Hai cen anos espallábase o fascismo por Europa e hoxe, nun eterno retorno, repítese a historia. Igual que entón non aparece como a ocorrencia dun tolo, senón porque o capitalismo, cando ten medo, para manterse no poder utiliza o fascismo.
Primeiro, coa complicidade dos seus medios de comunicación (dígase manipulación), subvencionados polo gran capital, que dan o combate cognitivo creando realidades ficticias onde, na súa lóxica, só poden darse solucións totalitarias. Gañada a batalla ideolóxica xa contan co apoio de grande parte da clase traballadora para chegar ao poder. Este xogo dáse dentro do que eles chaman democracias parlamentarias, esas nas que participa a suposta esquerda que contribuíu ao crecemento do monstro por xogar na dialéctica do poder. A clase traballadora renega desa esquerda e dos seus sindicatos corporativos porque sabe, sen equívoco posible, que son parte da nosa derrota de clase.
Non temos máis que observar, silenciando o seu ruído, para ter claro que o capitalismo parlamentario non defende os nosos intereses, goberne quen goberne.
Os servizos públicos, a gran bandeira da socialdemocracia, non deixan de ir a menos. Comezaron coas privatizacións e seguiron pola redución do investimento. Preguntémonos: A que se deben as listas de espera? A que se deben os fallos de mantemento nas liñas ferroviarias? Que hai dos millóns e millóns de euros públicos que chupan as grandes empresas mentres aplican ERTE tras ERTE e aumentan as súas ganancias? Que salario podemos considerar digno cando a vivenda leva o seu 80% por medio da especulación consentida mentres teñen a pouca vergoña de falar de ocupación?Como pode esixirse produtividade cando a precariedade salarial é o día a día da clase traballadora?
Pero ollo, non debemos equivocarnos cos aliados. O FASCISMO é capitalismo, e o capitalismo é o noso inimigo, sempre. Non nos deixemos enganar por falsos profetas que só pretenden encher os seu petos ao tempo que promoven a xenofobia, o racismo, o machismo e a explotación.
“Que o século XX nos sirva para aprender, dunha lectura positiva que a unidade contra o fascismo implica a súa derrota, e dunha lectura negativa que non podemos deixarnos levar polos discursos de aqueles que din vir para salvarnos do mal. Temos que salvarnos nós mesmos.”
Á clase traballadora só pode salvala a propia clase traballadora. É hora de pensar por nós e para nós. Que o século XX nos sirva para aprender, dunha lectura positiva que a unidade contra o fascismo implica a súa derrota, e dunha lectura negativa que non podemos deixarnos levar polos discursos de aqueles que din vir para salvarnos do mal. Temos que salvarnos nós mesmos.
A OTAN, a UE e todos os mecanismos creados tras a II Guerra Mundial coa suposta intención de garantir a paz, son hoxe os cómplices, ben por acción ben por omisión, das guerras provocadas por EEUU e Israel no seu desesperado intento de que non se dea o inevitable, é dicir, o cambio da hexemonía mundial cara China e Rusia.
“Saímos á rúa con valentía e coraxe, coa determinación e alegría necesarias para loitar de fronte contra o fascismo, facendo memoria e honra dos mártires de Chicago porque, ao igual que eles, non imos equivocarnos de aliado. Ao igual ca eles sabemos que para conseguir dereitos debemos pelexalos”
Para a clase traballadora a guerra nunca é a solución porque agocha tras de si intereses económicos perversos sen que teñan importancia os mortos e desastres humanos que causan. Por iso, o sindicalismo combativo rexeita a guerra empurrando pola construción dun sistema alleo aos intereses do capital.
Neste 1º de maio, na CUT saímos á rúa con valentía e coraxe, coa determinación e alegría necesarias para loitar de fronte contra o fascismo, facendo memoria e honra dos mártires de Chicago porque, ao igual que eles, non imos equivocarnos de aliado. Ao igual ca eles sabemos que para conseguir dereitos debemos pelexalos. Chegou a hora de dar un paso adiante.
VIVA O 1º DE MAIO!!!
VIVA A CLASE TRABALLADORA!!!
CONTRA O FASCISMO, CONTUNDENCIA!!!












