Neste 2022 hai 50 anos do asasinato de Amador e Daniel, aos que lembramos sempre no que para nós é o Día da Clase Traballadora Galega. Foron abatidos na rúa polas balas do fascismo, alí onde o proletariado conquista sempre os seus dereitos.
A morte non sempre trae consigo o silencio, asasinaron a Daniel e Amador e o pobo non calou, seguiu falando nas rúas ante o fascismo e o capitalismo; seguiu falando nas folgas e nas asembleas, e berrou alto e claro.
Hoxe, tras 50 anos, hai silencio nas rúas. As folgas, as asembleas e as manifestacións secúndanas miles de “likes” e poucas mans e miradas. Vivimos na era da ficción, das pantallas táctiles que globalizan e fan insensíbeis as nosas mans, as mesmas que xa non se pousan (ou agarran con forza) a man da compañeira e do compañeiro. Era da ficción que pretende transformar o sindicalismo e a loita de clase nun fondo de pantalla distanciado do contacto humano.
A pandemia serviu coma escusa ao capital para impor medidas máis drásticas contra de nós, pero non só. Tamén nos serviu a nós para deixar de crer, como escusa para non facer e dar creto aos falsos discursos totalitarios e antiobreiros dos que nos gobernan. Serviu a pandemia para converternos en infantes irresponsábeis.
A memoria, e a historia lida dende a perspectiva de clase, son o principal fundamento e motor para poder mudar as cousas. Amador e Daniel non poden ser dous nomes pedidos no recordo, ou un monumento no que poñer flores. Os seus nomes son historia viva, son exemplo do camiño que temos por diante e da realidade que enfrontamos: sexan cales sexan as condicións que temos diante, debemos facerlles fronte con determinación, con compañeirismo, con amor revolucionario, con sacrificios e, se cadra, coa vida; porque non importa o “eu” e o “meu”, importamos o que é noso.