Achégase o día das Letras Galegas, dedicadas neste 2024 a Luisa Villalta, defensora da nosa lingua e de calquera colectivo que construíra país.
Luisa Villalta é un exemplo do poder da palabra na lingua, e tamén un exemplo de como unha efeméride de carácter revolucionario -porque a nosa lingua, memoria e historia o son- é triturada e manipulada polo poder oficial.
“Os mesmos que ese día destaquen as virtudes da nosa lingua estarán lexislando para destruíla, e cando un pobo deixa de ter lingua, cando non ten palabras coas que pensarse, entón deixa de existir.”
O 17 de maio escoitaremos a representantes da Xunta de Galicia e dos poderes locais parabenizando as nosas letras, maltratando o galego que odian a cotío. Os “representantes do pobo” que viven e lexislan contra del. Os mesmos que ese día destaquen as virtudes da nosa lingua estarán lexislando para destruíla, e cando un pobo deixa de ter lingua, cando non ten palabras coas que pensarse, entón deixa de existir.
Vivimos momentos de “xenocidio” cultural no que o galego está a ser exterminado porque é a lingua do pobo traballador, e as persoas traballadoras somos o inimigo de clase. Falar en galego é ter conciencia de clase, e o pobo que ten conciencia de seu é perigoso para o poder.
O abandono da lingua, do que somos, facilita que o españolismo imperialista (económico e cultural) poida gobernarnos e utilizar Galicia coma se fora da súa propiedade. ALTRI é un claro exemplo da alienación cultural e máis económica que estamos a padecer.
“Este 17 de maio, para a CUT, non será unha efeméride máis, senón o punto de partida para lembrar que falar en galego é pensarmos como galegos, respectar a nosa historia e ter unha oportunidade de sermos libres.”
Este 17 de maio, para a CUT, non será unha efeméride máis, senón o punto de partida para lembrar que falar en galego é pensarmos como galegos, respectar a nosa historia e ter unha oportunidade de sermos libres. Nestes tempos convulsos só se pode estar no lado xusto da historia, coas clases populares, ou no lado da inxustiza e do abuso. A xustiza histórica fala galego; o abuso e a inxustiza falan español.
Nós xa decidimos, coma tamén o fixera Luisa Villalta.