EN SETEMBRO FOLGA XERAL

EN SETEMBRO FOLGA XERAL

25

As últimas medidas adoptadas polo goberno do Estado español seguen incidindo en converter á clase traballadora en man de obra escrava e única en pagar a débeda contraída polos monopolios internacionais e a banca que os dirixe. O FMI segue aplicando a doutrina do shock utilizando dúas vías para deixarnos sen resposta: a aplicación desas medidas sen descanso onde pode haber resposta organizada e a súa aplicación gradual onde a resposta semella imposíbel. No estado español utilizan a segunda vía e así, xa dende o goberno do PSOE, iniciaron o camiño da formiga destrutora sen atopar máis que respostas simbólicas que obedeceron aos intereses particulares das siglas máis que aos intereses de clase traballadora.A día de hoxe a orxía neoliberal parece non ter fin mentres os medios de comunicación ao servizo do poder insisten na necesidade destas medidas para salvar a situación de urxencia. Tan só deixan vislumbrar unha crítica meténdonos nun falso debate de quen “nos salvaría” mellor, se o PSOE ou o PP. Nós non podemos caír na súa trampa dialéctica, a realidade é crúa e clara: ambos os dous obedecen ao mesmo amo e ambos os dous van contra nós.A pregunta que agora nos facemos é se imos consentir o afundimento da clase traballadora ou imos ser quen de artellar unha resposta conxunta contra o desastre. É o momento de falar de unidade sindical, abofé que sí, pero a unidade non pode converterse nunha outra palabra prostituída e vacía de contido. A CUT demanda a unidade sindical pero baixo uns principios mínimos irrenunciábeis que deben, sempre e en todo caso, defender os intereseses da clase traballadora. Non podemos avalar a unidade se non é en pe de igualdade e tendo a certeza absoluta de que non se van producir máis traizóns ao día seguinte dunha folga (só temos que recordar a sinatura da reforna da xubilación por UGT e CCOO ao día seguinte da folga xeral de setembro de 2010). Non son os momentos de intereses sectarios que sirvan para sacar rédito a determinadas siglas, non vale demandar unidade para logo ir cada quen na súa manifestación para patrimonializar o éxito da folga, non valen discursos de grande calado teórico e nula aplicación na práctica.A CUT propón a convocatoria urxente por parte de todos os sindicatos que operan no país dunha folga xeral para a segunda quincena de setembro. No período que media ata entón é imprescindíbel artellar o traballo conxunto para saber se en realidade falamos ou non de unidade: asembleas nos centros de traballo, interlocución con todos os movementos sociais, mobilizacións previas para preparar a musculatura…A folga ten que ser unha demostración clara e sen volta atrás de que a clase traballadora toma o mando da situación sen remisión e descanso, o inicio dun camiño de rúa e protesta constante ata conseguir o obxectivo, que non é outro que o cambio radical do sistema. A construción dunha nova realidade social, poslítica e económica pasa pola participación activa da clase traballadora e non pola chamada a filas en actos de autofortalecemento que só serven para engordar o ego de siglas que cada vez están máis alonxadas da realdidade.O capital e a súa maquinaria ten claro que isto é unha loita de clases, ten clara a súa unidade en torno a un obxectivo común, e frota as mans vendo como outros adícanse ás contradicións secundarias e aos intereses partidarios.En setembro debemos convocar folga xeral todos os sindicatos, grandes e pequenos, nun acto que traslade á sociedade a unidade demandada dende as roldas de prensa e non dende os feitos. Esta convocatoria ten que ser en pe de igualdade aínda que sendo conscientes da magnitude de cada quen.Se os grandes sindicatos non asumen esta convocatoria teremos que ser outros, os insignificantes, os que iniciemos o camiño co pobo traballador que máis que nunca precisa da iniciativa clara.