14-S: por un monte galego con futuro. De que futuro nos falan?

323

O vindeiro 14 de setembro terá lugar unha manifestación en Compostela, probablemente moi numerosa, baixo o lema “Por un monte galego vivo con futuro”.

Dende a CUT xa deixamos ben clara (podedes vela nesta web) cal é a nosa posición e análise ao respecto dos lumes; agora toca dar a nosa opinión sobre esta convocatoria.

“Entendemos que se está a repetir o modelo dirixista que pretende controlar a mobilización popular en favor dunhas siglas determinadas e o conseguinte rédito electoral”

Máis alá de que nos pareza un erro non convocar esta manifestación en Ourense, epicentro dos incendios deste 2025, entendemos que tanto a convocatoria coma o lema elixido son dous erros manifestos. Comezando pola convocatoria, entendemos que se está a repetir o modelo dirixista que pretende controlar a mobilización popular en favor dunhas siglas determinadas e o conseguinte rédito electoral. A historia seica non serve para que algúns e algunhas aprendan a discernir entre o interese particular e o interese colectivo, para que entendan dunha vez que ninguén ten o patrimonio do que precisa o pobo; con só pensar en como foi derrubada a acción popular en NUNCA MÁIS, ou en ALTRI, chega para entender de que estamos a falar: dirixismo e control sectarios.

“Se falamos do lema a situación é aínda máis grave. Que quere dicir POR UN MONTE GALEGO CON FUTURO? Estamos simplemente ante un problema de xestión e de investimentos en recursos?”

Se falamos do lema a situación é aínda máis grave. Que quere dicir POR UN MONTE GALEGO CON FUTURO? Estamos simplemente ante un problema de xestión e de investimentos en recursos?. Sabemos ben que o PP nin é quen nin quere xestionar, sabemos que o PSOE pasaba por aquí e xa veremos o que facer, e sabemos que o BNG pensa que eles si poden xestionar ben e arranxar o país, e con isto o monte galego tería futuro.

Nós pensamos que non é (unicamente) un problema de xestión para ter futuro. O problema do monte galego é un problema de colonialismo e modelo capitalista, e se alguén pensa que pode darlle ao monte galego un futuro xestionando un modelo colonial e capitalista só caben dúas posibilidades: a inxenuidade ou a mentira por parte de quen o afirme. A mesma inxenuidade ou a mesma mentira que propiciaron cando aprobaron inicialmente o proxecto de ALTRI.

Dende os anos cincuenta do século XX o monte galego e os nosos recursos naturais convertéronse nunha especie de “Cortijo para os señoritos”, terra libre para os negocios da auga, electricidade, celulosas… ata que chegamos á modernidade das “enerxías limpas”, tan limpas que veñen limpar todos os nosos recursos naturais para converter a Galicia nun deserto de cinza.

“Imos xestionar o rural dende as cidades ou imos facer unha emenda á totalidade e despoboar as cidades para poboar o rural? Imos cuestionar a nosa pertenza á UE, que é a que impide directamente que o rural sexa unha alternativa de vida, ou imos quedar dentro e ser cómplices do colonialismo? ·

O rural galego é campo de voto do PP mentres que o BNG medra nas cidades galegas. Non tería que facernos pensar esta tendencia? Queremos reverter esta situación aproveitando os lumes e cunha manifestación no canto de estar nos sitios? Novamente non aprendemos nada do que pasou tras o Prestige coas eleccións? Imos xestionar o rural dende as cidades ou imos facer unha emenda á totalidade e despoboar as cidades para poboar o rural? Imos cuestionar a nosa pertenza á UE, que é a que impide directamente que o rural sexa unha alternativa de vida, ou imos quedar dentro e ser cómplices do colonialismo? Imos pensar por que son precisamente Portugal, Grecia e o estado español aqueles estados que tiveron que renunciar ao seu rural para “ser europeos”, onde máis incendios hai cada ano?

“Dende a CUT entendemos que ou se cuestiona o sistema de explotación capitalista e marchamos da UE ou os incendios, coma dixo o criminal e incompetente de Alfonso Rueda, ‘viñeron para quedar'”.

Dende a CUT entendemos que ou se cuestiona o sistema de explotación capitalista e marchamos da UE ou os incendios, coma dixo o criminal e incompetente de Alfonso Rueda, “viñeron para quedar”. Non hai xestión que faga bo a este sistema, non valen lemas que nada din para evitar o compromiso.

En calquera caso só a vontade popular pode conducir a unha nova realidade, e a vontade popular non pode secuestrarse por sigla algunha.

            Dende a CUT, aínda estando en desacordo co lema, lugar e xeito de convocar, facemos igualmente un chamamento a acudir á manifestación porque hai que romper os discursos monolíticos e baseados unicamente no interese electoral. O urxente é salvar a este país da súa desaparición, non ocupar escanos nun parlamento cómplice da desfeita.

Secretariado Político da CUT

PHOTO-2025-09-14-14-47-18 (1)
previous arrow
next arrow
Shadow