17 De Maio: Lingua Proletaria do meu pobo

261

Chega o día das letras galegas nun contexto político e cultural devastador para a clase traballadora galega. Se collemos os datos das súas enquisas non deixa de medrar a precariedade mentres desaparece a nosa lingua, se collemos as nosas, o día a día, aínda os datos son máis claros: traballos precarios, explotación, pérdida de dereitos e palabras nunha lingua que non é nosa. España colonízanos co seu capitalismo ultraliberal e a súa apisonadora de cultura allea.

Chega o día das letras galegas nun contexto político e cultural devastador para a clase traballadora galega

Dende a CUT reclamamos a lingua proletaria do meu pobo porque fala de nós, do que somos, do que traballamos, da historia que levamos ao lombo, en definitiva da loita de clases porque a nosa foi sempre a lingua do pobo traballador; os señoritos, os caciques, os explotadores, os patriarcas, os esquirois, os servos, os alienados sempre falaron español.

Falar galego é posicionarse, é militar, é ter conciencia de clase, é asumir que en nós está o primeiro reino independente do Imperio Romano, en nós están os irmandiños que se rebelan por primeira vez en toda Europa contra a orde de clases medieval, en nós está o Banquete de Conxo, en nós está o Rexurdimento, en nós está “Sempre en Galiza”, en nós está Moncho Reboiras, en nós está o movemento obreiro do 72, as folgas do naval, en nós está a “Sindical reconstrución diaria”.

os señoritos, os caciques, os explotadores, os patriarcas, os esquirois, os servos, os alienados sempre falaron español

Este 17 de maio tomaremos as rúas coa lingua, e dela sairá o noso futuro de clase traballadora galega. Colleremos a palabra para transformar este mundo, para contar a nosa historia e desmentir a deles, colleremos a palabra para resucitar a memoria e avanzar con determinación cara un futuro que será o noso, de nós e na nosa lingua.