19N en Compostela: Na defensa da vida digna, os servizos públicos e o Estado de Benestar

272

Representantes do Movemento Galego en Defensa das Pensións e os Servizos Públicos (MODEPEN Galicia), a Plataforma Pensionistas Compostela, a Central Unitaria de Traballadoras (CUT), a Confederación Xeral do Traballo (CGT Galicia) e o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) -entidades convocantes candaTReGa, FOANPAS, Vellez Digna, Plataforma SAF Galiza, Sindicato de Estudantes, Os Ninguéns, Verdeval, colectivos da Renda Básica e distintas formacións políticas– presentaron en Compostela a mobilización descentralizada na defensa dunha vida digna, a recuperación e fortalecemento dos servizos públicos e a esixencia de medidas políticas que garantan o Estado de Benestar que terá lugar en todo o Estado español vindeiro sábado 19 de novembro, convocada na capital galega con saída dende a Alameda compostelá ás 12h.

A Central Unitaria de Traballadoras apoiamos esta iniciativa na  defensa dos servizos públicos, porque queremos que as pensións contributivas e non contributivas -moitas delas percibidas por mulleres- sexan un ben público. Opoñémonos á súa privatización e esiximos que tanto estas como os salarios suban co IPC, para que ninguén quede atrás.

Francisco L. Vázquez Vizoso, de MODEPEN Galicia, explicou que esta convocatoria xorde a iniciativa da Coordinación Estatal de Pensionistas, tomando como impulso o éxito da manifestación celebrada en Madrid o pasado 15 de Outubro, na que máis de 50.000 persoas demandaron a posta en marcha de medidas políticas que garantan a recuperación do poder adquisitivo e salarios dignos para as clases traballadoras.

Vizoso valorou que “estamos entrando nunha vaga de mobilizacións na que é fundamental a unidade das loitas dos traballadores e traballadoras fronte a intención das forzas políticas de non equilibrar os salarios e pensións co encarecemento do custo da vida, ca suba do IPC, atacando frontalmente as nosas economías, empobrecéndonos recurtando a nosa capacidade adquisitiva”. Dende MODEPEN Galicia animan a “ir dinamizando a creación dunha forza social para acadar que os gobernos acepten as reivindicacións dos distintos sectores sociais”, e nesta liña avanzou que a mobilización do vindeiro sábado será sucedida pola convocatoria na defensa da sanidade púbica realizada por SOS Sanidade Pública para o 30 deste mes nun importante número de localidades galegas.

Nesta mesma liña, Paco Castro Alvaredo, da Plataforma Pensionistas Compostela, reiterou a importancia de que, canda os espazos reivindicativos que está abarcando cada sector, “haxa tamén un espazo de confluencia de todos estes procesos sectoriais, uníndonos en convocatorias como a mobilización deste sábado 19 polo Estado de Benestar e os servizos públicos”.

Secretaria Xeral do Sindicato Labrego GalegoIsabel Vilalba Seivane, abondou nos motivos desta convocatoria explicando que “as pensións das persoas do rural que normalmente traballaron na agricultura toda a súa vida son das máis baixas do Estado, e as sucesivas reformas non fixeron máis que incrementar esta precarieadade e esta perda de capacidade adquisitiva”. No tocante aos servizos básicos, denunciou, “ca excusa de que no rural hai cada vez menos poboación estanse suprimindo constantemente servizos sanitarios, educativos, de transporte, afectando estes recortes a moitas familias, e especialmente ás mulleres, que é sobre quen recae en maior medida as responsabilidades vinculadas aos coidados das persoas do seu entorno”.

Vilalba tamén quixo mencionar de xeito explítico a loita das traballadoras do Servizo de Atención ao Fogar (SAF), en folga dende o pasado 2 de novembro convocada pola Confederación Intersindical Galega (CIG) e secundada pola Plataforma SAF Galiza, apuntando que a mobilización do 19 procurará tamén reforzar a presión social para que se proceda á negociación dun convenio laboral que poña fin á vergoñenta precariedade na que desenvolven un traballo tan sensíbel como é garantir a dignidade das persoas dependentes. “Estas traballadoras están vendo como non lles dan condicións de traballo dignas, están con xornadas parciais, con salarios moi baixos, non hai mesmo protocolos de prevención de riscos laborais porque traballan en domicilios particulares, véndose sometidas moitas veces a condicións mesmo extremas. Incomprensiblemente plantéxaselles unha suba do 1%, unhas condicións que non teñen nada que ver nin co IPC ni ca inflación que estamos sufrindo actualmente”.

A Secretaria Xeral do SLG salientou tamén que o deterioro da atención primaria e da sanidade “é un feito que nos está preocuando dun xeito moi importante ao conxunto da poboación, afortunadamente está sendo contestado cunha gran reación social que esperemos que na Galiza tamén serva para acabar con estas políticas neoliberais que nos quitan dereitos e nos privatizan a vida. Dende o SLG todo o noso apoio, é unha reivindicación da que nos sentimos partícipes todas e todos, esteamos no rural ou esteamos no urbano”.

Miguel Ángel Cuña (CGT Galicia), corroborou o compromiso da Confederación Xeral do Traballo “na defensa dos servizos públicos, contra a destrución do poder adquisitivo da maioría da poboación” e “a oposición a rebaixas nos salarios e pensións”. Avogou ademais porque todos os servizos públicos “sexan sometidos ao control social e da clase traballadora” e trasladou o apoio da da CGT Galicia ás vindeiras mobilizacións que terán lugar logo deste sábado 19.