10 de marzo, exemplo e memoria

195

Aquel día foi venres, foi 10 de marzo, foi 1972, foi ditadura franquista, foi Amador e Daniel mortos a tiros por uniformes sen rostro que agochaban a violencia do capital contra o pobo traballador.

Hoxe temos o 10 de marzo na memoria para lembrar a Daniel e Amador como compañeiros, pero tamén como exemplo da loita da clase traballadora contra as estruturas do capital, leven o nome de ditadura ou leven o nome de democracia. Neste ano 2018 debemos, máis que nunca, facer memoria e comparación con aquel 1972: quen elixiu ao xefe de Estado en 1972 e quen o elixiu hoxe? Que familias dominaban a economía entón e cales hoxe? Cantos mortos agochaban as cunetas entón e cantos seguen nelas? Quen acumula riqueza e quen vive na precariedade entón e hoxe? En 1972 había presos políticos, e hoxe? En 1972 censuraban as letras, e hoxe? En 1972 a policía disparaba e cargaba contra o pobo traballador, e hoxe?…. e así ata darnos conta de que a vida segue igual con unha única diferenza: o silencio das rúas.

A clase traballadora galega debe respectar a memoria de Daniel e Amador, e para facelo debe retomar a conciencia de clase, e para iso é preciso que cada un e cada unha de nós tomemos a decisión individual de responsabilizarnos ante o colectivo. É hora de dar un paso adiante a axuntar todas as loitas que nos afectan para tomar as rúas exercendo o noso lexítimo dereito de derrubar ao capital destruíndo as súas ferramentas. Pola nosa pel, polas nosas mans, polos nosos cerebros pasan os ríos da memoria colectiva, temos a responsabilidade de formar parte protagonista da historia da nosa clase, non temos escusa para agochar responsabilidades.

A mellor honra á memoria de Daniel e Amador será que a clase traballadora galega axunte todas as súas forzas nunha soa e convirta esta soberbia da ditadura do capital na mellor arma contra eles mesmos. Seremos quen de sacar a nosa rabia e a nosa razón para non darlles tregua: a súa legalidade é ilegal, os seus instrumentos políticos son ilexítimos, as súas razóns son a barbarie. Eles nun lado, nós no contrario; o seu futuro a derrota, o noso a vitoria.

Viva o 10 de marzo; viva a clase traballadora galega!

Amador e Daniel, sempre con nós!