Novo modelo de ingreso: transitoria 2022-2024 e concurso de méritos

1664

Cómo chegamos ata aquí? Marco xeral

No ano 2018 os membros da USDG-CUT, aínda como asemblea de interinos do ensino, reuníamonos en Pontevedra para expoñer a nosa situación de abuso na contratación temporal, a ineficacia dos chamados acordos de estabilización asinados no ano anterior e a proposta da aplicación dun concurso de méritos recollido como saída excepcional á situación no EBEP. Naquela altura os sindicatos que acudiron ao noso chamado CCOO, UGT, CIG, ANPE e STEG (todos menos o CSIF) negáronse en redondo a iniciar solución algunha ao problema de precarización do persoal derivado dos recortes da Troika aplicados dende a crise xenerada en 2008, insistindo na ilegalidade de dita proposta.

Dende a CUT impulsamos entón unha Iniciativa Lexislativa Popular refrendada por máis de 10.000 galegos que levamos ao Parlamento solicitando o concurso de méritos para o sector público galego, no marco das competencias da Xunta de Galiza. Pero o rodillo de Feijóo aplastou a vontade popular para unha estabilización que agora lle vén imposta de Madrid, polo que se non quería caldo, agora tomará as 7 merecidas tazas.

Atopámonos en 2021 a piques de ver aprobado na súa última fase de tramitación no Senado, o Proxecto de Lei para a estabilización do persoal temporal das administracións públicas, un texto que recoñece o problema da precarización de centos de milleiros de traballadoras, entre elas as docentes galegas. A saída legal para este problema, e sempre baixo a ameaza europea de retirar fondos de non producirse, formúlase de entrada nun novo concurso-oposición de estabilización pactado por goberno e sindicatos do réxime: CCOO, UGT e CSIF no mes de xullo.

Porén, os sindicatos de clase no estado, coa única participación galega da CUT, e que defendemos ao persoal precarizado tras unha actividade intensa de reunións, mobilizacións e a convocatoria de 3 xornadas de folga nos últimos meses, conseguimos redirixir a situación cara un Proxecto de Lei no que o espírito da estabilización dea un saída real ás traballadoras afectadas. Mais temos que ser críticas e denunciar que a pesar das melloras introducidas, non se dá solución ao persoal afectado, senón que novamente se estabilizan prazas sen garantía ningún de permanencia para os abusados, ao tempo que se impoñen límites temporais na consideración do abuso nos 5 anos de forma aleatoria.

 

Que determina a nova Lei para o fin da temporalidade para ensino e que se vai negociar este martes 21 en Madrid?

En primeiro lugar establece para o futuro, na reforma do artigo 10 do EBEP, o fin do Acordo de Interinos sendo que ninguén poderá estar máis de 3 anos concatenando contratos (prorrogable a 4 nalgúns casos). Este punto é de gran relevancia cunha temporalidade permanente no ensino que acada o 30% nas nosas aulas. Preténdese atallar o problema cambiando de cromo, é dicir, de persoa temporal, pero non se garante a creación da praza, precarizando dobremente ao persoal.

Ante esta nova situación que previsiblemente terá efecto no ensino a partir de 2024, a nova lei establece tamén un sistema transitorio de estabilización 2022-2024, dando o marco xeral sobre o cal se ten que producir unha adaptación concreta en ensino e sanidade, pola peculiaridade do tipo de servizos e contratacións, antes do 6 de xullo de 2020. Neste sentido coñeceuse no día de onte o Borrador para a modificación do Real Decreto 276/2007 sobre o ingreso, acceso e adquisición de novas especialidades nos corpos docentes, regulando o réxime transitorio de ingreso da transitoria decimosétima da LOE. LIGAZÓN AO BORRADOR.

O Borrador, negociarase este martes 21 na Mesa Sectorial Estatal de Educación. Recoñece na súa exposición a existencia dunha temporalidade excesiva nun servizo básico esencial como o ensino con causa nos recortes orzamentarios, convocatorias con insuficientes prazas, etc. e establece de que maneira se desenvolverá o sistema de ingreso para docentes en todo o estado, ao abeiro do Proxecto de Lei para solventar, ao seu parecer, o problema e situar a taxa por baixo do 8% de persoal temporal. Unha norma que buscar reducir a cantidade total de prazas de temporais pero que novamente non soluciona o abuso sobre o profesorado, con nome e apelidos, afectado por anos de recortes de prazas con procesos xudiciais abertos, senón que busca ocupalas sen garantías de facelo os abusados.

O sistema de ingreso engade unha Disposición transitoria cuarta que inclué a aplicación da Lei de estabilización estatal e que será negociada este martes na Mesa Sectorial de Ensino. Será de aplicación nos procesos selectivos a celebrar en 2022, 2023 e 2024 sobre calquera praza, sexa de reposición, nova creación ou de estabilización (salvo aquelas incluídas no concurso de méritos).  Nela establécese un SISTEMA DE CONCURSO-OPOSICIÓN LIBRE, baixo os seguintes parámetros:

OPOSICIÓN ELIMINATORIA (60% nota): necesario obter un 5 nesta parte para acceder á fase de concurso. As probas a e b terán un valor dun 40% mínimo. Divídese en dúas ou tres probas, segundo especialidade, non eliminatorias entre sí:

  1. Desenvolvemento dun tema (entre 3 ou 5 segundo temario).
  2. Exposición da parte didáctica (ofrécense dúas opcións aínda sen pechar: só da programación en xeral ou só dunha unidade didáctica).
  3. Só para especialidades con necesidade de demostración práctica (Corpos de Música e Artes, FP técnicos,…).

– FASE DE CONCURSO (40% nota): Valórase de 0 a 10.

– Valórase a experiencia como ata o de agora (0,7 por ano traballado ata un máximo de 10 anos). Máximo 7 puntos.

– Formación académica e permanente: 2 puntos.

– Outros méritos: 1 punto. Valorarase con 0,5 puntos ter aprobado un proceso selectivo dende 2012 (aprobados na oposición sen praza por concurso).

Por outra banda, na Disposición transitoria quinta disponse o CONCURSO DE MÉRITOS sobre aquelas prazas sinaladas na Proxecto de Lei estatal nas Disposición Adicional Sexta e Oitava. Non se determina a data de realización, á espera do establecido no Proxecto de Lei. Valorarase da seguinte maneira, sobre 15 puntos:

– Experiencia previa: En centros públicos 0,7 por ano traballado na mesma especialidade. 0.035 noutra especialidade ou corpo. Noutros centros: 0,150 na mesma especialidade e 0,1 noutras especialidades ou corpos. Tamén se valorará por meses completos.

– Formación académica e permanente: 3 puntos, segundo normas habituais de valoración.

– Outros méritos: 5 puntos. Outourgaranse 2,5 puntos por cada proceso aprobado sen praza (superada as fases de oposición) dende 2012.

Que opina CUT Ensino sobre ambos sistemas de ingreso?

Dende a CUT Ensino, como único sindicato na defensa do persoal precarizado do ensino na Galiza cunha loita que se remonta a 4 anos atrás, no que se nos ten negado o problema por parte dos Conselleiros Román Rodríguez e Carmen Pomar e de Feijóo e o PPG no Parlamento galego, pero tamén dos outros 6 sindicatos con representación que non fixeron máis que dar as costas ás afectadas mediante a desinformación ou omisión desta situación, nun exercicio de abandono total das traballadoras máis precarias do ensino, valoramos  positivamente os avances que o espírito da nova lei trae para a estabilización do profesorado grazas á loita exclusiva das afectadas organizadas en plataformas e sindicatos de clase dende a base.

Mais a pesar do  positivo de recoñecer o problema e poñer sobre a mesa o concurso de méritos, consideramos insuficientes as medidas que propón a lei común polos motivos que xa explicamos en anteriores comunicados, xa que dá solución só a parte do problema endémico da precariedade e non resolve a fraude de lei para milleiros de afectadas.

No caso máis concreto do sistema de acceso proposto no ensino consideramos:

  1. Sobre o concurso-oposición da Disposición transitoria cuarta:  a formulación deste proceso na que se fala de inclusión de prazas ocupadas dende 2020 e todas aquelas outras correspondentes á taxa de reposición, supón unha medida tramposa e insuficiente para unha estabilización real, sen garantía ningunha de obter unha praza para o persoal afectado pola fraude. As prazas de estabilización dende 2020 non deben ser incluídas nun proceso de concurso-oposición eliminatorio coma o proposto, senón sumarse ás prazas a concurso de méritos, sendo o único proceso xusto para garantir o acceso e permanencia no seus postos das persoas abusadas. 
  1. Sobre o concurso de méritos da Disposición transitoria quinta: é necesario que se inclúan no concurso todas as prazas ocupadas polo persoal en abuso de temporalidade e fraude de lei na contratación, establecido polos tribunais e directiva europea en 3 anos, e polo tanto todas as prazas do persoal cunha antigüidade de 3 anos na data na que sexa convocado o concurso. Por este motivo, consideramos o concurso de méritos o único mecanismo válido para o fin deste problema, tendo que incluírse nel todas as prazas previstas no pretendido concurso-oposición eliminatorio ata solventar o abuso e garantir a permanencia de todo o profesorado no seu posto. Ademais, na valoración dos méritos, para que este mecanismo cumpra o seu obxectivo de estabilización do persoal EXIXIMOS:
  • A valoración única de 1 punto por ano traballado no mesmo corpo e especialidade, salvo no caso do extinto corpo de profesorado técnico de FP que o fará no novo corpo no que se sitúa. Nun proceso destas características non se entende que pretendan estabilizar a xente en especialidades alleas ou mesmo o beneficio de traballadoras que non concorren en abuso doutras administracións ou corpos. A valoración do tempo traballado non terá límite de puntuación, resarcindo do abuso en función do tempo que vén sendo cometido.
  • A formación académica e permanente debe referirse á aquela feita no ámbito do desenvolvemento da labor docente. Exiximos a valoración única da formación permanente do profesorado nos mecanismos previstos para docentes por medio dos CFORE, PPFF, CALC, EOI, etc. Trátase dunha estabilización de persoal docente en función da súa labor, non dun acceso meritocrático ao ensino con formación externa.
  • Valoración doutros méritos relacionados coa labor docente: cargos desempeñados, atención á diversidade, titorías, actividades de innovación, etc. Directamente relacionados co posto de traballo e que figuran nos expedientes do profesorado.
  • A valoración do aprobado na fase de oposición en calquera proceso selectivo anterior, non dende o 2012, sendo que o persoal en abuso o está dende os anos 80 e a validez dos aprobados na fase de oposición, de valorala, non debe ser discriminatoria.
  • O concurso debe ser pechado e só accesible ás persoas que cumpran o requisito de antigüidade de 3 anos e non de libre concorrencia, puidendo acceder persoal doutras administracións alleas á estabilización.

 

Que pasa cos novos opositores?

Dende a CUT Ensino comprendemos a preocupación dos opositores sen experiencia ou de novo acceso afectados polas tropelías da Xunta de Galicia sobre o persoal temporal. Por iso mesmo a CUT sempre defendeu e defende que as prazas correspondentes á taxa de reposición sexan de libre acceso nun sistema transparente, anónimo e obxectivo que valore axeitadamente os méritos de cada opositor para non ver repetida esta situación de novo noutros dez ou quince anos.

Porén, e neste contexto, a Xunta de Galicia ten que crear novas prazas estruturais que situou como temporais nestes anos e que terán que ser incluídas na taxa de estabilización, polo que solicitamos para o novo acceso un concurso-oposición no que se inclúan as prazas necesarias, á marxe das de estabilización, para cubrir as necesidades reais do ensino público galego, baixando as ratios de alumnado e as horas lectivas ao profesorado, e dotando aos servizos públicos das ferramentas necesarias para un ensino público de calidade.