1º de maio – Contra a OTAN, contra a UE, contra a reforma laboral: folga xeral!

460

Hai cincuenta anos que as forzas do fascismo asasinaban a Daniel e Amador, foi nun contexto de revolución obreira, as folgas de 1972. Esas rúas ateigadas de homes e mulleres na defensa da dignidade e da liberdade evidenciaron a necesidade, e sobre todo albiscaron a posibilidade, dun sindicalismo galego que rompera con ese outro sindicalismo español que non ía tardar en traizoar ao proletariado todo.

De aí vimos nós, as que defendemos o pan, o traballo e o teito; as que defendemos a conciencia de clase coma eixo de todas as nosas loitas, as que defendemos a historia e a memoria coma respecto ao que fomos, ao que somos e ao que aspiramos ser.

Neste 1º de maio estaremos de novo na rúas exercendo o dereito a lembrar para que non pretendan enganarnos. Igual que no ano 1972 ondean as bandeiras do fascismo, só que desta vez disfrazadas de democracia e lexitimadas por un goberno autoproclamado coma “o máis progresista da historia”. Aplauden as cloacas do estado e os donos capitalistas do sistema porque os “progres” están a cumprir o encargo para o cal foron elixidos: a explotación progresiva e asfixiante da clase traballadora.

O goberno “progre” mantén en pé a lei mordaza. O goberno “progre” non derrogou a reforma laboral, limitouse a maquillala para que fora aplaudida pola patronal e o PP, e lexitimada por CCOO e UGT mentres medran as súas subvencións. O goberno “progre”, tan defensor da súa soberanía, non dubidou e agachar a cabeza e lamberlle os zapatos ao amigo americano (nin Berlanga daría creto) para promocionar unha guerra en Ucraína ao servizo dos seus intereses. O goberno “progre”, onde hai quen se di comunista, ponse ao servizo da OTAN e contribúe a falsear a historia situándose na protección dun goberno nazi. O goberno “progre” segue os mandados dunha Unión Europea que só goberna para os intereses do capital. O goberno “progre” está a ser a ferramenta que o capital precisa para precarizar as nosas vidas.

Igual que no ano 72 precisamos saír ás rúas, e non só para respirar e reivindicar, senón tamén para conquistalas, para facelas nosas e que o goberno saiba que nós non somos eles, que a nós non conseguen enganarnos, que nós estamos en fronte, que nós somos os da motoserra e o futuro, que nós, a clase traballadora, queremos mil folgas xerais, a “folga xeral contra da historia” que dicía Novoneyra, a folga que permanece e muda as condicións.

Neste 1º de maio reivindicamos a memoria das rúas como exercicio contra un futuro precario, e acollemos o compromiso do respecto ao que somos.