Pescanova, negociación e asemblea

Pescanova, negociación e asemblea

126

O venres día 24, as partes en conflito foron citadas pola Inspección de Traballo para buscar unha saída negociada á situación. A primeira condición que puxeron os sindicatos convocantes da Folga (UGT, USO, CIG e CUT) foi que na mesma non estivese CCOO pola súa actitude contra a unidade sindical e por non ser convocante da folga. Despois de xuntanzas tensas, a mediación, dirixida por Casas de Ron e Verónica M. Barbier, aceptou establecer dúas mesas de negociación.

Ao final do día chegouse ao acordo de establecer un calendario de negociación nos días 29, 30, 31 de marzo e 1 de abril para discutir tres puntos fundamentais: suba salarial, flexibilidade e categoría de entrada. A mediación esixiu a  retirada das medidas de presión de ambas as dúas partes en conflito.

O sábado 25 celebrouse unha nova asemblea, desta vez no Multiusos de Chapela, para explicar o falado o venres e propor un novo calendario de mobilizacións de non chegarse a acordo algún neses días marcados.

A asemblea, novamente exitosa, deu o seu apoio absoluto ao Comité e aprobou o calendario establecido. As traballadoras e traballadores concluíron que están unidas na defensa do seu convenio e preparadas para unha loita prolongada no tempo.

Onte comezou a longa marcha cara a Vitoria.