Consellería de Política Social: reposición artigo 19 e non ás carteleiras!

Consellería de Política Social: reposición artigo 19 e non ás carteleiras!

107

A sección sindical da CUT na Consellería de Política Social está a desenvolver unha campaña a prol da mellora na prestación do servizo público de coidado das nosas maiores e menores e para esixir a recuperación de dereitos laborais que están en suspenso desde o ano 2012, cando o goberno de Feijóo publicou o “Decreto 20/2012 de medidas temporais en determinadas materias de emprego público”.

Malia que ao goberno da Xunta se lle enche a boca anunciando que a súa xestión rematou coa crise económica, o artigo 19 do V Convenio Colectivo Único para o persoal laboral da Xunta de Galicia permanece en suspenso, o que ocasiona un exceso de carga de traballo e falta de descanso e, polo tanto, un grave deterioro na prestación de servizo aos sectores máis vulnerables da sociedade, como son os menores e as menores, discapacitados e discapacitadas e ás persoas maiores, colectivos aos que asisten os centros da Consellería de Política Social.

O artigo 19 establece un descanso semanal de dous días ininterrompidos para un persoal que traballa en quendas que ocupan as 24 horas do día e os 365 días do ano, incluíndo domingos e festivos. Tamén establece unha compensación cando os labores se efectúan en domingos e festivos, de xeito que contempla uns maiores períodos de descanso e a conciliación da vida laboral e familiar para un persoal que se pode ver sometido a rotacións horarias. Este artigo permanece aínda en suspenso, malia a suposta mellora da situación económica.

Igualmente, as compañeiras da sección sindical da CUT na Consellería de Política Social para os centros da Coruña, andan a traballar en varias frontes  para forzar a que a administración negocie coa representación sindical unhas carteleiras (as quendas anuais) xustas para o ano que vén, que permitan uns horarios o menos lesivos posibles para o persoal, cos días de descanso abondo para que o esgotamento das traballadoras non repercuta na calidade da prestación do servizo.

Porén, a administración adoita impoñer esas carteleiras sen admitir as alegacións da representación sindical. Á actitude ditatorial da Xunta hai que sumarlle o problema da inacción dos sindicatos maioritarios. O prazo para presentar achegas a esas quendas rematou o pasado xoves 23 de novembro, é ata o último minuto non houbo un acordo no seo do Comité Provincial de Empresa da Consellería de Política na Coruña, que está desde hai unhas semanas sen presidente/a nin secretario/a pola demisión, por segunda ocasión neste ano, das persoas que ostentaban eses cargos. De feito, os sindicatos con maior número de delegadas nese órgano rexeitan presentar candidaturas para asumir os cargos, lesionando seriamente a capacidade de representación e de negociación do pleno e, polo tanto, a das traballadoras e traballadores.

A CUT toma a iniciativa a prol de solucións

A sección sindical da CUT na Consellería de Política Social, ante a gravidade da situación, decidiu tomar a iniciativa para evitar que a Xunta impoñese esas quendas. Dese xeito, as compañeiras traballaron arreo para elaborar unha proposta motivada de alegacións ás carteleiras que, o pasado mércores 22, o pleno do Comité asumiu como propias para trasladarllas á administración. Igualmente, a sección sindical da CUT presentou a súas alegacións ante a Consellería de Política Social pero denunciando e esixindo tamén no mesmo escrito unha solución inmediata para as enormes carencias que existen nos centros que prestan o servizo público esencial de dotar de coidados ás persoas maiores, ás que padecen unha discapacidade e á infancia.