REPRESIÓN SINDICAL: DESPEDIMENTOS NA MULTINACIONAL NH HOTELES

REPRESIÓN SINDICAL: DESPEDIMENTOS NA MULTINACIONAL NH HOTELES

22

Na mañá de hoxe, dúas compañeiras da sección sindical que a CUT mantén na sede compostelana da multinacional NH Hoteles España SL (NH Obradoiro) recibiron a carta de despedimento, nunha estratexia manifesta de persecución sindical que procura o esfarelamento do traballo que esta sección sindical leva desenvolvendo contra as condutas e decisións antiobreiras desta empresa.  A CUT convoca unha concentración para o vindeiro mércores 14 de setembro ás 20 nas portas das instalación do NH Obradoiro en Compostela.

No contexto de crise económica que estamos a vivir, as seccións sindicais combativas e firmes na defensa dos dereitos da clase traballadora supoñen un obstáculo cando o empresariado,  co obxectivo de manter intactos os seus elevados beneficios, pretende rebaixar sen escrúpulos as condicións laborais e dereitos das traballadoras.

No hotel NH Obradoiro compostelán, están a aprofundar o ataque contra todas as compañeiras que forman parte do noso sindicato. Dúas traballadoras veñen de ser despedidas de xeito covarde e sen ningún motivo. Son as que non están dispostas a calar diante das inxustizas. As que defenderon sempre os seus dereitos.

A nosa central sindical non acepta que a clase traballadora se convirta en clase escrava por moi crítica que sexa a crise económica que estamos a vivir. Na CUT repetiremos as veces que faga falta que as traballadoras e traballadores non temos que pagar unha crise que non orixinamos. Que temos dereitos irrenunciables que non poden ser pisoteados sen obter resposta contundente.

Este mércores 14 ás 20 da tarde, convocaremos unha concentración ás portas do hotel NH-Obradoiro, onde informaremos das prácticas represivas e persecutorias contra aquelas que dan a cara. Cómpre firmeza e unidade de todas e todos.