10 de marzo: construíndo o sindicalismo nacional e combativo

10 de marzo: construíndo o sindicalismo nacional e combativo

125

Este 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, sairemos á rúa concentrándomonos na Porta do Camiño, en Compostela, a partir das 12 da mañá. Ese mesmo día asistiremos á Asemblea Nacional de delegadas, delegados e cadros da CUT que vai ter lugar un chisco antes, ás 10 da mañá, no Centro Social do Matadoiro en Compostela.

Foi tan grande o impacto daquela xornada de sangue que aínda chega aos nosos días en forma do Día da Clase Obreira Galega e, coma tal, non o debemos esquecer nunca.

Por outro lado, temos que lembrar que esta data conta cun profundo significado histórico que nin o sindicalismo nin o conxunto do pobo traballador galego pode pasar por alto. A traxedia obreira que se perpetrou en Ferrol o 10 de marzo de 1972 foi, sen dúbida, a inspiración que deu pé ao nacemento do sindicalismo de clase nacional, ao tempo que, desde entón, Galicia lle rende memoria aos operarios asasinados, Amador Rey e Daniel Niebla. Estes dous traballadores de Bazán atopáronse coa devastadora morte aquel 10 de marzo en forma dun refacho de disparos por parte da policía franquista. Catro mil individuos pertencentes ao persoal traballador dos estaleiros de Ferrol saíran esa mañá a se manifestaren polos seus dereitos laborais. Pero no cruce entre a avenida de As Pías e a estrada de Castela atopáronse cos denominados “grises”. A Policía Armada, da que hoxe provén a Policía Nacional, disparou contra a manifestación dando lugar a eses dous terribles asasinatos, ademais de 40 feridos. O traballador Julio Aneiros, por pórmos un caso, foi dos operarios que resultou moi grave tras este acto de violencia do Estado. Mesmo pódese verificar nas crónicas da época que incluso os grises subiron aos campanarios das igrexas para tratar de abater as persoas que estaban na rúa en actitude manifestante. Nos días seguintes multiplicaríanse as fuxidas, as detencións e as torturas. Foi tan grande o impacto daquela xornada de sangue que aínda chega aos nosos días en forma do Día da Clase Obreira Galega e, coma tal, non o debemos esquecer nunca.

Pero cómpre achegar un dato, se cadra, aínda máis importante que o que acabamos de sinalar porque este día conmemorativo vai máis alá do ritual por uns determinados feitos fatídicos que aconteceron hai varias décadas. En primeiro lugar, alén da merecida lembranza simbólica de Amador e Daniel, o 10 de marzo supón a aparición da nosa expresión sindical propia en clave nacional. O pobo traballador galego na súa totalidade, independentemente da súa afiliación sindical e do sector onde se exerza, toma fonda conciencia e pode verse reflectido tanto en clave nacional coma de clase neste día sinalado de combate proletario. Por se non fose abondo, engadiremos que estamos ante unha cita ineludible pois os problemas socio-laborais que combateron Daniel, Amador e as súas compañeiras e compañeiros seguen estando vixentes hogano e incluso nunhas circunstancias peores tralo agravamento das consecuencias do capitalismo, despois da desaparición do bloque socialista, que todo o mundo xa ben coñece en forma de recortes de toda índole amais da mingua dos servizos públicos imprescindibles que semella que van camiño da desintegración.

Polo tanto, as celebracións arredor das figuras de Amador e Daniel ou dos sucesos do 10 de marzo de 1972 non son para nós unha peza de museo, senón que conforman a panca fundamental da nosa razón de ser, sen dúbida o lume que nutre e vigoriza o noso sindicalismo nacional combativo.

O pobo traballador galego na súa totalidade, independentemente da súa afiliación sindical e do sector onde se exerza, toma fonda conciencia e pode verse reflectido tanto en clave nacional coma de clase neste día sinalado de combate proletario.

Seguindo esa lóxica contestataria que enarboramos no noso discurso seguimos traballando na loita emancipadora das clases oprimidas e xa temos en proceso de preparación a Asemblea Nacional de Delegadas e Delegados así coma de cadros da CUT e que terá lugar, como xa amentamos, ese mesmo día. Convocamos ese conclave reivindicando o espírito e a experiencia de 1972, non só polas mobilizacións de Ferrol senón que tamén temos moi presentes outras como as de Vigo, e reclamamos, por suposto, a Amador Rei e Daniel Niebla coma mártires desafortunados pois foron quen padeceron as peores consecuencias aínda que temos moi claro, como estamos vendo, que a súa morte non foi en van.

Esta asemblea nacional encádrase no camiño encetado para acabar converxendo con toda a afiliación no VI Congreso Nacional da CUT e que se celebrará en Vigo o 27 e o 28 de outubro deste 2017 no que queremos reescribir o modelo sindical nacional, de clase e combativo que precisamos para esta etapa. Non son poucas as tarefas pendentes, comezando pola revisión do plano organizativo e da mobilización dentro dos parámetros sociopolíticos. Asemade, propómonos decididamente acabar co sectorialismo e mais co burocratismo sindical.

Nesta nova xeira que se abre diante nosa, co Congreso Nacional de outubro á fronte, a CUT considera vital centrarse no necesario labor de seguir a construír a unidade obreira e popular na rúa, seguíndomos a potenciar as Marchas da Dignidade que foron, ata o de agora, a ferramenta máis útil a disposición da sociedade civil para lle plantar cara ao capitalismo e ao réxime corrompido do Estado Español. Debemos perseverar na unión de todos os sectores que representan as capas populares indo da man dos movementos sociais pois ao sistema capitalista; que xamais se humanizará, como ilusamente pretende convencer unha socialdemocracia desnortada no plano ideolóxico e instalada na práctica dentro do propio sistema; só se lle pode ferir de morte mediante o concurso de toda a maioría social persuadida para levar adiante unha mobilización permanente e sostida no tempo.

Esta asemblea nacional encádrase no camiño encetado para acabar converxendo con toda a afiliación no VI Congreso Nacional da CUT e que se celebrará en Vigo o 27 e o 28 de outubro deste 2017 no que queremos reescribir o modelo sindical nacional, de clase e combativo que precisamos para esta etapa.

O día 10 en Compostela lembrando a masacre dos nosos traballadores en 1972 e facendo camiño na Asemblea Nacional de cara ao VI Congreso da CUT.

 

Vivan Amador e Daniel!

Viva o Día da Clase Obreira Galega!