19 de xuño: folga xeral dende a unidade

584

A CUT chama á CIG a afrontar unha folga xeral real dende a unidade como única garantía posible de éxito

O Secretariado Nacional (S.N.) da Central Unitaria de Traballadores/as, lanza unha convocatoria de Xuntanza coa CIG para trasladarlle que nun contexto adverso como o actual ou a folga se encamiña dende a unidade sindical ou está condenada a ser pura estética e apariencia.

O pasado sábado celebrouse na cidade de Vigo a xuntanzado Secretariado Nacional (máximo órgano) da Central Unitaria de Traballadores/as, no que se someteu a debate o anuncio unilateral que lanzou a CIG dunha Folga Xeral para o 19 de xuño. Nun contexto no que non cabe o minifundismo sindical, a CUT vén de convocar unha xuntanza co Secretario Xeral da CIG o vindeiro mércores ao obxecto de trasladarlle as súas consideracións sobre a convocatoria, que deben ser públicas en canto o debate sobre a Folga Xeral pertence a todas as traballadoras e traballadores, e o seu éxito só será posíbel se o conxunto do pobo traballador se compromete co resultado.

Froito desa xuntanza do Secretariado Nacional son as seguintes CONSIDERACIÓNS, que se someten ao debate social.

1.- A Folga Xeral é unha necesidade e unha urxencia obvia ante un contexto de recorte de dereitos sociais, económicos, civís e políticos para o conxunto do pobo traballador. Pero tamén é unha ferramenta de transformación social. Non caben convocatorias intempestivas, inútiles, propagandísticas ou mesmo electoralistas que sirvan a fins alleos aos intereses do conxunto das traballadoras e traballadores de Galiza. Unha folga mal convocada ou mal enfocada pode supoñer un retroceso histórico en canto que resposta natural das obreiras e obreiros a unha convocatoria decorativa é a desafección pola convocatoria pero tamén polo propio movemento sindical.

2.- Non hai dúbida de que CCOO e UGT, aínda que insertas en diversas manobras de maquillaxe para sobrevivir á súa caída, seguen sendo tamén responsables e xestoras cómplices da actual situación de bloqueo técnico do movemento obreiro. Só se pode construír un movemento sindical forte e de futuro superando as súas diferentes estratexias de desmobilización social. Pero a pesares deste coñecemento hai que diferenciar entre a vontade de mobilizar un país en chave de Folga Xeral e a capacidade real de convocatoria. Que CCOO e UGT, por intereses propios, se poñan de lado diante dunha convocatoria de Folga Xeral require un sobreesforzo do movemento sindical galego para que esa xornada de resposta obreira sexa masiva e incontestable.

3.- Non imos permitir que se cuestione a utilidade dunha folga en chave nacional galega. Demostrouse nas rúas que o pobo traballador galego está a dar leccións de dignidade e a desenvolver mobilizacións históricas. O pobo ten fame de Folga Xeral e de coordenación de loitas en chave obreira. Xa sexan as mobilizacións das e dos pensionistas, sexa o éxito incontestable do 8 de marzo, sexan as mobilizacións en defensa dos servizos públicos… temos demostrado non só a urxencia, senón a capacidade de levar adiante unha Folga Xeral exitosa en chave nacional. A letanía que quere poñernos á agarda dunha convocatoria lanzada dende Madrid é unha trampa para desmobilizar á clase traballadora galega e someternos aos tempos de CCOO e UGT, que lanzarán a Folga Xeral aos ritmos da súa campaña electoral.

4.- Isto así, o contexto obxectivo no que cae a convocatoria é de debilidade. Dunha banda estamos nun ciclo de desmobilización do que nos estamos recuperando, recuperación na que teñen contribuído considerablemente o movemento feminista e a folga do persoal da administración de xustiza galega. Doutra banda ausencia das grandes marcas sindicais vai requerir a activación de todo o tecido sindical combativo nacional, a non ser que queiramos limitar a convocatoria á mera apariencia e propaganda.

5.- Por todo o anterior, só existe unha opción de levar cara adiante esta convocatoria con garantías: a unidade sindical de todas as forzas que se sumen á convocatoria. A CUT quere contribuír ao éxito da Folga Xeral pero isto require un cambio de actitude da CIG, xa non serven as saídas unilaterais. Esta situación require unha gran mobilización social que pase polo deseño dun programa de mobilizacións baixo o principio da unidade sindical e a igualdade entre centrais sindicais, asembleas en unidade sindical nos centros de traballo, mobilizacións previas conxuntas, a formulación de piquetes e accións de todas as centrais convocantes e tamén a convocatoria de mobilizacións unitarias e en pé de igualdade entre todas as participantes o propio día da Folga Xeral en todo o país.

Unha vez celebrado ese encontro co Secretario Xeral da CIG o Secretariado Nacional da CUT fará a avaliación pública da xuntanza e fixará a súa posición final ao redor desta convocatoria. Non nos manteremos á marxe dunha convocatoria pola que levamos anos pulando. Pero tampouco nos faremos responsables dun fracaso na convocatoria se nos queren arrastrar a algo que non é unha folga senón mera propaganda sindical. Os tempos piden unidade obreira e sindical.