Chega o noso VI Congreso Nacional

Chega o noso VI Congreso Nacional

165

Corría o mes de abril de 1999 e pouca xente pensaría daquela que a CUT, sindicato de clase que acababa de nacer, sería dezaoito anos máis tarde unha ferramenta sindical imprescindible para a clase traballadora galega. E afirmámolo sen renunciar ao noso obxectivo programático dunha Central Única Galega, porque sen unidade de clase nunca poderá haber vitoria. A CUT nace dun parto non desexado froito das dinámicas políticas seducidas polo Réxime e do sectarismo que aferrollaba o sindicalismo galego. Dinámicas que aínda hoxe seguen a existir, tristemente.

 

O vindeiro 28 de outubro teremos en Vigo o noso VI Congreso Nacional. Ao redor de douscentos homes e mulleres da CUT acordaremos e poremos a punto a nosa ferramenta de clase e combativa para os vindeiros catro anos. “Inverter a Pirámide”, claro que si, porque estamos nun escenario histórico extremo, onde as forzas do capital exacerbaron a explotación e a negación dos dereitos básicos, sexan laborais ou civís. Ou eles, ou nós.

Nestes últimos catro anos a CUT alentou sen descanso a resposta ás políticas draconianas e austericidas da troika e dos seus lacaios en Madrid. Pulamos de maneira firme pola creación dun referente de unidade obreira e popular na rúa, porque somos conscientes de que sen a unidade das diferentes loitas non poderemos reverter a pirámide. Igualmente fortalecemos os lazos internacionalistas con outras organización sindicais de clase e combativas tanto no marco do Estado como no resto do mundo.

A tarefa foi dura e complexa pero non menos que a que se nos aveciña. Os mecanismos represivos e regresivos do Réxime do 78 son directamente proporcionais ao seu estado de descomposición. Como temos dito moitas veces, o capitalismo morre matando. Velaí o procés en Catalunya, convertido hoxe, sen dúbida, na centralidade dialéctica da contradición no marco do Estado. A contradición dos pobos oprimidos fronte á España rancia e franquista, a dos pobos que queren ser de seu fronte á UE. Non entender isto sería gravísimo. En consecuencia, a posición da CUT será inequívoca: apoio decidido ao proceso catalán e ao de todos os pobos do mundo, comezando e rematando por Galicia.

Os mecanismos represivos e regresivos do Réxime do 78 son directamente proporcionais ao seu estado de descomposición. Como temos dito moitas veces, o capitalismo morre matando.

No plano internacional o capital intenta, e non sen éxito, recuperar espazos perdidos en América Latina. Se a receita do imperialismo para Irak, Libia, Siria, Iemen,… foi a guerra devastadora, en Latinoamérica ensáianse fórmulas mixtas tendo como ferramenta engraxadora as matrices mediáticas que fabrican colosais mentiras. Nun e noutro caso políticas xenocidas contra moitos millóns de cidadás e cidadáns que se negan a axeonllarse fronte aos ditados do capital multinacional.

Se falabamos de Catalunya como a centralidade da conxuntura no marco do Estado Español, hai que dicir o mesmo da Venezuela Bolivariana con respecto a América Latina e os pobos do Mundo. Caer na trampa da intoxicación da Sexta ou do País sería mortal de necesidade. Venezuela, tal que Cuba desde a década de 1960, é hoxe para os pobos e a clase traballadora mundial a esperanza redentora dos pobos oprimidos pola hidra do imperialismo e pola explotación do capital.

Non se presenta doada a realidade que teremos que enfrontar despois do VI Congreso Nacional. Na CUT teremos que perfeccionar a organización interna, a eficacia sindical, a capacidade de intervención. Temos que abordar sen medo a renovación tanto xeracional como os métodos de traballo; temos que vigorizar a asemblea tanto no interno como no externo e temos que perfeccionar un discurso sindical combativo ben enraizado na nosa clase e na realidade galega.

Cómpre fortalecer a CUT como sindicato socio-político porque hoxe máis que nunca temos que ser peza partícipe do proxecto de ruptura e de emancipación nacional tendo claro que somos un sindicato de clase. Cometeriamos un erro de gravidade se pretendésemos a substitución daqueles factores que teñen responsabilidades políticas coa nosa clase e co noso pobo.

Cómpre fortalecer a CUT como sindicato socio-político porque hoxe máis que nunca temos que ser peza partícipe do proxecto de ruptura e de emancipación nacional tendo claro que somos un sindicato de clase.

E no plano das alianzas temos que seguir tendendo lazos internacionalistas de fraternidade. Deberemos de enfrontar o inimigo que nos quere liquidar desde a práctica no local ou o no nacional e desde aí seguir tecendo a rede de solidariedade internacionalista e combativa de maneira dinámica e multiforme: desde o acordo permanente cos sindicatos irmáns no estado, á Rede Europea de Sindicatos Alternativos e por suposto na FSM.

O 28 de outubro comezamos a inverter a pirámide. Con entrega, traballo organizado e ilusión, seguiremos facendo camiño na defensa da clase traballadora galega e a prol da instauración da paz mundial a través do socialismo.