Cuestión de clase: transversalidade e alodoxía

Cuestión de clase: transversalidade e alodoxía

167

Ricardo Castro é Responsábel de Organización da CUT.

 

 

 

Non é nova a pregunta que imos facernos aquí, ao igual que moitas das respostas que poidamos dar. Imos pois.

Dende os anos setenta do século XX, poñemos encol da mesa a grande cuestión: onde está a clase traballadora? U-la súa resposta ante o vórtice do capitalismo que nos afoga? Ten que ser a precariedade obediente o noso destino? Somos mansos ou idiotas? Non hai ira en nós?.

Na nosa defensa sempre argumentamos co neoliberalismo (a imposición do mesmo coa doutrina do shock e a Escola de Chicago), coa velocidade (os cambios impostos sen espacio para a reflexión e a historia a ritmo de dous minutos por segundo), sempre argumentamos co medo a perder, coa comodidade que nos induciu a morfina do chamado “estado de benestar”, con iso de “a mocidade non quere loitar” (coma se a mocidade de hai trinta anos fora un coro soviético levantando un mundo de barricadas), con iso da desmobilización das democracias, a caída do bloque comunista, a globalización, a vida a crédito… e un camiño interminábel marcado con pedras argumentais nas que, a modo de fe, depositamos as nosas xustificacións. Adianto que comparto moitos destes argumentos, e adianto tamén que non vou dar ningún outro. Tan só quero introducir algún elemento máis para axudar na reflexión colectiva de cara a conseguir o impulso na primeira oportunidade que nos dea un acontecemento.

Dende os anos setenta do século XX, poñemos encol da mesa a grande cuestión: onde está a clase traballadora? U-la súa resposta ante o vórtice do capitalismo que nos afoga? Ten que ser a precariedade obediente o noso destino? Somos mansos ou idiotas? Non hai ira en nós?.

Nos últimos anos tentouse diluír, máis ben borrar, do debate político a loita de clases, coma se Fukuyama tivera razón en algo. Esta realidade, levada a efecto mediante a perversión da linguaxe e o silencio na análise, non tiña máis intención que ocultar o conflito de clase que moveu e move a historia. Alguén pode contradicir que esa é a lóxica que debe gobernar a cabeza do capital e os seus medios de comunicación? Supoño que non, o que si xa resulta máis patético é que sexamos nós os que participemos dese circo. Explícome.

Hai unha serie de cambios que afectaron claramente á nosa forma de vivirmos coma proletariado (aceptando que debemos redefinir o termo en canto ao seu contido). Algúns destes cambios parecía que estaban deseñados para mudar as cousas nun sentido positivo para a clase traballadora cando en realidade contribuíron ao noso afundimento. Outros forman parte da intelixencia maquiavélica do capital e sempre estiveron diante nosa para que picaramos neles.

Dentro do primeiro bloque vou destacar dous (a bo seguro que hai moitos máis) que están na boca de todas nós:

  • Transversalidade: na súa definición fala do obxecto ou elemento atravesado dun lado cara ao outro extremo, ou que se interpón de xeito perpendicular con aquilo do que se trata. Outra definición é aquilo que se desvía da orientación recta ou principal. Se o levamos ao político é transcender a división entre esquerda e dereita buscando o máis beneficioso para toda a sociedade.A transversalidade tiña para nós un principio positivo pois pretende atravesar toda a sociedade (a transversalidade de xénero é o exemplo máis claramente positivo) para mellorar as nosas condicións sen excepción. O problema é que caemos nunha das definicións: a perda da orientación principal que non era outra que a derrota do capitalismo. Esquecemos que é o capitalismo quen xera as desigualdades fundamentais e que o capitalismo leva na súa xénese a confrontación de clase. O “boismo” dialéctico (pretender dulcificar a nosa linguaxe para captar masas) fíxonos silenciar as verdades para en realidade non ofender ao inimigo. A día de hoxe eu non podo confiar nesa transversalidade que inunda os discursos de esquerda porque o único que estou a observar (sumido na miña subxectividade, seguro) é que a esquerda ten medo de falar da loita de clases, ten medo a chamarlle polo seu nome aos explotadores, aos burgueses e aos pequenoburgueses. Pode resultar arcaico pero aínda non cheguei ao posmodernismo. Moitas das loitas que se declaran transversais deixan de selo cando sitúan a súa loita parcial por riba do ben e do mal, cando a sinalan coma obxectivo único e universal e cando perden a perspectiva de clase. Será porque o momento o reclama ou será polo meu maniqueismo, pero penso que agora só podemos situar a historia na confrontación de clase directa: eles ou nós, eles contra nós. O resto só contribúe á derrota.

    A transversalidade tiña para nós un principio positivo pois pretende atravesar toda a sociedade para mellorar as nosas condicións sen excepción. O problema é que caemos nunha das definicións: a perda da orientación principal que non era outra que a derrota do capitalismo

  • Distorsión: alteración dun feito falseando a realidade. Velaí a nova política. A clase traballadora, na súa desesperación ou apatía, acudiu aos discursos que falaban de mudar a realidade, a eses discursos que daban de novo crédito ao capitalismo parlamentario, á xestión das miserias. Escoitamos incluso falar de romper (“hai que romper, romper agora” que dicía Antón Aviles de Taramancos) e ao único que chegamos, cando menos de momento, é a un movemento de cadeiras, caras novas con novas ambicións e novos espectáculos de pressing catch para conseguir unha foto ou un cacho da tarta. Patético ver como a ideoloxía e a ética enchendo a boca dalgúns na defensa da clase traballadora (da que por certo pouco saben, á que se achegan para “orientar” cando non son quen de comprendela porque non é o mesmo estar con ela que ter unha traxectoria social sendo parte dela aínda que logo saltes a outro status) foi quedando baleira para enchela do que faga falta para medrar. A dura consecuencia para nós foi que perdemos o norte e o tempo confiando nos procesos electorais que nada mudaron cando o único camiño é a presión da mobilización nas rúas, no cemento e no frío.

     

    A clase traballadora, na súa desesperación ou apatía, acudiu aos discursos que falaban de mudar a realidade, a eses discursos que daban de novo crédito ao capitalismo parlamentario. O único ao que chegamos é a un movemento de cadeiras

No segundo bloque atopamos elementos xa coñecidos e ben utilizados polo capital:

  • Alodoxia: foi Bourdieu quen desenvolveu este concepto para falar da pequena burguesía que asimilaba coma súas costumes e prácticas da clase alta, ata o punto de pensar que así formarían parte desa clase cando obviamente non o eran. Esto pode pasarnos tamén á clase traballadora cando asimilamos costumes e prácticas da burguesía (si, xa sei que agora todas somos clase media, é menos despectivo que pequena burguesía), xeralmente en base ao crédito, para crernos parte desa clase. Este si é un factor determinante de desmobilización popular, deixamos de ser clase traballadora porque fomos un día a esquiar e nas vacacións achegámonos a París; e París ven vale non ir á folga.
  • O discreto encanto da burguesía: falo agora daqueles e daquelas que son burgueses e odian selo, queren destruír a burguesía para crear unha nova clase burguesa que teña toda a lexitimidade social para existir e da que loxicamente elas e máis eles formarán parte. Neste colectivo atopamos unha auténtica lacra porque falan en nome da clase traballadora, na súa defensa, cando en realidade queren diferenciarse dela con claridade. Defender ao proletariado forma parte do seu maxín ideolóxico, é un elemento odioso pero necesario. Algúns sufrirían urticaria se traballaran oito horas nunha fábrica.

Seino, nada novo aportei. A única intención deste artigo é reflexionar en alto porque o que si precisamos é pensar para recuperar posicións. Armar as nosas cabezas (cando menos) e volver á confrontación de clase directa, sen distracións.