A sección sindical da CUT Automoción mobilízase contra o abuso das mutuas

281

Esta mañá a sección sindical da CUT Automoción mobilizouse para denunciar a actitude das mutuas fronte ao recoñecemento das enfermidades profesionais.

No sector da automoción concéntrase o maior número de trastornos músculo-esqueléticos, segundo as estatísticas oficiais. Isto vén dado polo tipo de traballo realizado, maioritariamente manual, moi repetitivo e en ciclos moi curtos. Dan boa fe disto os abusivos ritmos de traballo que nos vemos obrigadas a asumir nas cadeas en todo o sector, o que implica que seguramente se estean a agochar moitas enfermidades profesionais como enfermidades comúns.

Como exemplo, segundo datos da fábrica principal do sector (PSA Vigo), cuxo cadro de persoal é de aproximadamente 7000 persoas, nos últimos anos non puideron acudir ao seu posto de traballo unha media de 300 persoas ao día por causa dalgunha doenza. Porén, a media/ano de enfermidades profesionais recoñecidas é de arredor de 25.

“Iso é de bater ovos”, “ti seguro que xogas ao tenis”, “esa lesión é moi común por pasar a aspiradora”, “iso seguramente o provocou subir e baixar as persianas”… Estas son as respostas habituais dos médicos e médicas das mutuas cando acudimos a consulta por unha lesión de orixe músculo-esquelética.

O grave desta situación é que, de ser así, se están consumindo recursos da sanidade pública (que, como ben sabemos, non sobran) en tratar trastornos dos que se deberían facer cargo as propias Mutuas das empresas. Ademais, o feito de que non se recoñeza unha enfermidade como profesional implica que non se vai actuar sobre ese posto de traballo en concreto para evitar que se volva a producir, co conseguinte dano para as persoas traballadoras, nun intento claro de aforro económico para as empresas.

Unha vez máis, o lucro das empresas está por riba da saúde da clase traballadora. Mais mentres non se lle poña solución, seguiremos denunciando e mobilizándonos contra a súa cobiza e na defensa das nosas vidas!