A nova casa do Escárnio e Maldizer será a rúa. Manifestación 10...

A nova casa do Escárnio e Maldizer será a rúa. Manifestación 10 de xuño

99

Este sábado 10 de xuño ás 21 horas partirá da Alameda de Compostela unha mobilización contra o desaloxo dun espazo que defendeu unha alternativa sociopolítica e cultural no corazón da cidade.

O CSOA Escárnio e Maldizer converteuse dende a súa fundación nun centro social de referencia na cidade de Compostela, transformando a rúa da Algalia d’Arriba e a antiga sede da asociación Cantigas e Agarimos nun espazo de encontro e de actividade sociopolítica e cultural. Propiedade da Construtora La Rosaleda e Alpanide o edificio permanecía baleiro pola vontade especuladora das construtoras propietarias, nunha cidade vella que ten 1.100 vivendas desocupadas, segundo datos do Consorcio, tal e como nos conta o dixital galego Sermos Galiza.

A aposta pola ocupación do espazo para abrilo á veciñanza nun traballo meritorio que conta hoxe coa simpatía das veciñas e veciños da contorna e dos movementos sociais do país, veuse chapodada pola posición irresponsable dos Xulgados da cidade, que pretendendo defender abstractos dereitos de propiedade xeraron un problema político ao situar ás Forzas de Seguridade en conflito coas activistas dese espazo, a través dun auto de desaloxo que non resulta comprensible na cidade.

Cartaz da mobilización deste sábado 10 de xuño.

Pola súa banda, a actitude parapolicial dunha Policía Nacional con ánimo represivo e sede de vinganza prendeu o lume na cidade, co resultado de varias activistas feridas, moitas delas en zonas vulnerables como a cabeza. Porque o represivo non quita o cortés a mensaxe quixo ser contundente: están dispostos a todo. Unha vez máis os parasindicatos SUP e CEP coa inestimable axuda dos publicitarios El Correo Gallego e La Voz de Galiza organizaron a campaña do psicoterror na cidade para apagar a chama da solidariedade, que neste momento prende con forza no país. Ao tempo, o tapiado deste espazo convertíase nunha actividade protoelectoral do Partido Popular que aproveitaba o incendio creado polas súas institucións afíns para intentar un novo asedio do goberno municipal compostelán.

A coraxe das activistas que defenderon todos estes anos un espazo baldeiro como propiedade mancomunada aprendéronnos o valor dun proxecto defendido contra o absurdo dunha propiedade privada pola que todas estamos a pagar un prezo impensable, que é a morte do corazón da cidade. Por iso este sábado 10 de xuño, ás 21 horas, non podemos estar noutro lugar que non sexa a mobilización nacional que parte da Alameda de Compostela.