Non lles importamos, inicio COVID do curso

182

Non lles importamos. A atención ás necesidades educativas, non lles importa. A fenda dixital, non lles importa. A igualdade de oportunidades, non lles importa. O futuro académico e profesional das vindeiras xeracións, non lles importa. A saúde das traballadoras, alumnado e as súas familias, non lles importa. A educación pública, non lles importa. Non lles importamos.

O señor Feijóo estableceu hai anos que a educación non é unha prioridade. Leva 12 anos desmantelando os servizos públicos: sanidade, dependencia, os servizos sociais, a cultura, etc., e nós vamos tamén dentro do mesmo saco. Os interese aos que sirve ese señor mandan e el obedece: non hai que suprimir o público, pero debemos deixalo ferido de morte para que desapareza por el mesmo debido a nula calidade dos servizos prestados.

Cando Feijóo preguntou se o diñeiro COVID para a educación podía gastarse noutros eidos; cando esperou a ter gañadas as eleccións para facer público o seu protocolo da vergoña; cando comezamos o curso en primaria sen ningún reforzo; cando en secundaria chegaron “in extremis”, e non todas as profesoras necesarias; cando os centros tiveron que facer fronte cos seus recursos a obras para adaptar aulas; cando as direccións se comeron o marrón de organizar todo; neses momentos acordámonos de que a Feijóo non lle importamos.

Tampouco nós fixemos os deberes. A mobilización do profesorado foi escasa. De certo que as convocatorias fixéronse sen ganas e apostando polo cabalo perdedor, pero isto non é desculpa. Que a Xunta xogou a rebentar a folga con servizos máximos, tamén é verdade. Como non lle importamos, temos que facer valer os nosos intereses de clase como traballadoras da pública, así obrigamos a que lle importemos.

Moitas escoitamos da boca de compañeiras e compañeiros que “non vou a folga porque os sindicatos convocantes non fan ben o seu traballo”, que “se para unha folga dun día non a fago”, etc. Desculpas. Se unhas pequenas mobilizacións non son capaces de espertar en nós a disciplina militante e a conciencia como traballadoras, peor sería no caso de ter que facer maiores sacrificios en loitas máis longas. Se non vas un día de folga, tampouco vas ir un mes. Non nos enganemos. O músculo revolucionario hai que exercitalo.

Pese a febleza das mobilizacións, o señor Feijóo esforzouse en criminalizalas, en denigrarnos por teren dignidade e loitar. Isto é síntoma de que molestamos cando nos movemos. Que diferente tería sido se todas estivésemos mobilizadas contra o protocolo…

Mais o noso traballo, desde a humildade dun sindicato pequeno, sen representación na mesa sectorial, sen liberados nin delegados en educación, pouquiño a pouco, pero sen perder a ilusión, poderá romper esta tendencia acomodaticia, a desidia e o “dolce far niente”. Xuntas, con esforzo e dedicación, máis tamén coa satisfacción de sabermos en posesión da razón e desfrutando dos pequeno éxitos, levantaremos unha alternativa sindical combativa e inclusiva.