O vindeiro 10 de marzo a CUT conmemorará o Día da Clase Obreira Galega cunha manifestación nacional que percorrerá as rúas de Vigo baixo o lema Que non confinen a nosa conciencia de clase. A manifestación partirá ás 19:30 horas do Cruce da Vía Norte.
O 10 de marzo do ano 2020 saímos ás rúas dicindo que sen memoria histórica non había conciencia de clase, e faciamolo para lembrar a morte de Daniel e Amador. Poucos días despois, o Estado español decretaba o confinamento da poboación pola COVID-19. Un ano despois, as nosas conciencias seguen confinadas.
Achégase unha nova etapa histórica, que no cronolóxico será dividida entre os anos anteriores á pandemia e os anos posteriores. Nada existe antes de marzo do 2020, o sistema encargouse de borrar as nosas memorias individuais e a memoria colectiva para artellar o renacemento do capitalismo. A nova máxima é que agora só hai un inimigo, o virus, e todas as nosas vidas e esforzos deben ir cara ao seu combate. Quedan prohibidas as reivindicacións obreiras, quedan prohibidas as manifestacións, os 8M, os 1 de maio, as asembleas onde fundamentar o colectivo e o ben común, as apertas, as miradas, os puños erguidos, o pensamento, a crítica, a violencia de clase e necesaria… Todo o que coñeciamos antes do ano COVID non será máis que lembranzas borrosas das que falar con nostalxia. Iso é o que queren, pero non. Queren que deixemos de reclamar o noso dereito a servizos públicos decentes, o noso dereito a pan, traballo e teito e dignidade; e queren someternos para que novamente nós paguemos a nova crise do capital que agocharon baixo o virus da COVID. Pretenden que sexa a clase traballadora a que se empobreza aínda máis para aumentar os beneficios de bancos, empresas e farmacéuticas. Pero non.
Dende a CUT reclamamos o noso dereito á rebeldía como primeiro paso consciente de dicir non, como paso previo a tomar as rúas, cando e como nos pareza, co obxectivo de forzar a este réxime podre do 78 a que caia. Tócanos construír a nós o futuro que queremos, o mesmo que querían Amador e Daniel, que hoxe estarían con nós e non con outras siglas (políticas e sindicais) que os reclaman para si ao tempo que venden unha e outra vez a clase traballadora.
Queren que calemos, pero non.