Solidariedade con Gloria, traballadora do fogar agredida

139

“Puta negra de mierda, vete a tu país” ou “no te voy a dejar ver a tus hijos” foron algunhas das ameazas que denuncia a nosa compañeira Gloria, traballadora do fogar. O agresor que se dedicou a intimidala reiteradamente foi o fillo do empregador. Nestes momentos, o caso dirímise no xulgado do penal de Compostela por un delito de ameazas. Cómpre amosar a nosa unidade, a nosa raiba feminista e de clase, a nosa solidariedade e unión, esta forza nosa, para dicirlle a esta compañeira que non está soa.

Estamos fartas da impunidade de quen nos agrede. Admiramos e aplaudimos a valentía da nosa compañeira que emprende unha loita que é súa e, ao mesmo tempo, é de todas. O traballo do fogar e dos coidados, amplamente discriminado pese ser o epicentro da vida, debe ser respectado e recuperar o seu prestixio social. Polo tanto, tamén recuperar o valor das empregadas do fogar. Cómpre estender socialmente o valor que lle damos dende o feminismo ao emprego do fogar, feminizado e levado a cabo en moitas ocasións por compañeiras que chegan aquí doutros países aumentando a súa vulnerabilidade.

A Secretaría das Mulleres da CUT fai un chamamento ao movimento feminista e de clase para amosar o noso apoio e solidariedade este 13 de decembro no que a compañeira Gloria ten marcado o xuízo contra o seu agresor. Vémonos este mércores día 13 ás 11:30 horas do mediodía nos xulgados de Fontiñas!

#GloriaSomosTodas