Novecento de Bertolucci. 1976. Unha epopea do movemento obreiro italiano

40

Novecento, dirixido por Bernardo Bertolucci en 1976, conta no elenco con actores como Robert de Niro, Stefania Sandrelli ou Gérad Depardieu, e é unha epopea do movemento obreiro italiano. A brillante fotografía de Vittorio Storaro e a banda sonora de Ennio Morricone convértenna nunha imprescindíbel. Se te dispós a ver Novecento tómao con calma (ou por partes), pois dura ao redor de cinco horiñas. Pero merece (e moito!) a pena. Acompañamos o filme cun artigo de Miguel A. Montes, por se a alguén lle interesa ler algo máis sobre o filme.


Novecento: A loita de clases no cinema

Artigo de Miguel A. Montes
Rebelión

Este nadal imos estar sometidos ao bombardeo mediático-consumista, compra-gasta, compra-gasta, de forma compulsiva, ademais de poder “admirar” a paisaxe fílmico-bíblica habitual con charramangadas do Nadal que coma un monstro prefabricado sobre as nosas cabezas nos narcotiza e oculta os “nadais” reais dos outros, os parados, os desafiuzados, os que morren de fame por alimentos caducados, e as leis profascistas de “seguridade cidadá” que buscan aplacar a ira popular ante tantas inxustiza causadas pola crise do capitalismo, sistema caduco e sen futuro, que non cae se non o facemos caer. Xa non hai que mirar a outros países, témolos aquí na nosa propia casa e nas nosas propias familias.

Pasalo cos nosos seres queridos, mostrar sentimentos, alegrías, amizade e amor, non significa caer nas charramangadas, nin ser indiferente e acrítico co que nos rodea, a vida mellor é e será a que construamos nós mesmos aquí na terra e lonxe do ceo, non é o “espírito santo” senón o “espírito humano” de carne e óso, real, clasista, o que prevalece nas loitas contra as inxustizas do capitalismo e o capitalismo mesmo. A indiferenza non nos fará máis libres, simplemente faranos “embelecer” as nosas cadeas de forma activa e voluntaria.

Por iso mesmo, e por manter un espírito crítico cara á realidade que nos envolve, non estaría de máis botar unha ollada á filmoteca e nestas datas ver a que para min é a máis grande obra mestra da historia do cinema. Novecento. Seguro, que nos fará amar máis aos nosos próximos, aos de nosa propia clase, sexan quen sexa, e elevaranos o ánimo que tanto necesitamos para dar solidariedade cara a quen loita e sofren, e libraranos da evasión para loitar nós mesmos contra os verdadeiros “demos” desta terra, a oligarquía financeira e as súas castes caducas, polo obxectivo dunha sociedade máis xusta, máis humana e máis bela: o socialismo.

Novecento. Materialismo Histórico en estado puro

Novecento , é unha película bela, necesaria e imprescindible para comprender a historia de Italia en concreto, e de Europa por extensión do contexto histórico, durante o século XX, unha película que non deixa de ser unha homenaxe ao Partido Comunista Italiano e á clase obreira. Unha película non apta para fascistas e liberais.

Superproducción cun custo de 400 millóns de pesetiñas da época, en 1976, producida paradoxalmente por tres grandes da industria cinematográfica: Paramount, Fox e United Artist. Bernardo Bertolucci, o seu director, parte do cadro do “Quarto Stato”, que narra o nacemento dun novo proletariado agrario que loita polo socialismo e contra o fascismo na primeira metade do S.XX. A película ródase entre os escenarios reais da rexión de Emilia-Romagna, nos estudios de Cinecittá Studios de Roma e na leira rústica “A Piacentine”.

Bertolucci soubo dispoñer dun cadro de persoal de actores da época, que cunha maxistral interpretación deron vida aos personaxes de Novecento: Burt Lancaster, Sterling Hayden, Gerard Depardieu, Robert de Niro, Stefanía Sandrelli, Donald Sutherland, etc. A melodía central creada e dirixida por Ennio Morricone é un himno de exaltación obreira e popular (Romanzo, Está 1908, Il Quarto Stato, Primavera 1945).

O fío condutor é a historia italiana desde xaneiro do 1901 ata abril de 1945, cun epílogo situado na primavera de 1976. Os principais acontecementos históricos que destaca a película son a morte de Verdi, a folga agraria de 1908, a Iª Guerra Mundial, a creación do PCI (Livorno, 1921), o golpe de estado dos fascistas e Mussolini (1922), a prohibición do PCI (1925), a IIª Guerra Mundial, o día da liberación (25 de abril 1945) e a derrota do fascismo.

A película comeza co día da Liberación na que os braceiros aparecen tomando represalias contra os patróns e fascistas mentres tratan de fuxir. Este feito tivo gran importancia en todos os países liberados de Europa, como Italia, onde ao longo de 1945 a Resistencia executou ata 15.000 colaboradores do fascismo. Daquela a película retrocede ata o 27 de xaneiro de 1901, coincidindo coa morte de Verdi, Bertolucci en 5 horas e media de metraxe trata de explicar como se chegou a esa situación de represalia ás clases posuidoras, centrándose na relación dialéctica que manteñen Alfredo, neto do patrón da leira (Burt Lancaster), e Olmo, fillo bastardo dunha campesiña, neto de Leo Dalcó (Sterling Hayden).

Bertolucci relata a historia desde o punto de vista destes personaxes. Aínda que as circunstancias do momento os enfronten durante toda a historia, xurdirá entre eles unha gran amizade. Tras a Iª Guerra Mundial, Olmo encabeza xunto a Anita a súa compañeira mestra do pobo (Stefania Sandrelli) os movementos de loita dos traballadores do campo, mentres que Alfredo leva unha vida relaxada ata a repentina morte do seu pai Giovanni Berlinghieri (Romolo Valli) na que se ve obrigado a asumir as rendas de patrón.

A partir de entón Attila, capataz da campo e xefa fascista, ante a pasividade do seu patrón, Alfredo, realiza todo tipo de abusos e inxustizas contra os campesiños. A ira dos campesiños estala sobre Attila, que lle fan unha máscara de merda na praza (secuencia inesquecible coa música de Morricone de fondo), Olmo ten que fuxir, e en represalia os camisas negras asasinan a varios campesiños.

Durante a metraxe é impresionante a forma de Bertolucci de mostrar a miseria dos campesiños, o caciquismo, a ilusión e esperanza do pobo polo socialismo. Bertolucci relata como xermola a semente do fascismo, reflicte como ninguén a crueldade dos “camisas negras”, a importancia e precocidade do sexo no mundo agrario, as condicións de vida e traballo do campo, o papel da muller como traballadora agraria, a denuncia da guerra imperialista mundial, a evolución das reivindicacións obreiras e os seus obxectivos históricos, e como se acumula o odio no pobo cara ao fascismo. Bertolucci tamén presenta a inviabilidade das posicións liberais, que non se identifican co fascismo pero tampouco coas aspiracións revolucionarias da clase obreira, encarnadas en Octavio (Werner Bruhns), o tío de Alfredo, e a súa muller, Ada (Dominique Sanda), aos que Bertolucci lles asigna papeis de embriaguez e derrota. A duración de 5 horas e media de película, longa, pouco atractiva para os valores comerciais mercantilistas, non a desmerecen, ben podería durar 10 horas, pois non causa desasosego, e engancha desde o principio, cando os partisanos perseguen e capturan aos fascistas, ata o final.

Bertolucci non só traza un cadro das loitas de clase durante a metade do século XX, senón tamén describe a psicoloxía duns protagonistas antagónicos como clase e emparentados pola amizade, para describilos como figuras emblemáticas desas loitas de clase. Amizade prexudicada pola aparición do fascismo, un fascismo cruel representado en Atilla Mellanchini (Donald Sutherland). A necesidade de situar aos protagonistas, Olmo e Alfredo, o patrón e o braceiro comunista e partisano, no interior dunha facenda campesiña limita o conflito de clases a unha dialéctica entre residuos feudais agrarios e o campesiñado que se transforma en proletariado agrícola.

As catro estacións serven como fondo para situar a historia, seguindo o esquema da vida e produción agraria. A infancia dos protagonistas, Olmo e Alfredo, preséntase no verán, que coincide co xurdimento do movemento obreiro, a adolescencia no outono que coincide coa aparición das loitas obreiras, folgas, etc., a madurez no inverno que coincide co xurdimento do fascismo e a prohibición do PCI, e a primavera que coincide coa derrota do fascismo e os soños de liberación socialista, inspirado nas concepcións da vangarda do movemento obreiro italiano da época, o PCI.

Bertolucci tamén reflicte a decadencia da ideoloxía burguesa. A morte de Verdi serve para marcar comezo dunha nova época. Se a ópera verdiana responde as esixencias da burguesía nacional que realiza a unidade italiana, a morte de Verdi anuncia a caducidade da cultura nacional-burguesa e a necesidade histórica dunha nova forma artística, nacional obreira e popular. A festa popular no patio da facenda tras a liberación, no que desaparece o protagonismo individual da ópera verdiana característico da ideoloxía individualista da burguesía para ser substituído polo protagonismo da colectividade traballadora que emparenta a Novecento coas mellores obras revolucionarias do realismo socialista soviético de Eisestein e Pudovkin. Do mesmo xeito que con outras grandes películas sociais da historia do cinema como O Acoirazado Potenkim, Novecento non se libra dos calificativos de propaganda minimizando as súas enormes calidades artísticas. En realidade, a contribución ideolóxica de Bertolucci é o intento de buscar unha explicación aos acontecementos desde a óptica do materialismo histórico: o papel do desenvolvemento das forzas produtivas e a loita de clases. A progresiva industrialización agraria coa substitución do arado animal polo tractor por mor da introdución do tractor e o anciño mecánico. A transformación do papel do terrateniente coa introdución do capitalismo agrario, os cambios impostos pola nacente organización sindical no campo, que obriga a recoñecer dereitos, que enlaza co contexto das loitas sociais e políticas do proletariado urbano e o xurdimento e a hexemonía da tendencia comunista, revolucionaria, dentro do movemento obreiro fronte á socialdemocracia, o reformismo, reflectida na obra teatral dos titiriteros na praza. E evidentemente a conxuración das clases posuidoras do campo, os terratenientes, pequenos propietarios e a igrexa para financiar ao fascismo.

En Novecento non hai concesións de ningunha clase, nin ao politicamente correcto, nin ao pudor sexual, xorde como un incómodo mísil artístico, como un fresco histórico dirixido á cabeza da burguesía, levantando sen complexos a bandeira vermella, comunista, homenaxeando aos explotados, o proletariado e os campesiños. Novecento , película dirixida por Bertolucci, está inevitablemente impregnada da súa militancia comunista na época. De forma inevitable, tal e como dicía Picasso cando declaraba que el era comunista, pero que a súa pintura tamén o era. É unha película que se pode catalogar dentro do realismo socialista defendido por Bertold Brecht, porque como el mesmo describe, cando define o realismo socialista (1), reflicte a causalidade complexa das relacións sociais, denuncia as ideas dominantes como ideas da clase dominante, e mira o fresco histórico desde a perspectiva e punto de vista da clase que no devir histórico contén a superación das contradicións sociais nas que se debate a sociedade. A loita pola liberación continúa

O tramo final da película tras a liberación de Italia, os partisanos armados capturan a Atilla, execútano e un mozo campesiño, Leónidas, captura a Alfredo. Reaparece Olmo que convoca un xuízo popular contra o patrón. Alfredo, acusado de beneficiarse dos labores dos campesiños mentres que estes sufrían na miseria, non é condenado á morte senón que simplemente a súa figura histórica, o patrón queda destruída. ?O patrón morreu? di Olmo. Neste xuízo Bertolucci, que non esquezamos realiza o guión xunto ao seu irmán Giuseppe e Franco Arcalli, denuncia con clarividencia maxestuosa a vinculación das clases explotadoras co xurdimento do fascismo. Di Olmo: “Os fascistas non son como os fungos, que nacen así nunha noite, non. Foron os patróns os que plantaron os fascistas, quixéronos, pagáronlles. E cos fascistas, os patróns gañaron cada vez máis, ata non saber onde meter o diñeiro. E así inventaron a guerra, e mandáronnos a África, a Rusia, a Grecia, a Albania, a España. Pero sempre pagamos nós. Quen paga?. O proletariado, os campesiños, os obreiros, os pobres.” Denuncia de rabiosa actualidade.

Pero inmediatamente tras o xuízo o Comité de Liberación Nacional da Alta Italia (CLNAI) chega á facenda e esixe aos traballadores a que entreguen as armas. Logo abandonan o lugar, eufóricos, izando a gran bandeira da fouce e o martelo a través do campo, e Alfredo afirma “o patrón está vivo”, escena que logo en 1976 desemboca nun ambiguo final.

Este tramo, debemos situarnos no contexto histórico e furgar para desvelar a mensaxe final, a desconfianza dos campesiños cando entregan as armas e a afirmación de Alfredo de que a figura do patrón non desaparece, reflicte unha realidade na que a película non profunda pero da que tampouco foxe, o cambio de correlación de forzas mundial capitalismo/socialismo, onde Italia, a pesar de ter un dos partidos comunistas con maior influencia en Europa Occidental, ten que tragar o capitalismo, e por tanto, a loita continúa. Non esquezamos que o imperialismo ianqui non permitiu que culminasen os procesos revolucionarios en chan xa ocupado, daí a rápida restauración do capitalismo en países onde os comunistas resistentes eran hexemónicos no movemento anti-fascista, onde existían forzas populares capaces de iniciar transformacións revolucionarias, e Partidos Comunistas de masas, o mesmo PCI en 1.946 no V° Congreso do mesmo ano contabilizaba 1,7 millóns de militantes. Con todo, non todo é estático, evolutivo, nin mecánico, no salto a 1976, cos dous protagonistas xuntos xa envellecidos (a amizade perdura á marxe das contradicións sociais), o tren das bandeiras vermellas reaparece e pasa por encima de Alfredo. Esta secuencia é indicadora de que  a loita entre os traballadores e os patróns continúa, os primeiros conseguen coa súa loita histórica desprazalos do poder, e que consecuencia destas loitas dialécticamente o tren da historia, a revolución socialista, segará metaforicamente a cabeza dos propietarios terratenientes e capitalistas. Grazas, Bertolucci, por esta obra mestra e revolucionaria.

Notas:

(1) Arte, cultura y revolución en el siglo XX. Jose Antonio Egido. http://www.rashmadrid.org/documentos/textos/80-arte-cultura-y-revolucion-en-el-siglo-xx