10 de marzo de 1972: mortos para que Galiza viva

407

O 10 de marzo quedou marcado como o día da clase obreira galega a sangue e fogo. Un día de novas tráxicas e de memoria. Nesa data de 1972 Amador Rei e Daniel Niebla eran baleados polos grises nunha grande mobilización ás portas de Bazán para respostar aos despedimentos executados pola Dirección en represalia á loita por un propio convenio. “Erguéstesvos cedo aquel día / o costume do traballo / mañá cediño pra facernos coa vosa morte”, dixo deles o poeta Uxío Novoneyra.Daquela, aínda que poida hoxe resultar sorprendente, era CCOO o motor de toda aquela loita social. Pero sobre todo tamén nese 1972, á calor das batallas obreiras en Vigo e en Ferrol principalmente, organizábanse os primeiros agromos do sindicalismo nacionalista e de clase, que deu lugar no tempo a centrais como a CIG ou a CUT. Todas esas loitas obreiras de 1972, e tamén os momentos máis dramáticos, están inscritos no noso ADN.A memoria tamén ten as súas trampas. Eles eran as vítimas da transición que se organizaba despacio, demasiado despacio, dentro dos palacios. Hoxe celebramos un Día da Clase Obreira Galega ás portas dunha segunda transición organizada dende o poder, cos partidos do rexime chamados á “mestizaxe” da Grande Coalición. Unha Grande Coalición contra os dereitos da clase traballadora. Unha ofensa coordenada contra a as propias vidas, vividas xa en condicións extremas, das traballadoras e traballadores. Casualmente agora UGT apraude esa manobra, e CCOO, desmemoriada, cooptada, rendida, garda silencio. Xa só nos queda unha opción ás traballadoras e traballadores na nosa autodefensa: o combate e a coraxe. Como o fixeron Amador e Daniel naquela altura. Mais desta volta só a vitoria nos pode salvar.