CUT recórdalle a Noriega que a única “porta de atrás” que houbo...

CUT recórdalle a Noriega que a única “porta de atrás” que houbo no Concello foi a das infraccións laborais

1017
Martiño Noriega durante a roda de prensa desta mañá

O Alcalde ridiculiza ás traballadoras dos Centros Socioculturais de Santiago de Compostela despois de terlle gañado un preito ao Concello que o condenou por un dos máis graves incumprimentos laborais: a cesión ilegal de traballadoras/es.

O grupo de goberno de Santiago de Compostela vén de emitir un intolerable comunicado na súa páxina Web, que foi enviado á prensa esta mañá, cun resumo das intervencións do rexedor compostelán que parece querer diluír as neglixencias municipais na xestión dos Centros Socioculturais nun novo ataque ás 8 traballadoras que foron declaradas persoal laboral indefinido non fixo do Concello por un fallo do xulgados que considerou que o Concello cedeu ilegalmemente man de obra a unha empresa privada.

Considerar que esta sanción legal é unha entrada pola “porta de atrás” como veu aseverar esta mañá o Alcalde Martiño Noriega é un ataque gratuíto e desproporcionado ás traballadoras que en exercicio dos seus dereitos lexítimos acabaron por demandar as actitudes irresponsábeis da administración local de vulneración dos dereitos laborais básicos do cadro de persoal, e resulta preocupante en canto supón unha manifestación de mofa máis cara aos pronunciamentos xudiciais que protexen aos traballadores e traballadores da impunidade na que viven as administracións públicas respecto ao seu persoal.

Utilizar ao persoal como arma política entre gobernos ou grupos municipais é unha mostra dunha práctica decadente da xestión municipal. Para a Sección Sindical da CUT no Concello, que conta con representación entre estas traballadoras, resulta indecente que un goberno municipal que leva mantendo durante un ano enteiro a xestión do servizo público de Centros Socioculturais en mans privadas sen contrato, contravindo a normativa en contratación pública, xenere tales bombas de fume diante da veciñanza compostelana, simulando que o problema do servizo é un fallo xudicial fundamentado en criterios de estricta legalidade no canto do obvio: que non se está ao que hai que estar.