Abonda de prácticas abusivas en Copo Ibérica

Abonda de prácticas abusivas en Copo Ibérica

81

A Sección Sindical da CUT en Copo Ibérica denuncia que dende hai uns meses a Dirección da empresa comezou a levar a cabo prácticas inhumanas como a de ter traballadores e traballadoras sen percibir salarios durante 15 días. Estas traballadoras e traballadores nin sequera están dadas de alta na Seguridade Social durante ese periodo.

Isto obedece á subvención que a Xunta de Galicia fai ao cargo dos cartos de todas nós para que se realicen este tipo de prácticas co falso argumento de buscarlle un traballo a cidadáns desempregadas, argumento que unha vez máis deixa claro a política antiobreira do goberno do PP. Unha estratexia de escravización baseada na maquillaxe de cifras e non nunha lectura da realidade social e política do país. Estes traballadores e traballadoras atópanse prestando o seu traballo de xeito gratuíto durante 15 días, e peregrinan dunha empresa a outra como man de obra gratuíta. A maiores disto realizan cursos teóricos despois de 8 horas de traballo que nada teñen que ver co posto ou coa fábrica na que realizan o traballo gratuíto.

Isto faise a través das novas ETTS, axencias de colocación e agrupacións patronais como AEMOS. A patronal tampouco respecta a letra pequena dos acordos marco para as prácticas posto que no plano teórico non poden desesenvolver un traballo asalariado senón que a función estrita é a de recibir formación, algo que non sucede na maioría dos casos.

A Sección Sindical da CUT en Copo Ibérica denuncia que dende hai uns meses a Dirección da empresa comezou a levar a cabo prácticas inhumanas como a de ter traballadores e traballadoras sen percibir salarios durante 15 días.

Puxemos estes feitos en coñecemento da Inspección de Traballo e da Seguridade Social e xa en diversas ocasións lle solicitamos á Dirección o cese desta terríbel práctica. Desafortunadamente a Empresa argumenta a legalidade desa práctica. Por outra banda é a CUT a que se queda en solitario ante esta denuncia posto que o resto do Comité de Empresa (CIG) acepta esta práctica na Empresa.

Foron varias as acción sindicais que levamos e seguiremos levando a cabo dende a Sección sindical da CUT (coma sempre en solitario neste centro) cando se trata de dar a cara polas traballadoras. De continuar a Dirección con estas prácticas abusivas verémonos na obriga de tomar acción sindicais máis contundentes.

Este sábado 1 de xullo realizaremos unha Asemblea de Traballadoras para valorar as medidas a tomar por parte da Sección sindical da CUT.