Antidisturbios como problema de saúde pública

Antidisturbios como problema de saúde pública

254

10 de xuño 2017. Zona vella Compostela:

  • Policía secreta (que non quixo identificarse co número de placa): Señorita, le procedemos a incautar la mochila por llevar material médico y ser potencialmente peligroso.
  • Moza: Pode dicirme que perigo pode ter levar como sanitaria, material de traballo, totalmente legal?
  • Policía (que segue sen querer identificarse): Puede usted curar!!

Corría o ano 2006 e as sanitarias que nese momento estabamos no centro de saúde de Fontiñas atendiamos síndromes “ansioso-depresivas” (sic) e choros de xente maior que fora expropiada dos seus fogares por parte da administración durante o conflito da ordenación territorial das Cancelas. Ao goberno interesáballe mais ter mais un megacentro comercial que as casas da súa veciñanza. Todas sabemos que o feito de que todas vistamos cos mesmos shorts procedentes de Blangadesh é un acontecimento de interés público. A explotación laboral non é tendencia rexeitable namentras os donos das empresas galegas agasallen mamógrafos á sanidade pública.

Unha desas señoras chamábase Ramona. Tiña arredor de oitenta anos. Cando cruzas esa fronteira es consciente de que todo pode ser a última vivencia así que todo se relativiza, á vez que todo cobra unha vital importancia. Ramona acudía cunha crise hipertensiva ao seu centro de saúde xa que os problemas dos preitos pola súa casa traspasaban cara as súas propias arterias. Cando xa administraramos o captopril sublingual fixeramos recomendacións dunha dieta hiposódica e intentaramos animala co feito de que lle daban a cambio un apartamento onde vivir. Ficou ollando cara nós de maneira encarnada e firme: “e onde meto eu as miñas galiñas?”. Ninguén das presentes soubo que respostar. A sabedoría da señora Ramona foi bastante superior ao noso nivel intelectual e só puiden pensar no atontadas que nos volvemos cando vestimos un uniforme e nos escondemos baixo tecnicismos baleiros de contido e de empatía.

Ramona (80 anos), expulsada da súa vivenda nas Cancelas pola especulación, ficou ollando cara nós de maneira encarnada e firme: “e onde meto eu as miñas galiñas?

O 19 de setembro do 2014, no barrio compostelano de Aríns, era desafiuzada unha familia con dous menores e unha persoa maior con mobilidade reducida ao cargo. En fronte da familia, estafas de prestamistas. A clase política decidiu que para os primeiros eran necesarios antidisturbios; rescates bancarios con diñeiro de todas para os segundos. Entre cargas policiais a xornada saldouse con persoas feridas e detidas. Carlos, o pai da familia suicidaríase un ano despois sen que ningunha administración tomase cartas no asunto. Xa a OMS no inicio da crise alertou que as taxas de suicidio se dispararían. O Movemento Galego de Saúde Mental leva avisándonos desde a súa constitución de que Galiza ten unha das mais altas de suicidio do estado, provocadas entre outras cousas polos condicionantes sociais como os desafiuzamentos e o desemprego. A morte por suicidio é o dobre que polos accidentes de tráfico, rexistrando a cifra mais alta desde fai vinte anos no ano 2014. 371 falecementos ao ano debido a autolesións déixanos claro que como sociedade, estamos sufrindo.

Carlos decidiu rematar coa súa vida sen ter unha alternativa de habitabilidade digna para a súa familia, pese a que só na zona vella de Compostela existen 1100 vivendas desocupadas. Segundo o Consorcio de Santiago sobran inmobres baleiros, pero estorba que un deles se okupe para fins culturais e sen ánimo de lucro. Estorba a non-especulación. O 30 de maio do 2017 un exército de policías desaloxaba o CSOA Escárnio e Maldizer. O apoio por parte de manifestantes traduciuse en centos de persoas feridas. Unha delas, ficou inconsciente tras sufrir un traumatismo craneoencefálico. Non houbo ambulancia para el, houbo un furgón policial.

Nos nosos corpos é precisamente onde se debuxan as relacións de poder, mais tamén onde residen os nosos afectos como forma de resistencia e re-existencia.

Nos últimos tempos, levamos sendo espectadoras dunha campaña de criminalización das persoas drogodependentes que están en risco de exclusión social, por parte de distintos medios de comunicación e incluso asociacións veciñais. A heroína atenta contra a integridade dos corpos, certo é. Porén, obvian dicir ren arredor doutro tipo de substancias que se consumen de maneira habitual nas cidades, por non falar do alarmante índice de consumo de alcol ao que estamos expostas diariamente. Segundo parece ata para drogarse estamos atravesadas pola clase social. Se tes gafas de pasta, unha barba acicalada como manda a moda e non usas xiringas, os problemas de drogadicción transfórmanse automaticamente en liberdade individual; seica.

Estes exemplos concretos das nosa cidade demóstranos que a xentrificación segue sen ser nome de señora, é nome de enfermidade colectiva.

Non haberá saúde posible neste masacre do capital. Os sistemas socioeconómicos que nos afogan ata a morte compre dinamitalos como mecanismo de prevención primaria.

Como profesionais da saúde caemos moi habitualmente no sesgo de naturalizar e conceptualizar o benestar como un estado predominantemente biolóxico, sen repensar que a enfermidade está intimamente debuxada polas diferenzas sociais e políticas. Nos nosos corpos é precisamente onde se debuxan as relacións de poder, mais tamén onde residen os nosos afectos como forma de resistencia e re-existencia.

Non haberá saúde posible neste masacre do capital. Os sistemas socioeconómicos que nos afogan ata a morte compre dinamitalos como mecanismo de prevención primaria. Mentras que o gasto en antidisturbios sexa maior que en persoal sociosanitario e educativo; mentras que se tapie con bloque a cultura, mentras que as porras provoquen hematomas, mentras que non loitemos por unha vida vivible… a saúde das comunidades será simplemente unha utopía.

Como profesionais da saúde caemos moi habitualmente no sesgo de naturalizar e conceptualizar o benestar como un estado predominantemente biolóxico, sen repensar que a enfermidade está intimamente debuxada polas diferenzas sociais e políticas.

Debemos esixir o dereito de existir mais aló da enfermidade porque a saúde é ante todo o desenvolvemento da vida e das nosas relacións persoais. E como colectivo, debemos repensar que facemos coa vida. Que ven sendo o mesmo que respostarlle a Ramona que facemos coas súas galiñas. E xa de paso: que imos facer nós coas nosas?