Un novo sindicalismo será o movemento que andamos buscando?

Un novo sindicalismo será o movemento que andamos buscando?

381

Rita González é mestra e afiliada da CUT Ourense

 

 

Sen chegar a conclusións claras e convincentes, lévase xa varios anos tentando artellar organizacións políticas inclusivas, participativas, democráticas… Dicía Gramsci que un partido nunca está formado, no senso de que todo desenvolvemento crea novas tarefas e misións e tamén no senso de que para algúns partidos é certo o paradoxo de que só están plenamente formados, só son completos, cando xa non existen; é dicir, cando a súa existencia resulta historicamente inútil. Sexa como for, non cabe dúbida de que o debate sobre como debe ser a organización política que a esquerda precisa para frear este capitalismo salvaxe está aí. O número de votos acadado polas novas propostas (AGE, En Marea, as mareas municipalistas…) confírmanos que se estaba no certo de tentar novos instrumentos políticos. Porén, os obxectivos non se acadarán se a clase traballadora non toma conciencia de clase e sinte a necesidade de organizarse.Para iso resulta fundamental organizacións sindicais cun ideario político claro, cuns obxectivos expresados dunha forma nidia e decididos entre todos, e tomar conciencia de que precisamos organizacións sindicais inconformistas.

Para a maioría dos novos traballadores o traballo era un aburrimento, o “sindicato estaba aí”, e cos compañeiros compartías unha cervexa ou non.

Coas políticas do PSOE en pleno desenvolvemento, James Petras sinalaba en 1995 que España era o país que se encamiñaba máis lonxe e máis rápido cara un sistema l de dous terzos, onde as ordenanzas laborais establecían abertamente por lei desigualdades de rendas substanciais e salarios por debaixo do límite da pobreza; con escasas, cando as había, regulamentacións no que atangue os abusos patronais. A ausencia de socialización temperá nos valores da clase traballadora (especialmente a través da familia), e a “xenerosidade” ou mala conciencia dos pais, limitaban o xurdimento dun “movemento xuvenil” socialmente rebelde. A converxencia do desencanto e acomodación da xeración maior coa despolitización da xeración moza era unha razón para que, a pesar do sub e desmprego masivos, non houbera movementos sociais a grande escala. Para a maioría dos novos traballadores, en contraste cos seus pais -que sentían unha identidade ou orgullo de formar parte dunha fábrica ben coñecida, de ser membros dun sindicato, e ter amigos próximos no traballo- o traballo era un aburrimento, o “sindicato estaba aí”, e cos compañeiros compartías unha cervexa ou non. Ademais dunhas condicións obxectivas, unha lexislación laboral adversa, un Estado hostil e uns empresarios agresivos que apuntaba Petras, existen tamén outras condicións subxectivas.

É raro atopar obreiros nos cadros das organizacións políticas e menos nas súas listas electorais, e non digamos xa mulleres obreiras. O feminismo ou a atención á diversidade tamén raras veces se elabora dende unha base de clase.

Tal como veñen apuntando diversos autores, dende fai varias décadas a deslexitimación da clase obreira foi entrando en todas as organizacións, mesmo en moitas comunistas. A lectura da sociedade en termos de clase desapareceu sendo ocupada por outros termos como os de cidadanía. É raro atopar obreiros nos cadros das organizacións políticas e menos nas súas listas electorais, e non digamos xa mulleres obreiras. O feminismo ou a atención á diversidade tamén raras veces se elabora dende unha base de clase.

Apelar á produtividade para resolver as cuestións económicas é improcedente dende unha óptica socialista, pero tamén dende a saúde pública e medioambiental.

Por outra banda, aínda que algúns autores consideren que o sector servizos está por se desenvolver, existe unha realidade inmediata que nos indica que non hai postos de traballo suficientes para todos, o traballo escasea e cando o hai cada vez é máis precario, obrigando a unha gran maioría de traballadores a seguir no limiar da pobreza. O número de autónomos vai en aumento, e aínda que algúns son falsos autónomos, hai tamén unha maioría de obreiros que abandonan a fábrica para poñer o seu negocio, desenvolver o seu proxecto artístico ou abandonar o mundo laboral.

Apelar á produtividade para resolver as cuestións económicas é improcedente dende unha óptica socialista, pero tamén dende a saúde pública e medioambiental. Ademais, para unha grande maioría de investigadores a crise enerxética é unha realidade, o que nos obrigaría a modificar o modelo económico. Lonxe de considerarse esta situación como unha catástrofe non estaría mal considerala como unha oportunidade intelectual, tal e como apunta James Livingston. Oportunidade que nos esixiría reflexionar sobre cuestións éticas e espirituais, e sobre a necesidade de rexeitar a idea de que o traballo dignifica ao ser humano.

Por que somos incapaces de imaxinar o día en que as máquinas permitan ao home dedicar á política parte do tempo que empregaba en traballar. Se o crésemos apostaríamos pola Renda Básica Incondicional.

Apunta que: “Dende hai séculos vímonos definindo a nós mesmos de acordo co que facemos, co que producimos. Esta definición leva adscrita o principio produtivo (de cada quen segundo as súas posibilidades, a cada quen segundo a súa creación de valor real por medio do traballo) e obríganos a alimentar a idea inane de que o noso valor vén determinado polo que o mercado pode rexistrar, en termos de prezo.

Se xa Aristóteles intuíra que un día as máquinas permitirían ao home dedicar á política parte do tempo que empregaba en traballar, por que nós somos incapaces de imaxinalo? Se así fose estariamos decididos a apostar enerxicamente pola Renda Básica Incondicional. Unha arma inmediata para frear os abusos dos mercados e garantir a dignidade de toda persoa, xa que son as condicións materiais de vida as que a garanten.

O fordismo rematou. Xa non ten sentido imaxinar a clase traballadora estratificada, sectorizada.

O fordismo rematou. Xa non ten sentido imaxinar a clase traballadora estratificada, sectorizada. Pode que só teña sentido concibirmos como unha clase, a Clase Traballadora, onde a diferenza de salarios, horarios, descansos… sexa mínima. Dicía Gramsci que: «Os presupostos do movemento de fábrica que tende a facer <<subxectivo>> o que xa existe <<obxectivamente>> son que unha división do traballo cada vez máis perfecta reduce obxectivamente a posición do traballador na fábrica a movementos de detalle cada vez máis <<analíticos>>, de modo que ao traballador individual escápaselle a complexidade da obra común e na súa conciencia desprézase a súa propia contribución ata parecer substituíble en calquera momento». Dada a situación actual, onde o convenio colectivo desapareceu, onde a loita por manter determinados postos de traballo leva á desaparición de outros, ou a degradación de outros ou do medio
ambiente, onde só cabe unha lectura global ante esta globalización criminal, consideremos o mercado laboral como unha soa e grande fábrica.

Para unha mestra do ensino público que analice a realidade dende unha posición de clase é fácil de entender. A calidade do ensino público resulta decisiva na formación dos fillos da clase traballadora. Se determinada condición laboral prexudica a calidade do ensino, dende unha posición de clase un traballador ou traballadora obrigatoriamente non pode demandala. Un exemplo claro disto poderían ser as materias afíns ás que voluntariamente moitos profesores con contratos temporais optan ante a posibilidade de perder un tempo de traballo. O feito de que a Consellería de Educación non esixa titulación para impartilas afecta claramente á calidade do ensino.

A calidade do ensino público resulta decisiva na formación dos fillos da clase traballadora. Se determinada condición laboral prexudica a calidade do ensino, dende unha posición de clase un traballador ou traballadora obrigatoriamente non pode demandala.

Ou como apuntaba Petras no seu informe “maiores gastos en educación superior, nun sistema onde predomina a clase media, e gastos relativamente máis baixos na formación profesional, os cales afectan á clase traballadora, poderían incrementar as desigualdades, mellorar a calidade da educación da clase media, e ter un efecto contrario sobre a clase traballadora.” Sinalaba, mesmamente, que a formación profesional fora abandonada cara unha economía baseada no turismo, na administración pública e nas plantas de montaxe. É nesta realidade onde temos que ordenar organizacións sindicais que axuden a construír a hexemonía. Organizacións sindicais cunha estrutura dinámica, unha formación exhaustiva e que desenvolvan unha actividade heteroxénea.

Organizacións sindicais cunha estrutura dinámica, unha formación exhaustiva e que desenvolvan unha actividade heteroxénea.

Unha estrutura dinámica onde todos poidan participar nos cargos de responsabilidade. Ao estilo da democracia grega clásica, autopropostos na asemblea e, unha vez aceptados por esta, sexan elexidos por sorteo para exercer o posto. Ou como era nas asembleas sindicais dos primeiros tempos onde se consideraba que “todos os homes son iguais” e “o que afecta a todos debe ser decidido por todos”. Onde a elección dos directivos por sorteo era frecuente. Foi a persecución legal e social a que foron sometidos os sindicalistas a que provocou o cambio á representatividade, xa que precisaban rapidez e discreción. Unha estrutura que sexa atractiva para que as persoas queiran participar e desenvolver actividades, propoñer outras e manterse activos na organización. Sentir que o dinamismo lles permite aprender e ensinar, en definitiva, politizarse.

Unha formación exhaustiva de cadros e militantes. Formación que debe chegar a toda a poboación que o desexe. Para facer unha análise crítica da realidade precísase de ferramentas que non adoitan ser adquiridas dun xeito natural. Sería necesario crear as condicións materiais para que o maior número de persoas poida saír da condición de subalternidade. Estaríamos moi equivocados se crésemos que todo o que teña vontade pode formarse e informarse. Por outra banda, non se trataría de adquirir coñecementos para un crecemento persoal ou coa idea de mellorar o nivel de información, senón que o obxectivo tería que ser a transformación social, que implicaría a propia transformación individual.

Unha formación exhaustiva de cadros e militantes. Formación que debe chegar a toda a poboación que o desexe.

Por último, unha diversidade de actividades onde a dimensión comunitaria debe resultar imprescindible. Agora que se acaban de cumprir 50 anos dende a fundación do Black Panther Party, a súa actividade pode ser o mellor exemplo. Crear comunidade, construír espazos de fraternidade popular, crear tecido social foi o que construíron ou fortaleceron as Panteiras Negras, pero tamén o movemento obreiro. A organización de actividades cotiás vinculaba organicamente a estes movementos coas comunidades ás que intentaban servir. Lonxe de institucións de representación constituíanse en institucións de participación.

Crear comunidade, construír espazos de fraternidade popular, crear tecido social foi o que construíron ou fortaleceron as Panteiras Negras, pero tamén o movemento obreiro.

A necesidade dun compromiso individual superando o espazo reivindicativo resulta crucial para a construción de movementos. Polo tanto, os dispositivos organizativos deben chegar aos espazos educativos, sanitarios, sociais e culturais. Aínda que con compromisos específicos, a visión, como apuntaba antes, ten que ser global. Apoiando, claro está, ás organizacións que veñen desempeñando accións concretas e axudando a outras a que superen a reclamación ou demanda de mellores condicións materiais.

Así, por exemplo, en educación deberíase crear unha rede de profesorado que coa súa acción pedagóxica axude a superar as deficiencias, que son moitas, do sistema educativo actual. Sen necesidade de esperar á modificación lexislativa, hai cantidade de accións que farían vulnerable o actual modelo educativo. O profesorado debe ser consciente de que é un instrumento máis do sistema. Que na LOMCE, non só as reválidas son un claro intento de socavar o progreso educativo do alumnado que pertence á clase traballadora máis desfavorecida, ou que precisa unha atención específica de calidade. Cuestións como: a modificación na avaliación, de progresa adecuadamente/necesita mellorar á cuantificación do 1 ao 10 no alumnado de primaria dende os seis anos; a repetición curso tras curso dos mesmos contidos, sen tempo suficiente para que os que teñen un ritmo máis lento ou se atopan nunha situación de debilidade emocional sexan incapaces de asimilalos con garantías de éxito (non considero que os contidos da etapa non sexan asumibles, o que me estou a referir é a necesidade de organizalos doutro xeito); cuestións como a formación do profesorado resultan cruciais se nos decatamos de que o alumnado de familias pobres repite máis do que o de familias ricas.

Debemos reflexionar sobre o feito de que unha gran porcentaxe das  actividades de apoio ás persoas que se atopan en situación de pobreza están xestionadas por organizacións relixiosas.

Os coñecementos sobre a pedagoxía crítica, as teorías da reprodución, o efecto da desigualdade nos resultados académicos do alumnado, o efecto Pigmalión… resultan imprescindibles na formación dos docentes. Favorezamos un debate para saber se se considera necesaria esa rede de protección.

Outra rede imprescindíbel é a sanitaria. Favorecer a organización de prácticas concretas do persoal sanitario contra as políticas do Sergas resulta esencial. Non pode ser, como é o caso, que a denuncia pública reprobando á Consellería de Sanidade por amoestacións ou ameazas aos facultativos por prescribir determinados medicamentos aos pacientes sexa individual e dependa do nivel de independencia profesional que cada médico se autoesixe. Precisamos que o persoal sanitario que vén saíndo a rúa apoiando a Plataforma pola Sanidade Pública dea un paso máis e se organice con accións concretas que vaian contra a actual política sanitaria.

En canto ás actividades sociais, só quixera dicir que deberiamos reflexionar sobre o feito de que unha gran porcentaxe das  actividades de apoio ás persoas que se atopan en situación de pobreza están xestionadas por organizacións relixiosas. Non se pode dicir máis, a necesidade de mudar isto é perentorio.

Non existe tamén un clasismo e un elitismo por parte da esquerda “intelectual” á hora de facer esas análises e valoracións?

Xa por último falar das actividades culturais. Existe un illamento social entre a clase traballadora máis desfavorecida, non digamos xa o lumpen proletariado, e a que ata o de agora se considerou a clase media progresista. Distinta ideoloxía, distinta música, distinto estilo de vida, distinto linguaxe e distintas condicións materiais de vida? É verdade que esta é unha clase individualista, reaccionaria, racista, homófoba? Non existe tamén un clasismo e un elitismo por parte da esquerda “intelectual” á hora de facer esas análises e valoracións? Non está esa clase traballadora desfavorecida, culturalmente incomunicada pola esquerda que exerce de máis culta? Non existe por parte dos intelectuais de esquerda unha endogamia que non axuda á transformación social? Actualizar a proposta das Misións Pedagóxicas da Segunda República sería un bo comezo.

As organizacións sindicais precisan mudar e abrir urxentemente o debate de como debe ser o novo sindicalismo. A sociedade precísao. Será un novo modelo de sindicalismo o movemento que nos últimos anos todos andamos buscando?