Os cidadáns temos que defender a radiotelevisión pública

Os cidadáns temos que defender a radiotelevisión pública

149

Esteban Abalde, traballador de Televisión de Galicia (2000-2006), desde 2006 na Televisión do Principado de Asturias na que é presidente do comité de empresa polo sindicato CSI

Sen unha información completa e veraz é imposible a democracia

Disque a información é o poder. Nunha democracia, os cidadáns teñen que estar ben informados, se non non hai democracia. Se non somos unha masa manexable nas mans dos que controlan a información e tratan de enganarnos. O dereito constitucional a comunicar e recibir libremente información veraz, reflicte a importancia de que os cidadáns estean ben informados para establecer unha democracia avanzada.

O control da información que chega aos cidadáns non pode quedar nas mans de empresas privadas. Sería como privatizar a democracia. Basta ver quen son os accionistas dos principais medios de comunicación deste país para darse conta de que non están ao servizo dos cidadáns senón dos bancos, das grandes corporacións e do negocio privado.

Sempre estivo claro que a televisión comercial se dirixe ao público como consumidor, difunde ideas destinadas a promocionar o seu negocio privado e non dubida en desprestixiar o servizo público. A televisión pública diríxese ao público coma cidadán. O seu labor fundamental é informar e formar cidadáns capacitados para pensar de maneira crítica e para participar activamente nunha sociedade democrática.

O control da información que chega aos cidadáns non pode quedar nas mans de empresas privadas.

Unha radiotelevisión pública debe ser independente de control político para poder exercer de vixilante do poder. Os gobernos enchen os seus órganos de dirección e os seus consellos de administración de delegados políticos, moitas veces de dubidosa capacidade profesional, que só defenden intereses partidistas. O criterio profesional queda relegado e sometido ao criterio político.

O negocio privado cos servizos públicos, unha tendencia perniciosa

Coas institucións totalmente controladas polos partidos da corrupción, a utilización de todos os servizos públicos para facer negocio privado está á orde do día. E o seu desprestixio é unha excusa para privatizalos. Velaí o exemplo das caixas de aforros.

Nas televisións públicas, os dirixentes encargan programas a empresas privadas mediante contratos que só interesan aos empresarios e aos políticos que os fomentan, pero que supoñen sobrecustos de diñeiro público e unha grave perda de calidade.

As de nova xeración, creadas hai 10 ou 15 anos, como a radiotelevisión asturiana, xa naceron cun modelo baseado na contratación coa empresa privada, a externalización e a subcontratación que, ademais de explotar e precarizar aos traballadores, supón un importante malgasto de diñeiro público que queda no peto de intermediarios e non repercute nos cidadáns.

Moitos destes intermediarios están relacionados cos principais medios de comunicación da rexión, que reciben deste xeito unha boa recompensa económica pola súa fidelidade ao goberno. Unha recompensa pagada con cartos públicos.

Nas creadas nos anos 80, como a Galega, a súa conversión cara ao novo modelo é lenta pero constante. Aos gobernos non lles importa desprestixiar os medios públicos. Se acaban por pechalos ou privatizalos, como fixeron coas caixas, gañan os de sempre. Entretanto, partido a partido, xa van gañando.

Quen perde sempre é o cidadán. Uns cidadáns que debemos implicarnos na defensa duns medios públicos e independentes do control político que son fundamentais para a democracia, para unha sociedade libre, xusta e respectuosa cos dereitos humanos.