza galega e de permitir a recuperación das prazas amortizadas de maneira alegal, para que a cidadanía teña ao seu servizo unha xustiza áxil e eficaz, ou, a segunda opción que é a que ten todas as posibilidades, que é ir á folga indefinida a partir do dia 7 de febreiro. Nunha palabra, a paralización da Xustiza, da que por suposto terá que dar explicacións o Vicepresidente Alfonso Rueda.