Conferencia Internacional VI Congreso da CUT: O marco actual da Unión Europea...

Conferencia Internacional VI Congreso da CUT: O marco actual da Unión Europea non é o marco da clase traballadora

205

O venres 27 comezabamos o noso VI Congreso coa celebración dunha Conferencia Internacional sobre as consecuencias da política da UE para a clase traballadora, baixo o epígrafe de “Sindicalismo de clase en Europa”. Contamos coas delegacións da Oficina Europea da FSM, CGTP-IN de Portugal, IAC de Cataluña, LAB de Euskadi, SAT de Andalucía, FSOC de Canarias, INTERSINDICAL de Valencia, CSI de Asturies, CUT de Aragón, CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL.

A exposición das diferentes organizacións levou a conclusións ben esclarecedoras, destacando con claridade que o marco actual da Unión Europea non é o marco da clase traballadora, nel non cabe a posibilidade de reforma algunha que remate coa explotación da clase traballadora, pois o seu nacemento e composición só ten en conta os intereses das oligarquías e monopolios.

A xornada de debate viuse tamén condicionada pola proclamación da República Catalana, recoñecida e benvida por todas as organizacións asistentes. Pero este recoñecemento viu tamén acompañado de reflexións sobre o exercicio da violencia represiva, coma resposta, por parte do Estado español e de múltiples organizacións fascistas que este Estado alimenta e protexe. Nesta liña reflexiva tivemos a ben facer un chamamento á solidariedade e ao artellamento de mecanismos de resposta ante o previsíbel aumento da represión que afectará a toda organización e pobo que teña a intención de non acatar a “súa democracia”.

A estas organizacións estamos seguros que tamén se unirán aquelas que foron convidaddas e escusaron a súa asistencia coma o PEO e SOLIDARIES, e outra organización coma a CIG que foi convidada pero non respostou.

A CUT está moi agradecida de poder ter contado cun debate de este nivel nun momento histórico que só pode ter dúas saídas: a unidade popular contra o fascismo ou a instauración do mesmo fascismo. Os tempos de loita son chegados, de loita para vencer. As nosas velas non son indecisas, levan rumbo e van acompañadas.