CUT pide en Compostela un Observatorio Municipal da Contratación Pública

CUT pide en Compostela un Observatorio Municipal da Contratación Pública

99

A CUT Compostela vén de enviarlle unha solicitude de xuntanza aos catro grupos municipais con representación no Concello de Compostela (Compostela Aberta, Partido Popular, PSdeG-PSOE e Bloque Nacionalista Galego) á fin de tratar unha proposta que elaboraron as traballadoras e traballadores das diferentes contratas da auga e do lixo afiliad@s á CUT: a creación dun Observatorio Municipal da Contratación Pública naqueles municipios dispostos a poñerlle luz e taquígrafos á xestión privada dos servizos públicos.

Este observatorio pretende axuntar e sumar os esforzos dos grupos municipais, das entidades veciñais, dos sindicatos e doutros axentes sociais da cidade á hora de supervisar o estricto cumprimento das condicións pautadas para a prestación dos nosos servizos públicos, baixo os principios da transparencia, o respecto aos dereitos laborais, e a existencia dunha xestión participada dos servizos polos usuarios e usuarias.

Unha das principais preocupacións da nosa central sindical, fundada ao amparo dun compromiso efectivo cos dereitos da clase traballadora galega pero tamén coa defensa do ben público como máximo ordinal dunha sociedade que se oriente cara a Xustiza Social, é a caótica xestión que no noso país se está a facer das contratas municipais de servizos (así tamén nas de obras e suministracións) que dan amparo a dous coñecidos monstros que non poden ter cabida na xestión delegada das res publica: a corrupción e a impunidade na imposición de condicións laborais por baixo da legalidade laboral. A terceira pantasma que se manifesta nas contratas públicas é a xestión dos servizos de costas conxunto da cidadanía sendo conscientes de que só nun auténtico diálogo coas persoas usuarias se poden construír uns servizos á altura dos nosos tempos.

Sen dúbida o espazo municipal é un campo propicio para traballar unha transformación de raíz no modelo de relacións laborais existente, absolutamente degradado, pero tamén para brandir a transparencia e a participación como ferramentas de combate contra a xestión neglixente dos nosos recursos municipais. Un cambio de modelo na xestión municipal das contratas públicas, no que a luz e o taquígrafo sexan a norma, pode remover os cimentos dunha tan arraigada historia de incumprimentos, transgresións contractuais, e espazos de impunidade patronal.

Unha vez emprazados os catro grupos municipais, esta central sindical queda á agarda de ser citada para manter encontros con estas forzas políticas, á hora de sumar apoios para que un futuro Pleno do Concello de Compostela aprobe a constitución deste observatorio, que marque unha nova etapa na xestión dos servizos públicos.