“No albergue de Vigo botan fóra á xente habendo prazas libres”

“No albergue de Vigo botan fóra á xente habendo prazas libres”

317

Cun leve acento vasco e ton calmo, Juan Miguel Carollo reivindica a dignidade. Leva corenta e seis días de acampada na praza do Concello de Vigo avaladas polas 4.000 sinaturas recollidas ata o de agora. “Queremos que o alcalde nos reciba e pedimos unha boa xestión dos recursos”, sostén.

O obxetivo é acadar as 10.000 sinaturas para impulsar a súa demanda social baseada na garantía do dereito a que todas as persoas teñan un refuxio e non se vexan obrigadas a durmir na rúa, a mellora dos recursos e servizos do albergue municipal e a creación  dun protocolo de urxencia para evitar os desafiuzamentos. Ante o silencio administrativo e un alcalde que se nega a recibilos, Juan aposta por falar con toda a veciñanza de Vigo porque o máis importante para el é “sensibilizar e concienciar a todas e todos”.

Queremos que o alcalde nos reciba e pedimos unha boa xestión dos recursos

Cal foi o detonante que te levou a emprender esta protesta en forma de acampada na praza do Concello?

En xuño de 2015 haberá dous anos que estou na rúa e, dende aquela, realicei varias protestas. Hai un ano iniciei unha folga de fame que durou 10 días. Durante esa folga, atopei catro persoas máis sen teito pero o alcalde, Abel Caballero, sostén que na rúa durme quen quere. Como pode dicir iso? Entón, levouse a cabo unha reunión de colectivos afíns para facer algo ante esta situación.

Poderías falarnos máis desa situación?

Fun testemuña de como un día dende o albergue municipal chamaron á policía local para que botase unha persoa fóra porque o aforo estaba completo. Mentres estou na acampada baixo alí ducharme e lavar a roupa e, nestes días, cambiaron catro veces o sistema de ducha. Tamén me perderon dúas veces a lista da roupa e iso implicou que estivera ata 14 días sen ter roupa limpa. Hai persoas ás que lle custa ir ao albergue e non as culpo. O albergue municipal deixa moito que desexar. Unha cousa é o seu regulamento e outra a forma de xestionalo.

No albergue só podes estar durante dez días e, a maiores, as prazas son insuficientes e vai mudando o sistema de funcionamento. Cres que quen xestiona o albergue  ten realmente como obxetivo albergar?

Tan importante é ter unha cama para durmir e algo para comer como que che axuden á reinserción

Dáche a sensación de que vales menos ca un papel mollado. Vin como unha muller que cumpríu os 10 días no albergue, e non rotou, volveu para durmir unha noite máis no albergue pero non lle deixaron pese quedar catro camas libres. As normas din que o da rotación só é para cando non hai sitio.

Tan importante é ter unha cama para durmir e algo para comer como que che axuden á reinserción. Pedinlle ao alcalde que me dixera cantos programas deste tipo realizaron e non me contestou ninguén. Ademais, tes que facer cola durante horas ante o albergue para que ao final che digan que non podes entrar e hai veces que xa non che dá tempo de ir ao albergue de Teis. Non é xusto. Podería ser tan doado como ter un programa informático que vaia contabilizando as prazas e que o propio albergue che buscase unha solución pero nunca chamar á policía local para que te bote… porque logo o alcalde di que quen durme na rúa é porque quere. O sistema é moi deficiente.

Que regulamento segue o albergue?

Ten o interno, redactado polo concello, e o provincial, que recolle os termos xerais. O albergue é para os maiores de 18 anos e menores de 65, se es maior tes que durmir nun caixeiro. Particularmente, custoume moito conseguir o regulamento porque a Cruz Vermella, que xestiona o albergue, cambia a normativa como lle dá a gana cando non debería ser así.

Cantas prazas hai no albergue?

Trinta e oito. Delas, oito son para mulleres.

Cantos albuergues hai en Vigo?

Municipal, só este. Son 38 prazas para todo Vigo. O outro, o de Teis, é xestionado por unha congregación eclesiática e está a piques de ser privatizado para ampliar as prazas do asilo. Se xa hai problemas imaxina o que vai vir.

Ninguén lle aluga un piso a quen está a percibir a RISGA e iso non pasaría se houbese un seguro de pagos da Xunta

No 2016 o albergue municipal tivo un presuposto de 680 mil euros, 400 mil en soldos. Este ano o presuposto ascende aos 800 mil euros pero o traballo segue sen facerse. O problema con nós é que temos datos e somos persoas reais que pasamos por esta situación. E vemos que teñen un negocio. Por iso, cando presentamos as follas de sinaturas tamén explicamos o que aquí sucede. Ten que saberse.

Juan, acompañado por Paco Veloso e Carlota Pérez, do movemento asociativo de Vigo, asegura que esta semana van percorrer os barrios de Vigo mañá e tarde para falar coa veciñanza. “Esta é a deriva do capitalismo, os de arriba que mexan polos de abaixo”, sostén Veloso. “Ninguén lle aluga un piso a quen está a percibir a RISGA e iso non pasaría se houbese un seguro de pagos da Xunta”, mantén Pérez que critica a indiferenza da maioría dos concellos galegos con respecto ó dereito a unha vivenda. Na rúa, entre tendas de campaña e follas de sinatura, resiste a loita dos que se negan á que lle rouben o seu direito a vivir con dignidade.