Un 25 de xullo para a nación e a clase traballadora

Un 25 de xullo para a nación e a clase traballadora

96

Ás portas da celebración do Día da Patria Galega a CUT quere aproveitar para transmitir ós afiliados e afiliadas da nosa organización sindical e ao conxunto da clase traballadora galega a nosa reflexión sindical e o noso chamado reiterado a seguir na rúa.

Chegamos a este 25 de Xullo nun momento onde noso inimigo de clase segue a afortalar as súas políticas contra a clase traballadora, desmantelando os dereitos conquistados e de laminación programada dos nosos dereitos como nación. Unha conxuntura internacional onde o capitalismo na súa vertente máis cruel do neoliberalismo está a agredir as expresións que son obstáculo para os seus plans imperialistas como é o caso da Guerra planificada á Venezuela bolivariana, onde os ingredientes de intervención teñen un marcado perfil fascista, como ocorreu con anterioridade nas intervencións imperialistas de Iraq, Libia, Siria e Ucraína.

Dende hai dez anos tamén en Galiza a clase traballadora e os sectores populares seguimos a ser o suxeto subalterno ó cal se lle negan os dereitos máis elementais en todos os ámbitos: no plano laboral, no das liberdades civís, no das liberdades democráticas e no dos dereitos nacionais.

Lonxe do espellismo de recuperación económica que vende a propaganda e as matrices de opinión do Réxime, o pobo segue no sofrimento do desemprego, do escravismo laboral para aqueles e aqueleas que aínda teñen traballo. A Lei Mordaza fai os estragos que se prevían, os desafiuzamentos seguen como hai dez anos, a lacra dos asasinatos machistas, etc.

Os partidos xestores do Réxime e non só o PP están a desenvolver políticas reaccionarias de recentralización e criminalización do dereito a decidir, o lexítimo proceso soberanista aberto en Catalunya está chegando a extremos delirantes por parte do Goberno de Rajoy.

Diante deste cadro político, económico e laboral tanto no contexto nacional galego como no escenario internacional, desde a CUT reafirmámonos na necesidade de seguir ocupando a rúa, nunha perpectiva de unidade obreira e popular. Sería una grave irresponsabilidade histórica que a esquerda sindical, a social e a política non entenderá esta conxuntura e a necesidade insoslaiable da unidade para enfrontar as políticas capitalistas.

O principio de unidade de clase, a estratexia de unidade obreira e popular e da solidariedade internacionalista hoxe máis que nunca non son conceptos teóricos, porque nunca o foron. O problema de Catalunya obviamente trascende ó pobo desa nación irmá, porque é un conflicto que nos afecta a todos e a todas. A agresión imperialista a Venezuela tampouco é un problema circunscripto ó heroísmo dese proceso revolucionario, porque ese País é a punta de lanza de América Latina e no Mundo fronte os obxectivos do imperio.