1ª Marcha do Persoal Precario das Administracións Públicas

1ª Marcha do Persoal Precario das Administracións Públicas

98

Precariedade laboral é precariedade asistencial

Cando a patronal é a administración tamén hai emprego precario. O persoal que traballa nos servizos públicos, aqueles e aquelas que atenden as necesidades da cidadanía, está sometido a condicións inaceptables, a contratos por horas, á incorporación ao posto de traballo a toque de corneta, á inestabilidade e inseguridade, á explotación laboral inxustificada.

Esa situación de precariedade non lle afecta exclusivamente ao persoal que a padece, senón que vai en detrimento da calidade dos servizos públicos e, polo tanto, atínxelle ao conxunto do pobo traballador.

A precarización do emprego público é a ferramenta predilecta dos actuais gobernantes para os seus obxectivos privatizadores, para tornar as necesidades sociais nun negocio lucrativo, para mudar a asistencia e o servizo universal nunha mercadoría accesible só para quen a poida pagar.

Para denunciar esta situación e para defender o emprego e os servizos públicos, a CUT sumarase mañá á 1ª Marcha do Persoal Precario das Administracións Públicas, unha manifestación na que iremos da man de múltiples colectivos amigos e que partirá do Parlamento galego ás 10 horas para rematar ás 12 na Praza do Obradoiro coa lectura dos diversos manifestos. As nosas seccións sindicais nas bibliotecas públicas, na consellería de Política Social ou na CRTVG tamén secundarán a marcha. Defendamos o público, o que é noso, entre todos e todas.