1º de Maio: Por un cambio real, folga xeral!

309

A clase traballadora galega -como a do mundo- ademais de estar sometida ás variábeis clásicas da explotación capitalista coma o desemprego, a precarización ou os baixos salarios, nesta fase histórica -igual que con anterioridade- está sometida tamén á batalla ideolóxica; pero no momento actual da loita de clases, o control ideolóxico chega a extremos cognitivos, tendo os medios de manipulación hexemónicos un protagonismo determinante.

Desde o inicio da pandemia da Covid 19, a mentira e a manipulación son ferramentas que o inimigo utiliza todos os días e a todas as horas. O obxectivo non é outro que o de instalar a maioría social nun marasmo tóxico e acrítico, que converte ao traballador ou á traballadora nunha persoa incapaz de pensar ou razoar. Co comezo da Guerra da OTAN coa Federación Rusa a batalla cognitiva acadou extremos grotescos só comparábeis coa propaganda nazi.

É neste contexto fabricado onde a patronal e os xestores do capital no goberno español impoñen as súas políticas de recortes e agresións permanentes, sen que teñan resposta sindical e co desvergonzado apoio daqueles e daquelas que actúan como capataces das políticas da UE, sexa a nivel político ou sindical.

É efectivamente neste contexto de manipulación absoluta como o goberno autonomeado “máis progresista da historia”, coa Ministra de Traballo máis “vendefumes” da historia, foron capaces de sacar adiante a Reforma Laboral e das Pensións para sacralizar a explotación da clase traballadora cada vez con menos dereitos. Eles, e ela, chegan a crer a súa propia mentira, que reproducida milleiros de veces é asumida por unha opinión pública desarmada.

Este é o verdadeiro substrato contextual onde este ano se enmarca o 1º de Maio. É por iso que o sindicalismo de clase e combativo temos que apostar pola ofensiva sen complexos, aínda que sexa nunha conxuntura ben adversa. Ás traballadoras e traballadores libres e lúcidas non nos pode atrapar a narrativa tramposa do Réxime, non poden axeonllarnos con algo tan reaccionario e rastreiro de que se non gobernan os trepas, “veñen os malos do PP e VOX”.

Neste 1º de Maio, Día do Internacionalismo Proletario, imos saír ás rúas de Galicia co lema “Por un cambio real, Folga Xeral! Porque queremos traballo con dignidade e non contratos fixos-discontinuos. Porque queremos unhas pensións dignas e non esmolas. Porque queremos abolir a Lei Mordaza. Porque queremos un país con capacidade para vivir a igualdade de homes e mulleres, para defender o noso patrimonio natural. Porque queremos ensino público, sanidade pública, medios de comunicación públicos e transportes púbicos dignos para a clase traballadora. Porque queremos unha emenda á totalidade do capitalismo e dos seus lacaios.

VIVA O 1º DE MAIO!