Este luns a Consellería de Educación ofrecerá un acordo de “mellora” das condicións de traballo para o profesorado que é unha nova aldraxe que non podemos permitir.
Non hai suba de salario. Tan só unha miseria vinculada á competencia dixital do profesorado que se volve obrigada para acadar complementos por formación (sexenios) sen aínda ofertar os cursos para acadala ou con listas de agarda de centos de docentes. Outra lousa máis que soportar nas nosas costas.
A tecnoloxía dixital é benvida de forma ordenada e racional, pero non vai paliar a falta de recursos humanos e materiais que sofre a educación en Galiza. Pura propaganda para venderlles á sociedade a “modernización” do ensino galego a base de certificados, máquinas de última xeración nas aulas e precarización das traballadoras docentes.
A baixada de rateos queda postergada durante unha década e así seguirá na secundaria, ofertando unha baixada en varios anos en primaria insuficiente. O mesmo run run de sempre: a crise demográfica. Isto xa non cola. A chegada de nenas e nenos migrantes en idade escolar e a atención das necesidades dun alumnado diverso invalidan este argumento. Fan falla rateos menores e máis profesorado dende xa!
As horas lectivas nin se mencionan. Xa sabemos que para a Consellería somos unhas vagas que non traballamos. Por iso a carga burocrática que prometen racionalizar e estudar coas mesmas horas de traballo ás costas e máis e máis papeles. Non cremos nas promesas da Xunta que non sexan para recortar e machacar ao ensino público en favor do privado. Somos a vergonza da docencia do estado neste apartado: só Madrid e Galiza siguen coa carga lectiva actual, soportando as medidas dos gobernos déspotas do PP.
Román Rodríguez, conselleiro de Educación, toma o corpo de profesores enteiro por parvos. Arrastramos un empeoramento das nosas condicións de traballo desde o infame decreto do 2012. Daquela a crise foi a desculpa para atacar os traballadoras do ensino. Agora simplemente estáse a rir de nós. E semella que pode facelo, pero imos permitilo?
Desde a CUT entendemos que a unidade da comunidade educativa é necesaria para enfrontarnos a quen recorta, privatiza e precariza. Desde finais do curso pasado mativemos conversas con ANPAS e sindicatos na busca desta unidade. A Maioría das ANPAS manifestou o seu interese. Os sindicatos, salvo algunha excepción, non nos deron unha resposta.
O tempo pasa e as cousas non cambian. É necesaria unha acción contundente e conxunta que prepare grandes mobilizacións sociais nas que o profesorado debería ter a iniciativa por responsabilidade co noso traballo. Temos que facer unha gran campaña polos centros de ensino para preparar unha folga. Unha folga non dunha xornada, que dure o que faga falta para que a Xunta deixe de tomarnos o pelo. A que estamos esperando?
Agardamos que os grandes sindicatos da mesa estean á altura das circunstancias que este agravio supón para as docentes galegas e sexa hora de saír ás rúas e mobilizar a todo o profesorado ante este desprezo á nosa labor, tempos e vidas.
Tamén aproveitamos para lembrar a sindicatos e Xunta que no vindeiro CXT ten que contemplarse a senteza do ano pasado que garante que todo o persoal que concurse ten que ter valorado o tempo traballado en igualdade de condicións, inclusive o funcionariado en prácticas que aprobou este verán e que é equiparable a todos os efectos ao funcionariado de carreira xuridicamente.
A CUT mobilizarase contra este acordo sen dubidalo co resto de forzas sindicais que loiten para obter o que é noso e non contra nós. Tamén para o recoñecemento do tempo traballado independentemente do tipo de contratación no pasado.