1 de maio: traballo digno. Non á guerra imperialista

327

Dende a CUT facemos un chamamento conxunto a toda a clase traballadora a saír ás rúas neste 1 de maio dicindo, alto e claro, que a escalada bélica proposta pola OTAN dos EEUU e a UE obedece ás ansias do capital de seguir acumulando riquezas; nada ten que ver con supostos valores democráticos ou a conquista de dereitos e liberdades, todo o contrario.

A UE propón un investimento de 800.000 millóns de euros en maquinaria militar dicindo que para pagalo poderá aumentarse o déficit público. Temos esquecida a reforma exprés do artigo 135 da constitución española para prohibir o déficit público? Nós nin o esquecemos nin o perdoamos, porque aquela restrición significou a conxelación do gasto público e tal conxelación levou a que hoxe esteamos nas rúas reclamando unha sanidade pública digna que perdeu recursos dende entón, que esteamos a reclamar dereitos sociais e laborais que se perderon dende entón, que esteamos a reclamar vivenda pública que xa non existe porque non houbo investimento, que esteamos a reclamar transporte público que xa non hai, que esteamos a reclamar ensino público e de calidade. Aquel recorte do déficit público foi unha corda ao pescozo da clase traballadora.

“A clase traballadora debe ter no seu horizonte un rotundo NON Á GUERRA IMPERIALISTA, porque ao berralo alto e claro estamos a defender non só a paz, senón tamén o traballo digno, os servizos públicos dignos, o dereito á vivenda, a liberdade, a xustiza e a democracia.”

Agora queren abrir a porta ao endebedamento. Van facelo para recuperar os servizos públicos perdidos? NON, van facelo para dar crédito público á industria das armas, para facer pistolas, tanques, avións e bombas que matarán a homes, mulleres e rapazada das clases populares, van facelo para transformar a industria en empresas de fabricar morte, e van facelo cos cartos que sairán dos nosos petos para logo caer nas contas da banca e da industria da morte. Mentres, os servizos públicos seguirán esmorecendo e ocuparemos as rúas non para manifestarnos, senón porque non temos onde vivir.

A clase traballadora debe ter no seu horizonte un rotundo NON Á GUERRA IMPERIALISTA, porque ao berralo alto e claro estamos a defender non só a paz, senón tamén o traballo digno, os servizos públicos dignos, o dereito á vivenda, a liberdade, a xustiza e a democracia.

O capitalismo só ten como horizonte a acumulación de capital, e o capital non ten patria, non ten valores e non ten límites na súa avaricia. O único xeito de facerlle fronte é ocupando as rúas con determinación, coa clase traballadora en estado permanente de insubmisión contra a súa avaricia e contra as institucións de gobernos que sustentan esta aldraxe.

“Queda toda a responsabilidade en mans da clase traballadora para parar a barbarie, dicir non á guerra, non á depredación do noso territorio cos eólicos, ALTRI, mina de Touro… Non á depredación do noso patrimonio cultural e lingüístico. En definitiva, NON AO CAPITALISMO IMPERIALISTA!!!”

A máquina ideolóxica do capital non para de traballar e artellar o seu futuro, neste momento desenvolve un programa de barbarie que tivo o seu antecedente nos anos vinte do século pasado, cando ante a unha nova crise optou por crear o fascismo que rematou na II Guerra Mundial. Entón, a clase traballadora estaba organizada e tiña o referentes de esquerda real e non de socialdemocracia conciliadora co capital. Hoxe a esquerda real está nos libros de historia agardando volver ser real, queda toda a responsabilidade en mans da clase traballadora para parar a barbarie, dicir NON Á GUERRA, NON Á DEPREDACIÓN DO NOSO TERRITORIO COS EÓLICOS, ALTRI, MINA DE TOURO, TERRAS RARAS… NON Á DEPREDACIÓN DO NOSO PATRIMONIO CULTURAL E LINGÜÍSTICO, en definitiva NON AO CAPITALISMO IMPERIALISTA!!!

 

VIVA O 1 DE MAIO!!!

VIVA A CLASE TRABALLADORA!!!

NON Á GUERRA!!!