A CIG e a CUT denunciarán nos Xulgados a dirección de Citroën...

A CIG e a CUT denunciarán nos Xulgados a dirección de Citroën por vulnerar o dereito de folga

29
A empresa está a coaccionar e ameazar o cadro de persoal para que non secunde os paros convocados este martes contra as altas cargas de traballo e os elevados ritmos de produción.
A CIG e a CUT anunciaron hoxe que presentarán unha denuncia nos Xulgados contra a dirección de PSA Peugeot Citroën de Vigo por vulneración do dereito fundamental de folga, xa que a empresa está a coaccionar e ameazar o cadro de persoal para que non secunde os paros convocados polas dúas centrais este martes para rexeitar as altas cargas de traballo e os elevados ritmos de produción. Os representantes sindicais critican que a Inspección de Traballo continúe a mirar para o outro lado a pesar da gravidade dos feitos.
O anuncio foi feito este mediodía nunha rolda de prensa ás portas da factoría viguesa polo secretario nacional da federación de Industria da CIG, Xoán Xosé Bouzas Aboi, que compareceu xunto ao responsábel da sección sindical da central nacionalista na empresa de automoción, Manuel Domínguez, e a representantes da CUT. Bouzas Aboi explicou que presentarán a demanda despois de ter denunciado diante da Inspección de Traballo as coaccións e ameazas da dirección contra os traballadores/as para evitar que secunden a folga.

En concreto, citou a nota que vén de repartir a empresa na que sostén que os paros son convocados por “unha minoría” e que ten “carácter abusivo ao estenderse dúas horas en cada quenda de traballo”, ao tempo que advirte que “aquelas persoas que participen de forma activa na convocatoria poderían verse afectadas polas consecuencias dunha posible declaración de ilegalidade da mesma”. A isto hai que sumarlle o feito de que os encargados/as dos distintos departamentos están a realizar enquisas entre o persoal para saber quen vai secundar ou non a protesta, algo que atenta contra a liberdade de folga.

“Os traballadores/as teñen dereito a non comunicar se van exercer o dereito de folga, polo que estas enquisas son un claro intento de coaccionar”, censurou, ao tempo que quixo deixar moi claro que “a pesar de que a empresa entende que non temos lexitimidade para facer a convocatoria temos que dicir que Citroën non lle vai dicir á CIG nin aos traballadores/as cando se poden ou non exercer medidas de presión que son perfectamente legais”.

Estes feitos xa foron postos en coñecemento da Inspección de Traballo pola súa gravidade, sen que polo momento teña feito nada ao respecto, polo que dende as centrais criticaron a deixadez da autoridade laboral. “Como se trata de Citroën miran cara a outro lado”, censuran.

Paros parciais nas tres quendas

Os paros convocados na planta viguesa de PSA Peugeot Citroën terán lugar este martes de 9.00 a 11.00 horas na quenda de mañá, de 17.00 a 19.00 na de tarde e de 2.00 a 4.00 na de noite, xa na madrugada do día 6. A mobilización coincide coa presumíbel saída do vehículo 12 millóns polas liñas de produción da fábrica, motivo polo que o presidente do grupo visitará a planta viguesa acompañado por representantes do Goberno galego.

Entre os motivos que levaron ás dúas centrais a convocar unha folga que foi rexeitada polo resto de sindicatos con representación no comité (SIT-FSI, UGT e CCOO), o representante da CIG citou as altas cargas de traballo e os elevados ritmos de produción; a posta en marcha do Plan de Presentismo 2015; o desequilibrio das xornadas laborais, con casos nos que se traballa seis días á semana e unha media de nove horas diarias; o incremento desproporcionado das retribucións da dirección; e a presión psíquica á que se somete os traballadores/as coa aplicación de medidas desproporcionadas a nivel disciplinario.

http://www.galizacig.gal/avantar/novas/4-5-2015/a-cig-e-a-cut-denunciaran-nos-xulgados-a-direccion-de-citroen-por-vulnerar-o-dereito