Folga na Administración de Xustiza

Folga na Administración de Xustiza

Os paros precederanse de concentracións que se celebrarán mañá nos xulgados das sete grandes cidades. A folga será indefinida a partir de xaneiro de 2018

206

Todas as organizacións sindicais con representación na Mesa de negociación da
Administración de Xustiza en Galiza, na que a CUT é maioritaria, acordaron un intenso calendario de mobilizacións para reclamar dereitos laborais e salariais que comeza mañá xoves 16 de novembro con concentracións nos xulgados das sete grandes cidades do país. En Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense e Vigo as concentracións serán ás 12 horas nos edificios xudiciais, mentres que na Coruña e Pontevedra haberá protestas a dúas horas distintas (na Coruña, ás 12 no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e ás 13 horas no edificio dos xulgados; mentres que en Pontevedra os traballadores e traballadoras concentraranse ás 12 na sede xudicial e ás 13 horas na Audiencia Provincial).

Estas protestas serán o precedente de dúas xornadas de folga xa convocadas para os vindeiros días 1 e 13 de decembro. Está previsto que a finais de xaneiro de 2018 a folga se transforme en indefinida. 

As mobilizacións, que foron aprobadas nas diversas asembleas que se celebraron durante a semana do 6 ao 10 de novembro cos traballadores e traballadoras da administración de xustiza de todos os centros de traballo do país, convócanse ante a falta de vontade negociadora por parte da Dirección Xeral de Xustiza, que se nega reiteradamente a abordar na mesa demandas laborais xa insoslaiables que non admiten por parte dos sindicatos máis demora.

En concreto, protéstase pola situación de discriminación no
Complemento Transitorio con respecto aos demais compañeiros e compañeiras de xustiza
do estado, onde se acumulan diferenzas no período 2013-2017 en concepto
retributivo de 10.000, 5.000 e 4.000 € dependendo do corpo, grazas aos
recortes do goberno do PP na Galiza durante eses 4 anos.

Tamén estase a combater a discriminación en relación cos descontos por baixa laboral, nos que se da o caso de que, no mesmo xulgado, o xuíz ou o letrado da A. X. non teñen
descontos e o resto do persoal si; unha discriminacións salarial que tampouco sofren compañeiras e compañeiros doutras comunidades ou nacións do estado.

Reivindícase igualmente a situación nas substitucións verticais entre corpos, nas que
non se aboa o 100% das retribución do corpo no que se substitúe (a igual
traballo, igual salario).

Por último, esíxese xa a consolidación das prazas de reforzo estruturais de máis de 3 anos de duración e a volta atrás da amortización do ano 2013 de 106
prazas, que afectou sobre todo ás Audiencias provinciais ,Xulgados de Paz, do
Contencioso e de familia.