Un ano máis coa CUT

Un ano máis coa CUT

80

Manolo Camaño é Secretario Xeral da CUT

Rematou o ano 2016 consolidando todas e cada unha das lacras que machucan a clase traballadora galega: desemprego, precariedade, desafiuzamentos, reformas do público e outras formas de miseria nas que vai desembocar sempre a senda do capital mentres prevaleza o  dominio das democracias burguesas. Vímolo anunciando desde hai un tempo, e haberá que prestar atención, pois o Réxime tratará de volver a normalidade reflotando tamén as corporacións sindicais por ser estas instrumentos indispensables para a concertación e a paz social.

E se en Galicia ese suxeito nacional que é o pobo traballador galego foi agredido e mesmo cousificado mediante a alienación máis castrante e acadando taxas de pobreza non vistas en décadas, as nosas ansias de soberanía, en primeiro termo, tamén se viron reprimidas. Pero é precisamente neste punto, lonxe de se achicar ou de sucumbir coma pobo sen identidade ou esfumarse sumindo noutras culturas e formas de poder político-económico co epicentro fóra deste país, onde hai que encetar un novo proceso de análise e reflexión para reaccionarmos, como traballadoras e traballadores conscientes, e concluír que este sistema non serve e menos baixo o xugo dun goberno alleo. Non podemos permitir que os momentos máis álxidos da chamada crise e os constantes envites do neoliberalismo acaben, por aquilo de priorizar necesidades, coas ansias de facer efectivo, mesmo persuadindo o noso movemento obreiro, un dereito lexítimo para o que debemos seguir traballando facilitando en todo o posible a chegada do seu momento histórico: o dereito á libre determinación de Galicia, no que de levarse a cabo contemplaría, por suposto, a alternativa da independencia. Na CUT, sen caermos na teima infantilista rachando frontes de unidade popular, sempre tivemos claro que que a loita social e nacional van da man, están interrelacionadas.

O Réxime tratará de volver a normalidade reflotando tamén as corporacións sindicais por ser estas instrumentos indispensables para a concertación e a paz social.

Neste ano rematou un ciclo electoral que puxo a proba á esquerda real, a sindical, a política e a social. Ciclo onde o  réxime foi capaz de reconducir a súa axenda e saír das súas horas baixas. É evidente a capacidade que tivo o réxime de metamorfosearse. Vemos que o PP segue mantendo a súa vixencia electoral malia o declive a nivel de escanos e votos mentres o PSOE tende a agonizar pero, paradoxicamente e por desgraza, segue a roubar unha manchea de votos progresistas naqueles sectores populares que con todo o seu dereito practican “o voto útil de esquerda”. Despois resulta evidente a aparición non casual dun novo partido ultra e anti-obreiro como se non abondase co que tiñamos. Ciudadanos, contando cun acusado e inhabitual apoio mediático co que non contan outras forzas, irrompe como o resorte imprescindible e necesario respondendo ós intereses do gran capital e da Igrexa anti-abortista e anti-feminista que non deixan de clamar, como cans coa rabia, polo “pacto da estabilidade”. Esta nova figura política vén actuar de empaste  para tapar os furados e seguir a manter o réxime borbónico cubrindo as carencias e a deriva do bipartidismo que, por primeira vez na historia, como estamos a falar, queda tocado de morte. Pola súa banda, unha parte importante do que tiña que ser a alternativa na esquerda demostrou a súa fraxilidade, cando non a escenificación política e parlamentaria patética. Detrás da abstracción da “nova política” escondíase en realidade as rancias inercias e pulsións da vella. Na democracia burguesa cando se esquece a mobilización social, canto máis se se sabotea, simplemente non existe vía institucional para a transformación social.

A CUT estivo en primeira liña enfrontando o combate social na rúa, nos centros de traballo e compracémonos de participar nas plataformas unitarias cos movementos socias que son de vital importancia hogano para seguir reclamando uns dereitos que a clase obreira coma nunca está a ver conculcados por mor da rapiña das oligarquías e das políticas anti-sociais da UE. A nosa proposta desde hai seis anos segue a ser a mesma: unidade  obreira e popular. Só así teremos capacidade de enfrontar os problemas sociais e laborais a nivel sectorial pero sobre todo, tamén, a nivel global. Simplemente, non poderemos enfrontar a negociación colectiva exitosa ou mesmo eliminar o pánico instalado en amplas capas traballadoras sen unha convulsión social que as ampare. Esa rebelión imprescindible so será posible coa articulación da unidade obreira e popular.

A CUT é unha ferramenta sindical socio-política e con ela continuaremos a enfrontar a nova etapa de xeito eficaz e coherente cos retos que se nos aveciñan, solidarizándomonos sempre coas persoas represaliadas e enviadas a prisión en todo o Estado por manter simplemente unha postura digna e combativa ante a barbarie do capital. Non hai moito reclamamos a concorrencia da nosa filiación e de todo o tecido asociativo civil para arroupar o compañeiro Emilio Cao, estudante do Carballiño. Poderá seguir contando co concurso das nosas forzas e do noso incondicional apoio contra unha sentenza fraudulenta a raíz daquel 22 marzo nas rúas de Madrid. En xaneiro farémolo tamén por Diego, o rapaz do barrio vigués de Coia procesado polo dedo fascistoide do Alcalde Abel Caballero.

A nosa proposta desde hai seis anos segue a ser a mesma: unidade  obreira e popular. Só así teremos capacidade de enfrontar os problemas sociais e laborais a nivel sectorial pero sobre todo, tamén, a nivel global.

Comeza, logo, o 2017 coa bagaxe e a experiencia do ano que está a rematar e tamén de toda a nosa traxectoria desde a nosa fundación hai dezasete anos. A curto prazo cumprirá abrir de novo o debate no seo da nosa organización sindical. O VI Congreso da CUT celebrarémolo o 28 de outubro en Vigo. Unha xeira que comezará nos centros de traballo e nas asembleas de base realizadas tanto nos nosos locais como na rúa e que culminará nunha convocatoria xeral na que se perfilarán as vindeiras vías de funcionamento interno e de actuación de cara a consecución dun país e dun mundo mellor. É unha obriga fomentar o debate construtivo e autocrítico coa maior obxectividade posible e sen ningún ápice de sectarismo. Só desenvolvendo unha praxe coherente poderemos tirar unhas conclusións frutíferas para o futuro. Na CUT imos facelo.

Para rematar lembramos as próximas citas no ano que entra e que terán lugar o 25 de febreiro en Compostela en defensa dos servizos públicos e das pensións. E despois do 1º de Maio, volveremos o 27 dese mesmo mes a Madrid coas Marchas da Dignidade. Máis unha vez chamamos á unidade pois non haberá posibilidade de converter as distintas trincheiras de loita, por moi lexítimas que semellen e por moi ben organizadas que estean, en vitorias se non o facemos desde unha perspectiva de clase pero, ante todo, unitaria. Se todos os sectores golpeamos xuntos golpearemos máis forte. Tan só nos queda desexarvos desde a CUT que teñades unha boa entrada de ano e que se cumpran todos os vosos anhelos de liberdade.

Saúde, unidade popular e loita obreira!