As traballadoras da limpeza do Clínico concéntranse este xoves na Xunta contra as subcontratas

314

Volven á carga, pero desta volta, despois de tres concentracións ás portas do Hospital Clínico de Santiago de Compostela, van sacar o conflito ás rúas e protestar diante do verdadeiro culpable da súa situación, a Xunta de Galicia, responsable directa da privatización da limpeza dos nosos hospitais públicos.

As traballadoras da limpeza do CHUS convócannos a todos e a todas a apoiar as súas reivindicacións este vindeiro xoves 18 de xaneiro, ás 11:00 horas, secundando a concentración de protesta que terá lugar na sede da Xunta en San Caetano. E alí estaremos, ao seu carón e ao lado do seu comité de empresa (onde a CUT ten representación), porque poucas protestas merecen tanto a nosa solidariedade como a destas mulleres para denunciar o trato que reciben por parte das empresas privadas ás que se lles adxudica o contrato para a prestación deste servizo esencial.

Foto da 3ª concentración coa que protestaron no Hospital Clínico

No caso concreto do Clínico, o cambio de nome da empresa adxudicataria (antes era CLECE e agora, desde decembro de 2017,GRUPO NORTE) non servíu en absoluto para dignificar as condicións laborais das traballadoras, que seguen a pagar as consecuencias da privatización. O incumprimento dos seus dereitos é sistemático: negación de asuntos propios, non recoñecemento de acordos asinados no AGA, non subrogación, erros nas nóminas, etc., ademais do grave incumprimento dos pregos que determinan as condicións da  prestación do servizo no que se refire á non substitución das persoas que causan baixa, o que vulnera e aminora as presencias comprometidas, con efectos perniciosos sobre a organización e a carga de traballo que deben soportar as que están activas.

Urxe rescatar estas contratas e xestionar directamente o servizo. Non é certo que a externalización resulte mellor, máis barata e eficaz, senón todo o contrario. O mesmo Consello de Contas da Xunta de Galicia recoñece hai anos nos seus informes que a xestión directa dos servizos de limpeza dos nosos hospitais suporía un aforro considerable. Manter a externalización, manter as subcontratas, é manter a corrupción e o reparto de cartos públicos entre un grupo de amiguetes que, en definitiva, non son máis que delincuentes organizados.

Esiximos o rescate das subcontratas e pelexaremos por uns servizos públicos de calidade sen deixar atrás ás de sempre, ás compañeiras da limpeza, xa que, e non o debemos esquecer, este sector está feminizado case na súa totalidade.

Non ás subcontratas! Fóra dos nosos hospitais! Respecto polos dereitos das traballadoras da limpeza!